Revexetación do campus das Lagoas-Marcosende (Vigo)

O campus das Lagoas-Marcosende (parroquia de Zamáns, concello de Vigo), está situado a uns 15 km da cidade de Vigo, entre cotas de altitude de 370-480 m sobre o nivel do mar. Na actualidade constitúe un amplo espazo natural cunha superficie de 136 ha, con orientación na maioría sur (150º-240º N), da que case un 60 % (unhas 80 ha) está conformada por arborado de gran tamaño, un 20 % por zonas verdes con algún arborado pequeno, 1 % por láminas de auga e un 19 % por superficies urbanizadas e infraestruturas.


A xestión, a conservación e a protección dos seus espazos verdes correspóndelle á Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo, que traballa estreitamente coa Unidade de Xardinería e Mantemento de Zonas Verdes, nun labor de coidado e preservación constante ó longo do tempo (plantación, roza, sega, corta, poda, despedregado, limpeza, reprodución de planta e aviveirado, rega, erradicación de invasoras, compostaxe, etc.). Estas tarefas planifícanse en función da climatoloxía, do estado vexetativo das diferentes cubertas vexetais e do calendario universitario, co obxectivo de aumentar a calidade ecolóxica, tentando incrementar a biodiversidade e o potencial natural, ornamental e paisaxístico das distintas zonas verdes. Todo o persoal implicado está cualificado para recoñecer as especies coas que traballa e atender as directrices ambientais trazadas pola OMA durante todos estes anos (tanto para a conservación das especies autóctonas como para a erradicación das especies invasoras). Protéxense así "zonas de reserva", que serven de acubillo e de lugar de cría, onde a fauna e a flora prolifera e se alimenta libremente. Respéctanse os períodos de tempo nos que a flora está a producir flores (abundan os polinizadores) ou sementes (propágulos prá seguinte xeración). Os traballos de mantemento acométense principalmente nas franxas próximas dos sectores e bordos das zonas estanciais e das infraestruturas, respectando ó máximo os hábitats naturais e seminaturais máis interiores.

Un dos eixos prioritarios sobre o que xira o mantemento das zonas verdes dos campus é precisamente ese: o valor dos espazos naturais, a proliferación e a conservación dos bosques (sobre todo do dosel arbóreo de frondosas), fuxindo de espazos con aspecto de "plantación" organizada ou de patróns xeométricos. Trátase de pór en valor as zonas e rodais nos que non se fai unha roza intensiva. Só se manteñen con roza máis frecuente as franxas contiguas ás zonas viarias e estanciais. Nos outros espazos téndese a permitir, sobre todo nos meses de primavera (marzo-xuño), que a "herba" medre libremente, producindo flores (polinizadores) e sementes (pra mante-las vindeiras xeracións). Non se trata de manter "xardíns" ó uso, nin de loitar contra "malas herbas" (xa que a maioría son "boas"; agás as invasoras), e nos que os restos de poda, de roza ou de árbores caídas ou esgazadas teñen o valor de alimentaren o solo e os animais xilófagos que conforman a base da cadea trófica (entre eles as vacalouras que se nutren preferiblemente de madeira de frondosas en descomposición).

Cartel de sega sostible para promover a polinización,
as sementes e o refuxio e o alimento da fauna.

Non arrinquedes plantas nin flores.
Existen especies vulnerables de moi alto valor ecolóxico.

Polo tanto, trátase de entender que os epazos con "herba medrada", na que afloran unha gran variedade de especies (biodiversidade) que acadan alturas diferentes, non constitúen axardinamentos uniformes que teñan que parecer un céspede. Son hábitats coas súas funcións naturais (acubillo, alimento, cría, flores, sementes...) que hai que conseguir integrar coas "actuacións antrópicas" (edificacións, vias de comunicación, infraestruturas...). Consecuentemente, non son lugares "desleixados ou abandonados", aínda que o puidesen parecer. As silveiras acollen e ocultan fauna variada e producen amoras que lles serven de alimento, as felgueiras proverán o solo da seguinte xeración, as flores de multitude de plantas que medran nos ocos e nas superficies máis insospeitadas favorecen o alimento dos insectos e doutros polinizadores que favorecen a dispersión das plantas (bolboretas, avelaíñas, falenas, abellas, abesouros, maruxiñas, vagalumes, aves...) e darán lugar ás sementes futuras. Hai que entender e valorar esta "paisaxe" coa que dende antano os nosos devanceiros veñen convivindo e apreciando.

campus OU (estanque) campus OU Parque Central campus OU Dereito
Campus de Ourense (estanque, parque central e Dereito)

campus PO (entrada) campus PO Educ.Deporte campus PO Comunicación
Campus de Pontevedra (entrada, CC. Educ. Deporte e CC. Comunicación)

campus Vigo (Filoloxía) campus Vigo (Reitoría) campus Vigo (piscina)
Campus de Vigo (Filoloxía, Reitoría e Piscina)

campus Vigo (alto das Pedreiras) campus Vigo (alto das Pedreiras) campus Vigo (residencia universitaria)
Campus de Vigo (alto das Pedreiras e residencia universitaria)

A posta en valor dos bosques nos campus vai máis aló do meramente forestal, tendo en conta a importancia e significación do:

•  Valor protector do solo: cuberta vexetal que evita a perda do solo por erosión; a cobertura das copas arbóreas minimiza o impacto da choiva no chan, mentres que as raíces suxeitan e estabilizan o terreo e evitan os arrastres. Ademais, a vexetación pode actuar como detoxificadora e depuradora de elementos contaminantes (fitorremediación) arrastrados polas augas.

