Biorresiduos (residuos verdes)
Residuos orgánicos compostables

Residuos orgánicos procedentes de xardinería e de alimentación

Biorresiduo: produto biodegradable desbotado de xardíns e parques, residuos alimenticios e de cociña, procedentes de fogares, restaurantes, servizos de restauración colectiva e establecementos de venda polo miúdo (a retallo), así como residuos comparables procedentes das plantas de procesado de alimentos.

Nos campus, corresponden a residuos producidos principalmente polos restos de roza e poda da Unidade de Xardinería e Paisaxismo da UVigo.

A Unidade de Xardinería recolle os restos de poda e procede á súa trituración. Esta mestúrase cos restos de herba das rozas (campos deportivos e zonas verdes) e utilízase para emendas e como fertilizante de solo naqueles lugares nos que se decide o seu enriquecemento ou restauración. Procúrase que o tratamento para os coidados da herba e do arborado sexa sempre natural, evitando o uso de axentes fitotóxicos e herbicidas.


En relación cos residuos alimentarios (os procedentes de restos de comida), estes corresponden á produción das cafeterías e dos servizos de restauración (comedores) que traballan na universidade e que propiamente non son servizos universitarios, senón servizos adscritos por contrato. Son eses servizos quen se encargan da recollida e xestión dos seus propios residuos. Así, contactan directamente con xestores autorizados para a recollida e xestión do aceite usado das cociñas. Asemade, dispoñen os seu residuos asimilables a domésticos nos colectores de recollida selectiva municipal de rúa (azul para o papel, amarelo para os envases lixeiros e o específico para o vidro ou para os restos orgánicos). Con todo, nalgúns produtos teñen sistemas de devolución e retorno, como é o caso de moitas botellas/recipientes de bebidas, no que os provedores recollen estes recipientes baleiros para a súa reutilización. No caso do campus de Pontevedra, a Deputación colocou expresamente uns colectores para dispoñer restos orgánicos e de comida. Dispoñen de recollida pechada e periódica, e o seu destino é para a produción de compost como fertilizante. No caso do campus de Vigo, a contrata de restauración destina na súa maioría os restos de comida para o propio persoal da súa empresa ou para os veciños das aldeas e vilas da zona (Marcosende e Vilariño), xa que estes os aproveitan para a alimentación dos seus animais.

Que debo depositar?

  • Restos de xardín, os máis pequenos, por exemplo flores ou herba e poda pequena.
  • Restos de froita, incluídos os ósos/carabuñas.
  • Verduras restos orgánicos da colleita da horta.
  • Froitos secos.
  • Restos de café, pousos e filtros biodegradables (non-metálicos).
  • Restos de infusións, bolsiñas (sen grampas).
  • Cascas de ovo.
  • Pan.
  • Restos de carne, incluídos ósos.
  • Restos de pescado e de marisco.
  • Restos de pasta e de arroces.
  • Restos de comidas crúas ou cociñadas.
  • Alpiste.
  • Papel de cociña sucio (sen tintas).
  • Panos de man sucios (sen tintas).
  • Rollas: tapóns de cortiza.
  • Mistos.
  • Escarvadentes.
  • Paus de madeira dos xeados/sorbetes.
  • Serraduras de madeira.
  • Cinza de madeira natural.
  • Palla.

Instrucións

  • No concello de Vigo informan nun díptico sobre o que se debe depositar neste tipo de colector (polo xeral de cor "marrón") que se está a instalar dende o ano 2023 na maioría das cidades e vilas europeas: Díptico sobre o colector "marrón".
  • No campus de Pontevedra a Deputación colocou colectores nos campus para que os servizos de xardinería e os de restauración poidan depositar neles os restos orgánicos compostables
  • Deposita o residuo sempre en bolsas compostables de plástico biodegradable, ou de papel, sen tintas.