Erradicación de Especies Invasoras

Unha especie exótica invasora (EEI) defínese como:

"Aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural, que se atopa fóra da súa área natural de distribución por causas humanas, ben de xeito intencionado ou accidental, e que supón unha ameaza e é un axente de cambio para a diversidade biolóxica nativa, ben sexa polo seu comportamento invasor (contra a superviviencia das especies autóctonas, orixinais dunha zona) ou polo risco de contaminación xenética".

Existe publicado oficialmente un catálogo español de especies invasoras, pero aínda que son todas as que están, non están todas as que son (moitas veces por descoñecemento, desactualización ou por interese económico das especies). Tamén a nivel autonómico algunhas consellerías publican catálogos para as súas Comunidades Autónomas respectivas.

Segundo os catálogos publicados, definen as especies invasoras sempre como especies alóctonas (introducidas polo home), polo que nunca serán especies propias (autóctonas) dos hábitats considerados. Se unha especie autóctona tivese unha proliferación alta nunha determinada área, o conveniente sería falar de especie expansiva, pero non invasora (cf. "invasiva").

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo é o órgano encargado da planificación e xestión da erradicación de especies invasoras, xa que nalgunhas zonas do campus existe afección por parte de especies exóticas de carácter invasor que se presentan como un axente de cambio e ameaza, tanto de vexetación coma de fauna.

Problemática das especies invasoras

En primeiro lugar, a presenza de especies invasoras supón un problema de transformación dos ecosistemas (estrutura, diversidade). Isto débese a que aumenta a competencia entre especies para conseguiren os recursos tróficos (alimento) e o espazo (acubillo, territorio). Alteran a estrutura das comunidades tróficas que se ven obrigadas a tratar de adaptárense ás novas especies. As invasoras provocan o cambio no medio físico, modificando o hábitat e a paisaxe na que se hospedan. Moitas especies invasoras son especies "pioneiras" e proliferan e están moi ben adaptadas a hábitats que foron alterados ou degradados (p. ex. polo lume ou por obras de construción de viais e edificacións).

En segundo lugar, ocasionan danos socioecómicos considerables. Por unha banda, provocan unha perda de funcións do capital natural debido aos danos no terreo, á imposibilidade de pastoreo, á perda de especies propias para o consumo humano (pesca, agricultura), etc. Por outro banda, a aparición de especies invasoras supón o aumento do esforzo para a súa erradicación e xestión (custos e man de obra necesaria). Segundo unha análise do impacto económico de 125 especies invasoras en Europa (Kettunen et al. 2008), estímase que o custo real derivado dos danos na loita contra as especies invasoras alcanza os 9.600.000 € cada ano.

En terceiro lugar, as especies invasoras poden implicar problemas de toxicidade e de saúde nas persoas, na fauna e na flora circundante. Especies como o visón americano (Neovison vison) e o cangrexo americano (Procambarus clarkii) actúan como vectores de enfermidades e parasitos. Outras especies como o estramonio (Datura stramonium) presenta riscos de toxicidade debido á produción de sustancias tóxicas que empregan como mecanismo de defensa. Especies como a mimosa (Acacia dealbata) e outras cunha alta produción de pole, favorecen a aparición e propagación de alerxias entre a poboación. Ademais, moitas especies invasoras producen substancias alelopáticas que impiden e dificultan a proliferación doutras especies ó seu arredor.


Erradicación de canaveiras por baixo do párking de Industrais
Campaña no campus (ano 2021)
de erradicación de Arundo donax
Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Campaña no campus (ano 2025)
de erradicación de Myriophyllum aquaticum

Queremos agradecer toda a participación activa e útil que vén colaborando coa OMA na erradicación destas especies invasoras. É fundamental a participación de voluntariado e de institucións que colaboren nas tarefas de control e de erradicación de especies invasoras dos campus, así como a colaboración da Unidade de Xardinería e Paisaxismo da UVigo, sendo moi importante atender a uns protocolos de actuación en cada caso:


Tamén queremos agradecerlles ás lontras, corvos mariños, garzas, etc. as súas visitas ós campus e o traballo que fan alimentándose delas (p. ex. do cangrexo americano) axudando a manter o control das súas poboacións. Noutros casos, como exemplo o dalgúns parrulos, estes axudan á dispersión de flora invasora acuática cando a levan de lagoa en lagoa nas súas patas e plumaxe.

Actuacións de erradicación sobre especies invasoras

Vexetación Invasora no Campus de Vigo



   Listaxe oficial de flora invasora en España

   Listaxe de flora invasora en Galicia

   Catálogo oficial español de Flora Invasora

Fauna Invasora no Campus de Vigo