•  Valor protector das augas: a cuberta vexetal axuda a manter a permeabilidade do terreo e as recargas dos niveis freáticos, así como a regulación da evapo-transpiración para a súa mellor conservación e evitar o seu desgaste.

•  Regulador térmico: a vexetación serve como amortecedor das temperaturas ambientais dos ecosistemas e refresca a paisaxe circundante coa súa sombra.

•  Valor prá atmosfera: purificación do aire (eliminación de contaminantes, produción de osíxeno e sumidoiro de CO2).

•  Creación e restauración de hábitats: protexe e aumenta a superficie ocupada por vexetación natural, asociada a unha fauna determinada.

•  Diminución de pragas: os bosques mixtos que foxen do monocultivo específico presentan menos patóxenos foliares.

•  Valor prá biodiversidade: mantemento dos ecosistemas e das interrelacións ecolóxicas entre tódolos seres vivos.

•  Valor social: recreativo e de lecer, paisaxístico, cultural, deportivo...

•  Valor económico (materias primas e alimentos): madeira, cogumelos (capelos de sapo), froitos, bagas, pasto...

•  Valor gandeiro/pastoreo: en colaboración coas aldeas e vilas circundantes (Vilariño, Marcosende, Zamáns...).

•  Valor docente: formar os alumnos no coñecemento dos hábitats que aquí se desenvolven.

•  Valor educativo: difundir, concienciar e sensibilizar a sociedade nas distintas peculiaridades e atributos destes hábitats.


A evolución histórica dos terreos do campus de Vigo en anos precedentes pon de manifesto como antes do ano 1950 a maioría da superficie e terreos estaba sen explotar, e nela abondaban as brañas (de aí o topónimo "As Lagoas") rodeadas por pequenas masas de bosque e leiras das aldeas circundantes. Xa dende o ano 1960 ata o 1980 aumentaron considerablemente as masas forestais de plantacións de piñeiro, masas que sufriron dous grandes episodios de alteración da súa cuberta vexetal:

• O primeiro deles foi a partir de 1994 coa corta a matarrasa dos piñeiros (Pinus pinaster) que ocupaban a meirande parte da superficie, como consecuencia da ampliación do campus e a construción da maioría dos centros que existen na actualidade. As expropiacións supuxeron que os veciños antes de cederen os terreos cortasen o arborado que posuían para obteren un maior rendemento económico coa madeira.


• Posteriormente, a partir do ano 2000, coa construción do anel perimetral da estrada de circunvalación e as amplas zonas de estacionamentos para os centros. O terreo foi nivelado con maquinaria pesada, o que supuxo enormes movementos de terras, que ademais de destruíren a cuberta vexetal de mato e herbáceas, provocou profundas alteracións nos perfís edáficos.


Isto afectou a:

• perda e alteración da cuberta vexetal

• compactación do solo

• erosión

• asome da terra mineral

• impactos sobre os ecosistemas

• perda e exposición de hábitats naturais

• perda de regulación térmica debido á desaparición arbórea

• arroiadas e arrastres sobre os terreos e falta de penetración e acumulación da auga da chuvia nos acuíferos (descenso do nivel freático)

• proliferación de especies herbáceas e arbóreas invasoras ou inadecuadas


Para corrixir esta situación, deseñouse e preparouse no ano 2000 un plan de revexetación do campus que tratase de compensar estes impactos.
Os obxectivos principais deste plan foron:

• Aumenta-la cuberta da vexetación autóctona.

• Conserva-la diversidade de hábitats naturais.

• Crear paisaxe variada e atractiva visualmente.

• Diminuí-la perda de solo por erosión (as copas do arborado protexen da chuvia e as raíces suxeitan o terreo).

• Protexe-los recursos hídricos: lagoas, estanques, regatos, mananciais (minas de auga), augas subterráneas...

• Conforma-lo campus como espazo recreativo de lecer e para a sensibilización ambiental.


Para isto a OMA marcou as seguintes directrices:

• Conservar, recuperar e ampliar hábitats naturais semellantes ós orixinais.

• Transplantar e recuperar arborado autóctono aproveitado de zonas afectadas por obras e infraestruturas.

• Repor as marras (aqueles individuos que non saísen adiante nas plantacións).

• Evitar elementos artificiais, liñas rectas, patróns regulares ou xeométricos.

• Manter espazos protexidos que sirvan como reservorios e acubillo para a fauna e a flora (sementes) e mitiguen o impacto paisaxístico.

