Creación e Restauración de Hábitats

Dende a OMA (Oficina de Medio Ambiente) da Universidade de Vigo desenvólvense accións de creación e restauración de hábitats que permiten a conservación do medio natural da universidade.

Revexetación do campus das Lagoas-Marcosende

O campus das Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo sufriu dous grandes episodios de alteración da súa cuberta vexetal. O primeiro deles foi a corta dos piñeiros (Pinus pinaster) que ocupaban a meirande parte da súa superficie. Posteriormente, o terreo foi nivelado con maquinaria pesada, o que ademais de destruír a cuberta vexetal de mato e herbáceas, provocou profundas alteracións nos perfís edáficos.

Naturalización dos estanques artificiais

Nos campus da Universidade de Vigo existen un total de 7 estanques artificiais e 3 lagoas seminaturais. As lagoas e os seus arredores, aínda que son espazos seminaturalizados de orixe antropoxénica, constitúen algúns dos hábitats de maior valor ecolóxico da universidade. Pola contra, os estanques constitúen elementos totalmente artificiais, pouco integrados na contorna e de menor valor natural, debido principalmente ós materiais cos que foron construídos (formigón, PVC, etc.) e á ausencia de vexetación natural propia dos hábitats acuáticos. Porén, o feito de atopárense nas zona máis urbanizadas dos campus xunto coa presenza continua de auga durante todo o ano, confírelles un elevado potencial ecolóxico, paisaxístico e educativo.

Plan de conservación de cursos de auga

As minas de auga son fendas cavadas no terreo co fin de abrir fontes naturais. No campus das Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo podemos atopar varios exemplos destas, que ademais de proporcionar auga de manancial, son dos poucos elementos singulares que aínda conservamos. Dende un punto de vista biolóxico, as minas funcionan como refuxio de certas especies que precisan da presenza continua de auga ou que se desenvolven mellor en ambientes frescos e sombreados.


Algúns dos cursos de auga do campus das Lagoas-Marcosende estaban sufrindo alteracións que diminuíron o seu valor natural. Para corrixir esta tendencia, a OMA iniciou un proxecto de restauración de hábitats fluviais.

Plan de conservación e seguimento dos hábitats naturais

Os obxectivos do proxecto de conservación dos hábitats do campus son os seguintes:

- Establecer un programa de seguimento das áreas nas que se realizou algún proxecto de conservación.

- Efectuar o manexo dos hábitats naturais seguindo unhas pautas que favorezan o incremento da biodiversidade, promovendo os procesos propios de sucesión natural.

Zonas húmidas

Dende a Oficina de Medio Ambiente creáronse e adecuáronse a Lagoa de Ciencias e a Lagoa de Filoloxía do Campus de Vigo, e a Areeira da Lonia do Campus de Ourense.