O concepto de desenvolvemento sustentable ou sostible é establecido por primeira vez na "Comisión Mundial sobre o Medio Ambiente e Desenvolvemento" das Nacións Unidas, en 1987, no informe coñecido como Informe Brundtland, onde sinala: (Sustainable development) "Desenvolvemento Sustentable ou Sostible" é aquel que satisfai as necesidades actuais sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfaceren as súas". A partir desta declaración, o desenvolvemento sustentable ou sostible pasou de ser unha posibilidade a converterse nunha necesidade mundial.
Refírese a un principio organizador para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento humano e ó mesmo tempo soster a capacidade dos sistemas naturais de proporcionar os recursos naturais e os servizos do ecosistema en función dos cales dependen a economía e a sociedade, atendendo, moi especialmente, a preservación de lugares históricos e culturais. O resultado desexado sería unha situación de sociedade onde as condicións de vida e os recursos se utilizasen para continuar satisfacendo as necesidades humanas sen socavar a integridade e a estabilidade do sistema natural.
Segundo algúns puntos de vista, os conceptos sustentable e sostible poden ser sinónimos ou teren diferenza. Linguas como o inglés, o francés, o alemán, o español latinoamericano e o portugués (pt. "sustentável") só usan un único termo («sustentable») para se referiren a este concepto. En cambio o castelán (non así o español latinoamericano), o catalán e o galego parece que introducen unha diferenza.
Segundo a ONU, "sostibilidade" (susteinable) é a capacidade de producir bens e servizos respectando 3 eixos: social (persoas), económico (finanzas) e ambiental (recursos e ecosistemas). Busca un equilibrio entre os 3 eixos e deixar un planeta futuro san. En cambio "sustentabilidade" sería a capacidade de producir bens e servizos respectando eses 3 eixos, priorizando o ambiental (definición máis acoutada). P. ex.: Bosque "sustentable" vs. Zapatos "sostibles" (de materiais reciclados e menor consumo de recursos).
Outro punto de vista apunta a que "sostible"" implicaría a variabilidade "tempo" (perdurable). «Sostible» referiríase a un proceso no tempo e no espazo que iría da man da eficiencia, o cal lle permite ser eficaz. En tanto que «sustentable» faría alusión a unha finalidade (aquí e agora) e iría da man da eficacia, pero non necesariamente da eficiencia. Segundo isto, sostibilidade englobaría a sustentabilidade, pero sustentabilidade non requiriría necesariamente que fose sostible.
Sustentabilidade sería sinónimo de competitividade e non estaría deslindado do crecemento económico. Sería un uso coherente dos recursos naturais aliñado co crecemento económico e coas necesidades sociais. Mentres que a definición de desenvolvemento "sostible", foise xerando ó considerar que a humanidade é parte dun sistema e non dona deste, nun proceso que busca o equilibrio entre o desenvolvemento económico, social e ambiental, dentro dun contexto político, a tódolos niveis (local, rexional, nacional e global).
A sostibilidade buscaría xerar un cambio en diferentes ámbitos: ambiental, social, económico e cultural. A sustentabilidade enfocaríase exclusivamente en usar racionalmente os recursos naturais.
A RAE define "sustentabilidade" como algo que se pode manter por si mesmo (autosuficiente), en tanto que "sostibilidade" sería aquel proceso que se pode manter sen esgotar os recursos durante longo tempo (especialmente en ecoloxía e economía) sen causar grave dano ambiental (non dane a natureza, non produza contaminación e recicle ou reutilice materiais e recursos).
Segundo a RAG, "sostible" é aquilo que permite preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro, fronte a "sustentable" que é o que pode ser apoiado, defendido ou afirmado con argumentos ou razóns (tema/cuestión á que se lle pode dar "sustento"; que pode ser fornecida/mantida do necesario para algún fin).
En relación con este concepto, durante o ano 2015 desenvolvéronse os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, 2015-2030), coñecidos tamén como SDG (Sustainable Development Goals), unha iniciativa impulsada por Nacións Unidas para dar continuidade á axenda de desenvolvemento tralos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM). Son 17 obxectivos e 169 metas propostos como continuación dos ODM, incluíndo novas esferas como o cambio climático, a desigualdade económica, a innovación, o consumo sostible, a paz e a xustiza, entre outras prioridades.
A Universidade de Vigo vai más aló do propio concepto e promove plans de accións directas e concisas que melloran a súa contorna e reducen o seu impacto ambiental.
Grazas á colaboración dos diferentes órganos da Universidade de Vigo en diferentes niveis institucionais, no ano 2007 creárase o Plan SuMA (Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente), o cal englobaba e empezou a traballar en 7 programas de accións principais:
• Eficiencia e sostibilidade enerxética
• Instalacións singulares de I+D
• Reciclaxe e reutilización de residuos
• Contorna natural e patrimonial
• Transporte
• Colaboración e compromiso social
• Difusión e sensibilización
No ano 2020 lánzase o "Plan SUVI" (Plan de Sostibilidade da Universidade de Vigo), centrado principalmente no desenvolvemento e aplicación de enerxías limpas e renovables e de aforro enerxético:
Dende a dirección da Área de Xestión Ambiental da UVigo e a Oficina de Medio Ambiente (OMA) desta universidade, en colaboración coas vicerreitorías correspondentes, en particular coa Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade e coa Área de Sostibilidade adxunta á Reitoría, así como coa Área de Xestión das Infraestruturas, trátanse de establecer, promover e facer efectivos plans, programas, actividades, actuacións ambientais e sostibles, analizando e valorando os seus resultados para cambiar e adaptar as actuacións da universidade nun ciclo de mellora continua e respecto polo medio ambiente.