• Propor actuacións flexibles, adaptativas e pouco intrusivas.

• Manter a conexión funcional do campus co medio circundante.

• Deseñar sendas e carteis informativos.


O plan de revexetación do campus incrementou a superficie ocupada por distintos hábitats forestais autóctonos, entre os que destacan:

• Carballeiras meridionais.

• Devesas de montaña: bosques mixtos, non moi mestos e normalmente extensos, de especies caducifolias/frondosas, nos que non predomina unha especie en concreto (bidueiros, pradairos, castiñeiros, carballos, cerquiños, etc.), moitas veces acoutados cun valado ou cercado e adicados ó aproveitamento de pastos.

• Bosques húmidos de ribeira e de zonas inundables.

• Sobreirais de lugares temperados de solaina (acompañados de loureiros, érbedos, escambróns...).

• Soutos seminaturais.

• Mato/matogueiras heliófitas con presenza de sucesión e zonas de evolución vexetal a estratos superiores arbustivos tendentes a bosque maduro.

• Pradarías: pastizais de herbáceas autóctonas en zonas húmidas con colonización natural (algunhas veces compatibilizando o seu uso e mantemento con explotación pecuaria).


A localización das distintas plantacións fíxose en función de dúas variables principais: orientación (sur predominante) e altitude (370-480 m s. n. m.), que determinan valores de temperatura, humidade e luminosidade. Para isto seguíronse gráficas de distribución de especies segundo estes parámetros, consultadas en distintas bibliografías. Atendeuse tamén ó tipo de solo en relación coa súa composición, a súa textura e compactación, o tipo e a cantidade de nutrientes, etc.

A distribución e a posición dos individuos nas parcelas elixiuse de xeito aleatorio, tentando cubrir unha densidade media dunhas 300 árbores/ha.

Entre as especies que principalmente se plantaron, atópanse:

• carballos (Quercus robur)

• cerquiños, rebolos, curpios (Quercus pyrenaica)

• espiños brancos, escambróns, estripeiros, pilriteiros (Crataegus monogyna)

• pradairos, pedrairos, prádanos, pradias (Acer pseudoplatanus, A. platanoides, A. campestre)

• abelairas, abeleiras, abrairas (Corylus avellana)

• bidueiros, bidos, biduos, bedolos, abeduzos, albelos (Betula alba, B. pendula, B. pubescens)

• ameneiros, amieiros (Alnus glutinosa)

• freixos, freixas (Fraxinus excelsior, F. angustifolia, F. ornus)

• érbedos, albedros, erbedeiros, esbedros (Arbutus unedo)

• capudres, cancereixos, cornabudes, surbias (Sorbus aucuparia, S. aria e S. intermedia)

• sobreiras, corticeiras (Quercus suber)

• castiñeiros, castiros (Castanea sativa)

• lamagueiros, lamigueiros, lagumeiros, álamos (Populus nigra, P. alba, P. tremula)

• cerdeiras (Prunus avium)

• sabugueiros, bieiteiros (Sambucus nigra)

• loureiros, gamallos (Laurus nobilis)

• acivros, xardóns (Ilex aquifolium)

• teixos (Taxus baccata)

• faias (Fagus sylvatica)

• etc.


Protexéronse e puxéronse en valor amplas extensións arbustivas e de matogueira:

• toxos (Ulex spp.)

• xestas (Cytisus spp.)

• codesos (Adenocarpus complicatus)

• piornos (Genista spp.)

• carqueixas (Genista tridentata)

• breixos, uces (das brañas...), urces, carrascas, carrouchas, carrameixas (Erica spp.)

• carrascos, carrouchas de tres follas (Erica cinerea)

• carrascas brancas (Erica vagans)

• queirogas de cruz, uz montesa (Calluna vulgaris)

• tamborelas, queiroga maior (Daboecia spp.)

• estebas, estepas, xaras, chougazos (Cistus spp.)

• carpazas, carpaciñas, carqueixas boieiras (Halimium spp.)

• buxos (Buxus semperviren)

• abruñeiros/abruños (Prunus spinosa)

• arandeiras/arandos (Vaccinium myrtillus [2])

• brións, musgos e liques (vexetación rupícola)

• couselos, capelos, conchelos, puchos de sapo, cróqueis do valado, orellas de frade (Umbilicus rupestris) (vexetación rupícola)

• barbas (liño, fíos, pelos) de raposa, gorgas, pelos de lebre (Cuscuta epithymum) [parasita]

• etc.


