Auga

O uso da auga na UVigo está destinado principalmente a abastecemento de:

  • Aseos e vestiarios
  • Comedores e cafeterías
  • Laboratorios
  • Rega
  • Sistemas anti-incendios

A auga potable de subministración a aseos, comedores e laboratorios provén da "auga da traída" fornecida polas contratas municipais. Os sistemas de rega e anti-incendios do campus de Vigo fornécense de auga captada de pozos propios legalizados.

Aforrar auga non só axuda a diminuír os custos da factura deste consumo, tamén é algo positivo pró medio ambiente.

Co aforro de auga conséguese:

  • Aforro de custos da súa subministración.
  • Redución da enerxía necesaria para tratala, tanto na súa potabilización, como na súa depuración (polo tanto, evítanse tamén a produción de contaminantes consecuencia da necesidade desa enerxía).
  • Axúdanos a afrontar mellor as épocas de seca.

pozo-FTT
Un dos pozos de auga na Fac. de Filoloxía destinado a rega e extinción de incendios

Na UVigo véñense desenvolvendo as seguintes accións para mellora-lo estado e aforro da auga:

  • Pechar billas cando non se usan e instalar dispositivos de baixo fluxo.
  • Revisar que non haxa fugas.
  • Recirculala e aproveitala cando sexa posible e ambientalmente non supoña o consumo doutros recursos ou a xeración de contaminantes.
  • Minimiza-los residuos que se depositan nela.
  • Reduci-lo consumo de carne e produtos da dieta (hábitos alimentarios) que precisen para a súa obtención/elaboración cantidades inxentes de auga.
  • Optar por produtos locais e de tempada con menor pegada hídrica na súa produción e transporte.
  • Elixir alimentos frescos e pouco procesados, como froitas e verduras, fronte ós enlatados ou conxelados.
  • Minimiza-lo desperdicio de alimentos e aproveita-las sobras.
  • Reduci-lo consumo de produtos dun só uso que requiren de grandes cantidades de auga na súa elaboración.
  • Mercar equipos eficientes en canto ó consumo de auga.
  • Prioriza-lo consumo de auga de billa respecto da embotellada.
  • Fomentar prácticas de xardinería sostible: captación de auga de chuvia e o uso de plantas nativas resistentes á seca, de menores requisitos hídricos.
  • Promove-la reforestación e a restauración de hábitats acuáticos para mellora-la súa saúde.