Enerxía

O Plan de Sostibilidade da UVigo (Suvi) pretende, ademais de reducir a dependencia enerxética mediante o autoabastecemento con enerxías renovables, a mellora da eficiencia enerxética das súas instalacións.

Para conseguilo, fixéronse unha serie de melloras na climatización (cambio de caldeiras de gasóleo por outras de gas natural, bombas de calor e enerxía solar fototérmica, mellora do illamento dos paramentos...) e na iluminación (tecnoloxía led, control horario e de presenza...) de moitos centros dos campus.

Para poder facer un control e unha análise da enerxía consumida polos diferentes centros, desenvolveuse unha plataforma común de monitorización de consumos e de produción de enerxía (de todo tipo de combustibles), que permite recibir avisos, previr avarías e descargar os históricos de datos de consumos para poder analizalos.

Deste xeito pódense caracterizar dunha forma precisa todas as instalacións e focalizar os esforzos para reducir consumos e mellorar a eficiencia das áreas de maior demanda enerxética.

Para conseguir esta optimización do aproveitamento enerxético e económico das instalacións de xeración eléctrica mediante fontes limpas e renovables en réxime de autoconsumo, proponse crear comunidades eléctricas nos campus para que os excedentes de xeración de enerxía fotovoltaica poidan compensar o consumo de electricidade entre centros.

A UVigo vén apostando decididamente polas enerxías limpas e renovables e a eficiencia enerxética, para lograr con iso unha importante redución do impacto que a súa actividade ten sobre o medio natural e unha menor exposición á escalada de prezos da enerxía. Con todo, non se é inmune á situación actual, polo que o mercado e a situación política e económica esixe unha adaptación dinámica e continua, tendo que tomar medidas extraordinarias en determinados casos para conter o custo da enerxía que a institución académica consome.

Aprobáronse medidas de aforro enerxético, que se completan con plans de medidas estruturais e de sostibilidade (Suvi), co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono. Estes plans atenden a catro factores clave: que as medidas teñan un efecto significativo na redución do consumo de enerxía, que non afecten a actividade académica, que preserven a salubridade e o confort dos postos de traballo do persoal e do alumnado, e que manteñan plenamente o desempeño da actividade docente e investigadora.

Actualmente, a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro debida ás actuacións realizadas dentro do Plan Suvi (anos 2019 e 2020) corresponde a unhas 1800 toneladas de CO2. Estas emisións corresponden ó 8,12 % da pegada total de carbono da UVigo, o que equivale a unhas 71 000 árbores plantadas ou unhas 960  ha de bosque, 232 millóns de teléfonos móbiles recargados, as emisións de 593 coches durante un ano, 308 vivendas durante un ano ou 757 000 litros de gasóleo consumido.

O obxectivo para os próximos anos do Plan Suvi son conseguir un aforro dunhas 2100 tonCO2/ano, que corresponderían ó 9,5 % da pegada total de carbono da UVigo (equivalentes a 85 000 árbores plantadas ou 1 150 ha de bosque, 277 millóns de teléfonos móbiles recargados, o consumo de 469 coches durante un ano, 368 vivendas durante un ano ou 905 000 litros de gasóleo consumido).


electrolineira
Paneis solares fotovoltaicos na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía

Exemplos de xeotermia e biomasa na UVigo


A UVigo dispón de diferentes fontes de enerxías renovables (xeotérmica, biomasa, solar térmica e fotovoltaica) que lle permiten fornecerse de enerxía eléctrica e térmica, reducindo así o seu impacto con combustibles fósiles.

No campus de Vigo existen 3 instalacións xeotérmicas para a climatización a través de bombas de calor. Tamén se dispón de biomasa para dar servizo de calefacción no pavillón deportivo, que apoia a instalación solar térmica. Conta tamén coa instalación de 9 grupos de paneis solares fotovoltacios, situados nas sedes de Enxeñeria Industrial, Minas, Químicas, Edificios Administrativos, Biblioteca, Cacti e Cintecx.

O campus de Ourense conta con 3 instalación xeotérmicas que alimenta a climatización ós edificios mediante bombas de calor. Este campus conta tamén cunha instalación solar fotovoltaica e 2 instalacións solares térmicas.

No campus de Pontevedra instaláronse 2 caldeiras de biomasa que proporcionan enerxía térmica a diferentes edificios. Conta tamén con 3 instalacións solares fotovoltaicas e 2 solares térmicas.

Asemade, desenvolvendo e acompañando todas estas iniciativas, existe un programa de acción no que a Uvigo participa para alcanzar a neutralidade de carbono, dentro da Alianza Galega polo Clima.