Aparecen especies de espazos abertos e de sotobosque:

• sanguiños (Frangula alnus)

• sangomiños (Cornus sanguinea)

• pereiras bravas, catapereiros, perilloteiros, perulleiros (Pyrus cordata)

• xilbarbeiras, rascacús, azoutacristos, picanceiras, mesquitas, xibardas, silbardas (Ruscus aculeatus)

• amarelles, narcisos (Narcissus spp. N. cyclamineus, N. bulbocodium, N. triandrus)

• azafráns silvestres, safráns bravos (Crocus nudiflorus)

• careixóns, amorodeiras silvestres, amorodeiras bravas, amorilloteiras, moroteiras, morangueiras (Fragaria vesca)

• abrótegas, brotias, abroias, asfodelos, gamóns, herbas do gando, pés de pita, cebolas do raposo (Asphodelus albus)

• canudas, rabos de cabalo (Equisetum telmateia)

• xestelas (Equisetum arvense)

• paxariñas, herbas dos pitos, clérigos-boca-abaixo, faroliños, enxertiñas (Aquilegia vulgaris)

• paxariños, arreitós, routós, calzas/pantalóns de cuco, esporas, galos, herbas caralleiras, liñarias (Linaria triornithophora)

• violetas bravas/silvestres (Viola riviniana/canina)

• xacintos bravos, silvestres (Hyacinthoides spp.)

• escilas, silas da primaveras, esquilas, allos monteses (Scilla spp.)

• polígalas, herbas leiteiras (Polygala spp.)

• verónicas (Veronica spp.)

• cáncaros, cánceres, panqueixos, primaveras (Primula vulgaris/acaulis)

• herbas das doas, borraxa brava (Glandora prostrata)

• hortelás, mentas (Mentha spicata, M. suaveolens)

• seixebras, salvias bastardas, ouregos bravos (Teucrium scorodonia)

• pampillos (Chrysanthemum segetum)

• cantroxiñas, cantroxos rasmonos, arzaias, lavandas (Lavandula stoechas)

• tomentelos, tomiños (Thymus vulgaris, T. pulegioides)

• ouregos (Origanum vulgare)

• orquídeas: lingüeiras, estrangurrias (Serapias lingua)

• orquídeas: cristas de galo grande (Serapias cordigera)

• orquídeas: satirións corpudos (Dactylorhiza elata)

• orquídeas: satirións apincarados, embríns, lumbríns, limbríns (Dactylorhiza maculata)

• barbas de vello (liques pendurados de pólas)

• borlas azuis (Jasione montana)

• celidonias, cerudas, herbas anduriña, h. das espullas (Chelidonium majus)

• brunelas, herbas das feridas, herbas do ferro, consoldas (Prunella vulgaris)

• patelos, herbas de ouro, herbas belidas, puntalobas (Ranunculus repens)

• herbas dona, pombiñas, pés de galiña, matafogos (Fumaria officinalis)

• ervellacas, herbas da fame, vezas, brenzas, nichelas, lívicas (Vicia sativa)

• herbas piolleiras (Pedicularis sylvatica) [hemiparasita]

• mexacáns, tarrelos, dentes de león, almeiróns (Taraxacum officinale)

• liños bravos, liñacieras (Linum usitatissimum = L. bienne)

• gladíolos, estoques (Gladiolus illyricus)

• malvas bravas (Malva sylvestris, M. moschata)

• herbas de San Xoán, espantademos, abelouras, milfuradiñas, corazonciños, hipéricos (Hypericum perforatum)

• corniños, zocos de noiva, trevos de cornos (Lotus corniculatus)

• herbas de Santiago (Jacobaea vulgaris)

• margaridas comúns, boninas, ponmerendas, veloritas, benmequeres (Bellis perennis)

• tremedeiras, chocalleiras, bágoas de San Pedro (Briza maxima/media/minor)

• tólpides barbados (Tolpis barbata)

• loitosiñas (Tuberaria guttata)

• soldas bravas, nébodas, tormentilas (Potentilla erecta)

• etc.


En zonas húmidas (ripícolas, riparias, de ribeira), fluviais e sombrías agroman:

• fentos comúns (Pteridium aquilinum)

• dentabrús, dentabróns, dentabruños, fentos reais (Osmunda regalis)

• fentos machos/femias (Dryopteris filix-mas)

• fentas, fentos feros, espiñasdepeixe, fentos-pente, blecnos (Blechnum spicant)

• fentos das boticas (Asplenium trichomanes)

• fentos dos valos, fentos das pedras (Polypodium vulgare)

• fentos frisados (Trichomanes speciosum)

• cabriñas (Davallia canariensis)

• pés de boi, nabos do demo, perexís do demo, perexís de lobo (Oenanthe crocata)

• cicutas, cigudes, pirixeis das bruxas, pirixeis dos sapos, pés de sapo, canifrechas, canafrechas (Conium maculatum)

• cenorias/cenouras bravas (Daucus carota)

• caliborcias, pés de oso, bodolos (Heracleum sphondylium)

• herbas da rulas, h. dos carpinteiros, h. do soldado, perexís bravos, milenramas (Achillea milefolium)

• xaros (Arum italicum, A. maculatum)

• espadainas, espadanas, pallas reais (Typha latifolia)

• lirios de auga (amarelo, azul) (Iris pseudacorus)

• xuncos (Juncus spp.)

