Flluorescentes, lámpadas de baixo consumo, de descarga e leds

Recollida de lámpadas fluorescentes, de baixo consumo, de descarga e LEDs


As lámpadas fluorescentes, as de baixo consumo, as de descarga e os leds (quedan excluídas as de incandescencia e as halóxenas) son residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).

A normativa establece que os últimos posuidores poderán devolve-los aparellos eléctricos e electrónicos e os seus residuos, sen custo, ás entidades distribuidoras/vendedoras ás que se lles compren equipos/produtos novos. As entidades provedoras están obrigadas a proceder coa súa correcta xestión, xa que o custo desta está incluído no prezo do produto.

O procedemento de entrega dos fluorescentes para unha xestión adecuada consiste en que a persoa usuaria, cando compre un novo produto, de tipo equivalente ou que realice as mesmas funcións có aparato que rexeita, poderá entregalo no acto de compra á empresa distribuidora.

Segundo isto, as conserxarías dos centros, ou en xeral calquera persoa que teña que adquirir lámpadas fluorescentes, terán que entregarlles ás entidades provedoras, no momento da compra, os fluorescentes que xa non funcionen. Se as entidades provedoras se negasen a recollelos porque hai máis acumulados cós comprados ou ben porque non se van adquirir novas lámpadas, poderán ser retirados polo xestor autorizado co que contacta a UVigo para a recollida deste tipo de residuos (RAEE).

Na actualidade, existe un sistema de recollida integral deste tipo de residuo (fluorescentes, lámpadas de baixo consumo, de descarga e LEDs) coordinado pola entidade Ambilamp en todo o Estado español.

Os fluorescentes deben depositarse enteiros, procurando que non rompan (xa que escaparía ó exterior o gas perigoso que conteñen). Hai que extremar o coidado á hora de depositalos, manipulalos e recollelos.