Recollida de restos de animais de experimentación
A produción de residuos resultante da experimentación con animais dá lugar a un residuo específico denominado sandach (subproduto non destinado ao consumo humano). Existen normas especificas sanitarias aplicables a este tipo de residuos, polo que se dispón, entre outras cuestións, de controis específicos para a súa recollida, o seu transporte, a súa transformación, o seu uso e a súa eliminación.
Na UVigo a súa produción non é excesivamente grande e está localizada na súa maioría nos laboratorios de bioexperimentación animal, animalarios e acuarios, correspondendo ós animais de experimentación e ás deposicións e residuos dos habitáculos nos que foron coidados/criados. Principalmente, este residuo atinxe ós animais que foron inoculados con compostos químicos (en particular medicamentos citostáticos).
Na actualidade na UVigo este tipo de residuo prodúcese nos centros como o Cacti-Cinbio e no CIM-Ecimat.
O regulamento SANDACH fai a súa distinción en tres (3) categorías, en función do risco que depare para a saúde humana e animal, asignándolles unhas condicións de eliminación, transporte e uso específicas.
Categoría 1:
Son os subprodutos (corpos ou partes de corpos de animais) cun risco elevado de contaminación, portadores de enfermidades (ou sospeitosos de estalo) de encefalopatías esponxiformes transmisibles (ETT), ou ós que se lles administrasen substancias prohibidas ou contaminantes ambientais como os PCB, dioxinas, citostáticos, etc. O seu destino é a separación e a súa identificación, para seren sometidos a tratamentos de transformación, sendo eliminados posteriormente mediante a incineración ou o soterramento.
Categoría 2:
Corresponden a subprodutos recollidos de augas residuais ou lodos de establecementos ou da industria, produtos de orixe animal considerados non aptos e subprodutos que excedan os niveis autorizados de substancias contaminantes na súa composición. O seu destino é a incineración ou a transformación nunha planta específica para categoría 1 ou 2, e poderase emprega como fertilizante, biogás ou compostaxe.
Categoría 3:
Nesta categoría considéranse aqueles aptos para o consumo humano pero que foron descartados por motivos comerciais ou defectos de fabricación e envasado, e que non amosen signos de enfermidades transmisibles (p. ex.: sangue, cabezas de aves de curral, peles, óso, plumas...). Son os de menor risco e non deben supoñer un risco para a saúde. O seu destino poder ser como materia prima nunha fábrica de alimentos para animais de compañía ou a súa transformación nunha instalación de biogás ou compostaxe.
Non tódolos subprodutos de orixe animal e derivados se rexen polo Regulamento SANDACH.
Os animais, ou partes de animais, que se eximen de cumprir con esta normativa son as cunchas de moluscos, os residuos de cociña (a excepción dos produtos importados internacionalmente), aqueles destinados para a alimentación animal e os que se procesen en biogás ou compostaxe. Tamén están exentos os subprodutos que sexan fornecidos por cazadores de caza silvestre e por establecementos locais de venda polo miúdo ou os alimentos crús para animais de compañía.