• herbas lameiriñas (Callitriche stagnalis)

• espigas de auga (Potamogeton polygonifolius)

• carrizo (Phragmites australis)

Non é unha planta invasora en Galicia; é unha especie nativa/autóctona que medra nas beiras de ríos, lagoas e esteiros. Ten un alto valor ecolóxico para os ecosistemas húmidos porque funciona como filtro natural da auga e serve de refuxio para a fauna. Pódese confundir con outras especies invasoras de aspecto similar que causan graves danos ambientais, como a "herba da Pampa ou carrizo da Pampa" (Cortaderia selloana; con vistosos penachos brancos, que coloniza marxes das estradas e de terreos degradados) ou a "cana común" (Arundo donax; de maior tamaño e que despraza de maneira evidente a vexetación autóctona de zonas húmidas).

• etc.


Esta vexetación protexe as beiras da erosión, regula o caudal e posúe carácter depurativo ó controlar a contaminación e a decantación das augas, asemade que permite unha regulación térmica (zona sombría caducifolia nos meses estivais, que durante o inverno permite o paso da radiación solar) e desempeña unha función de protección da fauna que se refuxia e nidifica nela.


En franxas empobrecidas de colonización incipiente brotan:

• estrugas, ortigas (Urtica spp. (U. dioica))

• estrugas mortas, ortigas mansas, catameles, zugameles, chuchameles (Lamium maculatum)

• silvas (Rubus ulmifolius)

• bigordas, herbas salgueiras, cabrifollos, cabrafollas, madreselvas, chuchameles (Lonicera periclymenum)

• fiúnchos, fiollos (Foeniculum vulgare)

• abelurias, balocos, abelouras, estralotes, estraloques, trochas, dedaleiras, seoanes (Digitalis purpurea)

• cardos

• areiras, hedras, trepadeiras (Hedera helix)

• viboreiras, linguas de boi, borraxes, soaxes, borraxóns (Echium vulgare/rosulatum)

• fentos comúns, felgos, fieitos

• salicarias, salgueiriños (Lytrum salicaria)

• etc.


En faixas próximas a edificios tamén se plantaron outras especies, algunhas ornamentais e froiteiras tradicionais:

• aderno de folla ancha (Phillyrea latifolia)

• xenebreiros, xinebros, cimbros, rastreiros (Juniperus communis)

• lárices, larizos, alerces (Larix spp. (Larix x marschlinsii))

• acerolos (Crataegus laevigata, C. azarolus)

• limoeiros (Citrus limon)

• figueiras (Ficus carica)

• noceiras, nogueiras, croucheiras, concheiras, caroleiras (Juglans regia)

• maceiras (Malus domestica)

• cerdeiras (Prunus avium)

• cerdeiras de acio, paugurgorios, virgondoiros (Prunus padus)

• acereiros, loureiros portugueses, loros (Prunus lusitanica)

• pexegueiros (Prunus persica)

• ameixeiras (Prunus domestica)

• pereiras (Pyrus communis)

• marmeleiros (Cydonia oblonga)

• alfaneiros, aligustres, filseiras, fiazas (Ligustrum lucidum)

• liquidámbares, ozocois (Liquidambar styraciflua)

• mostallos, rañotes, sorbeiras silvestres ou brancas (Sorbus aria)

• sorbeiras de Suecia (Sorbus intermedia)

• tilleiros, tileiros, tilos (Tilia spp.)

• ulmeiros, umeiros, ulmos, olmos (Ulmus spp.)

• piñeiros mansos/cernís/reais (Pinus pinea)

• piñeiros rubios/roxos (Pinus sylvestris)

• tulipeiros (Liriodendron tulipifera)

• árbores da seda, albizias (Albizia julibrissin)

• etc.


Deuse especial atención a especies con froitos que serven de alimento e son difundidas como sementes pola avifauna (caso das landras polos gaios/pegas-marzas) e outros animais (esquíos).

A distribución de hábitats no campus das Lagoas-Marcosende (Vigo) dende o ano 2006 amósase nas seguintes imaxes:


Entre as medidas correctoras principais que se desenvolveron no campus dentro do plan de revexetación, están:

• Transplante de arborado dende zonas afectadas por infraestruturas a zonas protexidas.

• Aviveirado provisional de arborado transplantado ou de nova compra.

• Transplante de tepes de herba dende zonas afectadas por infraestruturas.

• Sementeira como reforzo nas novas plantacións.

• Restauración de noiros e de entulleiras con especies espontáneas: salgueiros, estripeiros...

• Creación de zonas de reserva: rodais/parcelas sen rozar ou con escaso tratamento silvícola, para que sirvan como reservorio de sementes e propágulos, alimento e acubillo para fauna, zonas de cría, etc.

• Apantallamentos de sebe: paisaxístico, sonoro (minimiza os ruídos), separación anti-atropelos, refuxio (acubillo), alimentación, cría.

• Deseño de estacionamentos "verdes" con solos permeables e herbáceos e arborado autóctono que proporciona sombra.

• Construción de estanques de retención de arroiadas e arrastres (fitorremediación, decantación de partículas en suspensión).

