Pegada de Carbono e Pegada Ecolóxica

O obxectivo da nosa sociedade de progreso debería ser conseguir un desenvolvemento sostible, é dicir, satisfacer as necesidades presentes sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfaceren as súas. Por este motivo, é necesario avaliar as actividades humanas en función do impacto que producen sobre o medio e os recursos naturais. Con este fin, idéanse distintos indicadores que permiten medir o consumo de recursos e o nivel de degradación provocado no medio.

Neste apartado dáse conta do impacto ambiental, calculado como pegada de carbono ou pegada ecolóxica, da nosa institución. O estudo no tempo da pegada de carbono é unha ferramenta axeitada para identificar as actividades que precisan melloras, ou nas que é posible introducilas de cara á redución de gases de efecto invernadoiro (GEI) e, deste xeito, conseguir que a Universidade de Vigo estea nun proceso de mellora ambiental continua.

O estudo da pegada de carbono ten un importante interese e utilidade debido a que pon de manifesto un compromiso de mellora continua da UVigo de cara á redución de emisións e á eficiencia enerxética. Así mesmo, actúa como instrumento de divulgación e sensibilización social da comunidade universitaria, fomentando prácticas máis sostibles no exercicio e no uso das actividades desta institución.

Anualmente trabállase no seguimento e cuantificación do impacto ambiental da UVigo a partir do estudo da pegada de carbono e da pegada ecolóxica. Estes dous indicadores miden o efecto das emisión de gases invernadoiro e o impacto ambiental que relaciona os recursos existentes coa capacidade ecolóxica da terra de xerar os devanditos recursos. A análise destes indicadores permite distinguir as actividades máis contaminantes da atmosfera e comparalos con indicadores doutras institucións nacionais e internacionais.

A pegada de carbono é unha medida de impacto ambiental que estuda para unha entidade ou actividade as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), principalmente o dióxido de carbono (CO2), aínda que tamén habería que considerar o metano (CH4), o óxido nitroso (N2O), os hidrofluorocarbonos (HFCs), os perfluorocarbonos (PFCs) e o hexafluoruro de enxofre (SF6), que son liberados á atmosfera e tamén teñen efectos sobre o cambio climático.

A pegada de carbono mídese en toneladas (ton) de CO2 equivalentes.

Algunhas das metodoloxías que se usan para o seu cálculo son a norma ISO 14064 ou o marco global do estándar GHG Protocol (Protocolo de Gases de Efecto Invernadoiro).

O estándar GHG Protocol clasifica as emisións de gases de efecto invernadoiro en 3 alcances, co obxectivo de unificar os informes das entidades e permitir a súa comparabilidade:

  • Alcance 1: Emisións de GEI directas dunha entidade, procedentes de equipos, maquinaria ou procesos propios por ela controlados (p. ex.: caldeiras, fornos, vehículos propios, etc.) no lugar onde se produce a actividade.
  • Alcance 2: Emisións de GEI indirectas dunha entidade, asociadas á electricidade, vapor, calor... de fontes "non-renovables" (p. ex.: consumo eléctrico).
  • Alcance 3: Outras emisións de GEI indirectas dunha entidade, asociadas á cadea de valor, consecuencia das súas actividades, pero que proveñen de fontes que non son da súa propiedade nin están controladas por ela. Á súa vez este "alcance 3" divídese en "Corrente arriba (Upstream: bens e servizos adquiridos, desprazamentos de empregados a través de medios que consuman combustibles fósiles, etc.) vs. "Corrente abaixo" (Downstream: transporte e distribución, procesamento e uso dos produtos, tratamentos finais, etc.).


A pegada de carbono pode converterse a unidades de pegada ecolóxica (hectáreas globais de terreo equivalentes: gha) estudando cal é o terreo estándar necesario para absorber as devanditas emisións de gases de efecto invernadoiro. Con esta medida calcúlase a cantidade de terreo estándar (medido en hectáreas globais equivalentes) que sería necesaria para absorber os impactos ambientais asociados a unha determinada entidade ou actividade.

A pegada ecolóxica defínese como a superficie terrestre ecoloxicamente produtiva, ou o ecosistema acuático (cultivos, pastos, bosques ou ecosistemas acuáticos, e, idealmente, tamén o volume de aire), necesario para manter e satisfacer o consumo de recursos e enerxía usados, así como, para poder absorber e asimilar os residuos derivados dunha determinada actividade, empregando a tecnoloxía habitualmente utilizada, independentemente de onde estea situada a superficie considerada (Wackernagel y Rees, 1996).

Tendo en conta que a meirande parte das universidades analizan a súa pegada ecolóxica medida en hectáreas de terreo produtivo equivalente, unha vez calculada a pegada de carbono da Universidade de Vigo aplícase un factor de conversión de toneladas de CO2 a hectáreas de terreo produtivo equivalente, de xeito que se poida comparar o resultado co das outras universidades. Para calcular a pegada ecolóxica emprégase o factor de conversión de 0,28 gha/ton CO2 (Global Ecological Footprint Factor: GFN Canadian 2005 tables) para transformar as emisións de CO2 en hectáreas globais equivalentes. A metodoloxía empregada na UVigo para o cálculo da pegada de carbono está baseada no protocolo de gases de efecto invernadoiro (WRI & WBCSD 2004), unha norma internacional recoñecida a nivel mundial.

Documentos e Datos:

2023  2022  2021  2020  2019 
2018  2017  2016  2015  2014 
2013  2012  2011-2008 

Histórico de datos ambientais da UVigo

Produción (kWh) de enerxías renovables

 Ano   Biomasa   Fotovoltaica   Termosolar   Xeotérmica 
2019 200.000 10.000   800.000
2020 175.000 675.000   825.000
2021 562.000 925.000   875.000
2022 603.680 1.029.000 18.000 976.820
2023 575.000 1.258.000 18.000 948.000