A Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo promove a sensibilización e educación ambiental a partir de programas educativos, itinerarios ambientais e outros labores semellantes.
Dende os seus inicios, a OMA planifica a Educación e a Sensibilización Ambiental como un dos puntos principais dos súas labores. Para iso, dende a OMA organízanse diferentes actividades que promoven a concienciación, a participación e a sensibilización no tocante ás temáticas ambientais.
En primeiro lugar, unha das actividades máis habituais son a realización de rutas ambientais polos campus para os nenos e as nenas dos centros de ensino da comarca que así o soliciten. Estes itinerarios están pensados para convivir coa natureza nunha contorna moi propicia para desenvolver boas prácticas e obter coñecementos relacionados co medio ambiente. En segundo lugar, dende a OMA prográmanse visitas polos campus co alumnado e profesorado da UVigo (mesmo co estranxeiro do programa Erasmus) co fin de que empreguen o campus como unha contorna docente para prácticas ambientais e transmisión de coñecemento, así como lugar de lecer e sensibilización ambiental. En terceiro lugar, a OMA aborda campañas específicas de concienciación e sensibilización ambiental nas que trata de involucrar a maior cantidade de xente posible. Para lograr este fin, a OMA organiza diversos eventos ao longo do ano, tendo en mente as celebracións anuais relacionadas coa sostibilidade e a natureza.