• Construción de herpetorrefuxios aproveitando os labores de despedregado dos terreos (aprovéitase este tipo de material). Tamén serven de bolardos, delimitadores de zonas e como asentos.

• Colocación de caixas-niño e de comedeiros para favorecer a proliferación de avifauna en zonas de nova creación.

• Construción de pasos para fauna acuática e terrestre como interconexión de hábitats fragmentados por infraestruturas e vías de comunicación.

• Erradicación de flora invasora:

Enténdese por especie invasora aquela que se atopa fóra da súa área natural de distribución por causas humanas, ben de xeito intencionado ou accidental, e que supón un perigo para a diversidade biolóxica orixinal; constitúe un factor que ameaza os ecosistemas orixinais e a supervivencia das especies autóctonas [Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Xunta de Galicia].
A lei de Conservación obriga a "evitar a introdución e proliferación de especies, subespecies ou razas xeográficas distintas das autóctonas, na medida que poidan competir con estas, alterar a súa pureza xenética ou os equilibrios ecolóxicos".


- acacia (Acacia melanoxylon)

- mimosa, chorín (Acacia dealbata)

- eucalipto (Eucaliptus spp.) [Dictame Comité Científico Flora y Fauna Silvestres - MAPAMA 2017]  [negocio dunha invasión (MuyInteresante20220225)]

Cientificamente, o eucalipto cumpre os requisitos para ser considerado unha especie invasora debido á súa gran capacidade de expansión natural. En cambio, de xeito oficial, non está incluído no Catálogo Español de Especies Invasoras, polo que legalmente non ten esa condición. Dende o punto de vista científico, o Comité do Ministerio de Transición Ecolóxica emitiu un informe no 2017 recomendando a súa inclusión no catálogo de invasoras polo seu impacto na biodiversidade e nos ciclos da auga. Mais, dende o punto de vista legal e administrativo, tanto a administración autonómica como a estatal non o clasifican como invasora debido á súa relevancia económica para a industria da celulosa e do sector forestal. Con todo, os seus impactos ambientais son evidentes, debido ó desprazamento da flora local, ó medrar rapidamente e acidificar o solo, dificultando que as especies autóctonas prosperen. Ademais, require de grandes cantidades de auga, e afecta as reservas do solo (freáticas) e ós ríos e regatos. Súmaselle a isto que é unha especie pirófita que aumenta o risco de incendios, xa que arde con facilidade e se beneficia do lume para reproducirse (úsao como estratexia), o que provoca o aumento e a frecuencia das vagas de incendios forestais. Na actualidade planificáronse moratorias que prohiben novas plantacións en terreos onde non existían, co obxectivo de frear a súa expansión descontrolada e fomentar a recuperación do bosque nativo.

- falsa acacia (Robina Pseudoacacia)

- árbore do ceo, ailanto (Ailanthus altissima)

- loureiro romano, l. real, lidoiro (Prunus laurocerasus)

- rabo de raposa, *carrizo/herba da Pampa, plumeiro, penacho, cortadeira (Cortaderia selloana)

- canaveira, cana, canivela (Arundo donax)

- onagra, herba do asno/dos burros (Oenothera glazioviana)

- margarida africana, mexacán do Cabo, herba gorda (Arctotheca calendula)

- pexegueira de xardín, herba do Himalaia (Persicaria capitata)

- herba tintureira, h. carmín, uvas das Américas, espinafre-doce (Phytolacca americana)

- cala de Etiopía, flor de xerro, corno, cartuchos (Zantedeschia aethiopica)

- glicinia (Wisteria sinensis)

- acedeira amarela, acediña, agre, vinagreta, matapán, pan de cuco, trevo acedo (Oxalis pes-caprae)

- eixerón (Conyza canadensis, C. bonarensis)

- vitadinia, margarida cimarroa/ventureira/asilvestrada (Erigeron karvinskianus)

- xonza pálida, xunca olorosa, papiro americano (Cyperus eragrostis)

- gramón (Stenotaphrum secundatum)

- trapoeraba, orella de gato, herba da fortuna (Tradescantia fluminensis)

- chaga, capuchina, flor de sangue (Tropaeolum majus)

- corriola azul, gloria da mañá (Ipomoea indica)

- dixitaria, pasto chato, p. mel, feo leñoso (Paspalum dilatatum)

- pervinca, cangroia, cangorza, herba da envexa, semprenoiva (Vinca difformis, V. major, V. minor)

- estrela de lume, tritonia, gladíolo bravo, crocosmia (Crocosmia × crocosmiiflora)

- estramonio, figueira tola, f. do inferno, herba do demo, h. do gurgullo, gorgullo, croxón, fedorenta, cheirosa (Datura stramonium)

- papoula de California, dedal de ouro (Eschscholzia californica)

- chipaca, masiquía, cadillo, té de horta/americano, bidente áureo (Bidens aurea, B. pilosa)

- bambú dourado/amarelo (Phyllostachys aurea)

- xacinto de auga, camalote, raíña do lago, augapé (Eichhornia crassipes)

- fento de Creta (Pteris cretica)

- herba piñeiriña, milfollas acuático (Myriophyllum aquaticum)

- etc.


Trátase de favorecer as especies autóctonas e os espazos vexetais singulares orixinais, en especial as fragas (bosques espesos, densos, de arborado frondoso composto por especies autóctonas na súa maioría caducifolias) e a conservación das zonas húmidas. Promóvese un modelo de "bosque" con biodiversidade natural que resulte nunha paisaxe en mosaico descontinuo, que evite patróns lineais ou xeométricos e que respecte as separacións regulamentarias con viendas, instalacións e infraestruturas.

Evítanse os cultivos forestais monoespecíficos, homoxéneos e sen variedade, así como as plantacións e repoboacións/reforestacións en masa de extensos "montes" (vs. "bosques"), tanto de especies das que non procede a súa presenza debido ó hábitat no que se desenvolven e ó que non corresponden (p. ex. extensas plantacións de piñeiros), como de especies foráneas exóticas ou invasoras e oportunistas de elevada proliferación (p. ex. eucaliptos, acacias e mimosas). Estas especies alóctonas e invasoras minguan a biodiversidade local e deterioran os ecosistemas e a paisaxe e, moitas veces, ó tratarse de especies pirófilas/pirófitas, favorecen os incendios forestais.

Ademais, a proliferación destas especies invasoras e dos extensos "monocultivos", así como a ocupación agraria indiscriminada, favorece a deturpación e a eliminación de hábitats e dos lugares de acubillo e de alimentación da fauna, o que "forza" a que teña que ir buscar alimento a zonas agrícolas e urbanas, cos conseguintes prexuízos que isto ocasiona. Debe estruturarse o territorio e acompasarse en convivencia cos demais ecosistemas e seres vivos.

Especies vexetais plantadas

Os exemplares plantados son especies de árbores e arbustos propias da vexetación natural de Galicia (autóctonas). Certas especies que cumpren este criterio e que ademais forman parte da flora autóctona do suroeste de Pontevedra non aparecen recollidas directamente na revexetación porque, ou ben son relativamente abundantes no campus, ou ben colonizan espontaneamente hábitats axeitados con facilidade. Entre elas, podemos citar o sanguiño (Frangula alnus), a pereira brava (Pyrus spp.) ou os salgueiros/zaos (p.e.: Salix atrocinerea e Salix alba) e os vimbios (Salix viminalis). O mesmo pode dicirse de moitas especies de matogueira, coma os toxos (Ulex spp.), as uces (Erica spp.), as xestas (Cytisus spp.), as silveiras (Rubus ulmifolius), as estebas (Cystus spp.), etc.

En definitiva, as especies maioritarias de árbores e arbustos empregadas na revexetación dos campus son:



O plan de revexetación dos campus, con vixencia actual, produto da experiencia, dos estudos e das análises de moitos anos, contemplou tamén a creación de pradarías e pastizais orixinarios das aldeas da zona, en colaboración cos aproveitamentos gandeiros e silvícolas tradicionais da veciñanza. Procedeuse á restauración do estrato basal nas zonas que sufriran alteracións que provocaran unha diminución da cobertura de herbáceas. Pretendeuse facilitar a colonización natural deste grupo de plantas, sementando especies propias dos prados cultivados dos campus para procurar o asentamento de herbazais nos que poidan proliferar especies herbáceas silvestres. Concretamente, empregouse trevo rubio (Trifolium pratense), herba de Vigo ou raigrás (Lolium perenne), poa ou herba campía (Poa annua) e centeo (Secale cereale). Procurouse enriquecer esta mestura básica coas seguintes especies: Arrhenatherum elatius, Dactylis glomerata (panasco), Holcus mollis (herba triga), Agrostis spp., Anthoxantum odoratum, Avena sativa (avea branca), Trifolium repens (trevo branco ou dos prados) e Lotus corniculatus (corniños).

No campus aparecen espontaneamente e tamén foron plantadas en zonas axardinadas (parterres) especies vexetais aromáticas de uso tradicional e medicinal (moi importantes pola fixación e creación do solo e polas súas flores para os insectos polinizadores):

  • Foeniculum vulgare, fiúncho
  • Hipericum perforatum, herba de San Xoán, espantademos
  • Mentha suaveolens, M. spicata, M. piperita, hortelá, menta
  • Lavandula stoechas, cantroxo
  • Thymus pulegioides, tomentelo de prado
  • Thymus vulgaris, T. caespititius, tomentelo, tomiño
  • Origanum vulgare, ourego
  • Rosmarinus officinalis, romeu
  • Santolina chamaecyparissus, limonete
  • Aloysia citrodora, herbaluísa
  • Ruta chalepensis, ruda
  • Achillea millefolium, milenrama
  • Chamaemelum nobile, macela
  • Stevia rebaudiana
  • Lavandula angustifolia, lavanda
  • Melisa officinalis
  • Salvia officinalis
  • Plectranthus madagascariensis, incenso
  • Valeriana officinalis


As especies vexetais que se promoven e manteñen nos campus reflicten o seu ambiente natural autóctono (a diferenza das especies alóctonas, en especial as invasoras, con introdución antrópica, alleas ó medio natural considerado). As especies autóctonas están mellor adaptadas ós diferentes ambientes e representan un patrimonio natural que debe conservarse polo seu alto valor, grazas ó cal se poden obter moitos beneficios, que como xa se explicou, non son só económicos ("con diñeiro non se mide todo"). Para isto, como referencia, pódense seguir exemplos de explotación sostible que se fan en moitos territorios; véxanse as amplas fragas das zonas da área leonesa-sanabresa, as devesas, aciñeirais e carballeiras de Estremadura occidental e do Algarve oriental, etc. É posible compatibilizar a explotación agropecuaria e forestal respectuosa co medio natural (en Galicia xa se están a dar pasos neste sentido en zonas do Courel, dos Ancares, do Xurés, do Barbanza...).

Na actualidade, a superficie ambiental protexida nos campus da UVigo supera as 80 ha nas que, ademais das especies presentes orixinalmente e nacidas nestes anos de forma natural, se plantaron máis de 15.000 árbores (máis do cuádruplo das especies presentes inicialmente antes do plan de revexetación do ano 2001). Foi un labor acometido sen présas, nunha ampla extensión de terreo, que vén sendo apoiado por un amplo espectro da comunidade veciña, harmonizado co uso tradicional que se lle viña dando ó solo, e que é un traballo que cómpre respectar para herdanza das xeracións futuras. Se non cumprimos esta premisa, o noso futuro e benestar estará comprometido. Ata o de agora, este planeta é o único que coñecemos que albergue vida.

Tódalas especies de flora silvestre están protexidas, polo menos de forma "xenérica"; sobre todo aquelas que están catalogadas como vulnerables, sensibles ou de interese especial ou en perigo de extinción. Polo tanto, non arrinquedes nin levedes prá casa plantas ou flores que son de "todos" e benefician a natureza.


Dende o punto de vista ecolóxico e da seguridade contra os incendios, a opción máis eficiente e natural é apostar polos bosques de especies autóctonas (carballos, castiñeiros, érbedos, loureiros, sobreiras, etc.).

Esta estratexia na xestión e planificación do territorio axudaría a solucionar ou reducir moito os problemas dos incendios e das especies invasoras, a través de tres piares fundamentais:

1. Creación de "devasas naturais" contra os lumes:
As árbores autóctonas galegas teñen características de menor inflamabilidade cós eucaliptos, acacias e piñeiros. As frondosas (árbores de folla ancha coma o carballo) teñen follas con moito máis contido en auga e non teñen os aceites inflamables de especies coma o eucalipto. Un bosque maduro de especies autóctonas (unha fraga ou un souto) mantén moita máis humidade ambiental e no chan, o que constitúe un freo pró avance dos lumes. O lume, ao entrar nestas zonas, avanza moito máis amodo ou mesmo chega a apagarse. Ademais, o arborado autóctono evita os focos secundarios, xa que non adoitan posuír codias voadoras, polo que non provoca que o lume se espalle a longas distancias.


2. Control das especies invasoras:
O eucalipto, a acacia e a mimosa son especies invasoras que compiten agresivamente polo espazo, a luz e a auga. Os bosques autóctonos son máis biodiversos, resistentes e mestos. Os bosques nativos ben conservados constitúen unha barreira natural, impedindo que as especies invasoras atopen o espazo que necesitan pra estendérense sen control.


3. Recuperación do solo e da auga:
As especies propias da zona axudan a manter o equilibrio da natureza. As súas follas crean un solo rico (humus) que absorbe a auga da chuvia, actuando como esponxas de reserva, mantendo os ríos e os regatos con auga e o monte húmido durante o verán.


Economicamente o eucalipto xera un beneficio rápido, xa que medra axiña e a súa madeira pódese cortar pra vender (para papel ou construción) tan só nuns 12-15 anos. Un carballo ou un castiñeiro tardan entre 40 e 60 ou máis anos en dar unha madeira rendible. Ademais, está o progresivo abandono do rural, o que provoca que moitos donos de terras vivan nas cidades e non poidan coidar do monte axeitadamente. O eucalipto require menos atención constante que outras especies pra dar cartos.

Dende o punto de vista ambiental e social a solución ideal debería promover as especies autóctonas e apartar das plantacións de especies pirófitas como o eucalipto, creando unha paisaxe en mosaico.

Aínda que non se prohiba por completo o eucalipto, debería ordenarse o territorio, planificando un mosaico forestal no que se poden deixar zonas chairas e de fácil acceso prá produción de madeira (p. ex. eucalipto e piñeiro), ben xestionadas e limpas de maleza. As zonas habitadas (perto de vivendas), as de afectación fluvial (ríos) ou as das cabeceiras dos montes, deberían protexerse plantando obrigatoriamente especies autóctonas que actúen como escudos protectores contra os lumes.