Animais abandonados

Inconveniencias e desafíos do abandono de animais domésticos na natureza

O abandono de animais domésticos é un problema que afecta numerosos animais e ecosistemas en todo o mundo. Moitas persoas compran ou adoptan mascotas sen decatarse das responsabilidades que supón coidar e manter un animal e, cando as cousas se complican ou o consideran unha "interferencia" nas súas vidas, abandónano sen teren en conta o que isto supón para o propio animal e para o medio no que o "depositan". O abandono de animais é un acto cruel e egoísta que pon en perigo as súas vidas e supón inconveniencias e dificultades para a natureza e a sociedade no seu conxunto. Queremos abordar aquí as consecuencias destes abandonos, así como as posibles solucións que se poderían aplicar para abordar as distintas situacións que producen.


O abandono de animais domésticos en espazos naturais con valor ecolóxico afecta os ecosistemas e ten consecuencias como:

  • Competencia polos recursos: O animal introducido pode competir coas especies nativas por alimentos, auga, territorio e outros recursos necesarios para sobreviviren. Isto pode supor a diminución das poboacións nativas e desequilibrar os ecosistemas.
  • Depredación: O animal introducido pode constituírse nun depredador das especies nativas que, inicialmente, poidan non ter defensas adecuadas contra este "elemento" introducido de súpeto e imprevisto, ou supor para as poboacións nativas afectadas unha mingua que poida chegar mesmo á súa extinción.
  • Transmisión de enfermidades: O animal introducido pode traer consigo enfermidades ou parasitos novos para a área afectada e as especies nativas seguramente non estean preparadas e adaptadas para enfrontalas. Isto pode ter un efecto devastador nas poboacións nativas.
  • Cambios na estrutura dos ecosistemas: A introdución dun novo animal pode alterar as cadeas tróficas dos ecosistemas e cambiar a estrutura e composición das especies neles presentes, o que pode producir cambios impredicibles e posiblemente negativos no seu funcionamento.

Hai que ser conscientes de que o abandono de animais pode traer consigo consecuencias graves e impredicibles para as especies nativas e os ecosistemas. É importante ter moito coidado na introdución de novas especies e considerar coidadosamente os seus posibles impactos (ademais das consecuencias propias sobre o propio animal abandonado, que estará acomodado a unhas condicións que na natureza lle van ser descoñecidas, adversas, desfavorables e hostís).


O abandono de animais pode ter graves consecuencias sobre o seu propio benestar físico e psicolóxico. Os animais domésticos están afeitos a vivir nunha contorna segura e protexida e, ao seren abandonados, poden sufrir de fame, sede, frío, calor, enfermidades, soidade, estrés emocional, depresión... Tamén poden estar expostos a perigos externos como vehículos (agropelos), outros animais (depredación) e persoas mal intencionadas que lles poden facer mal.


Os animais abandonados poden sentirse desorientados e confundidos, especialmente se están afeitos a vivir nun fogar e a recibiren amor e atención das persoas coas que conviven. Cando "perden" a compaña desas persoas poden ir desesperadamente na súa busca ou agardar apesaradamente que retornen a buscalos, o que, sen dúbida, prolongará o seu estrés e sufrimento.


Ademais, o abandono afecta a confianza do animal nos seres humanos, o que pode supoñer condutas como a timidez, a agresividade ou a evitación/escapada. Tamén pode provocar problemas de saúde física e emocional, como a perda do apetito, a perda de peso, o insomnio e enfermidades relacionadas co estrés e o nerviosismo.


Impactos xerados polos gatos abandonados para a biodiversidade do campus de Vigo (Trouwborst & Somsen, 2020):

  • Depredación de especies autóctonas (avifauna, herpetofauna, roedores, etc.).
  • Perturbación do ambiente (escavación, cheiros...).
  • Competencia con especies nativas (polo alimento, ocupación de hábitat e territorios, etc.).
  • Vectores de enfermidades, tanto para as persoas como para outros organismos (toxoplasmose, rabia, leucemia felina...).

Os gatos tamén xeran problemas noutras zonas. Por exemplo, na illa de Ons era habitual que os habitantes tivesen gatos que deixaban pasear libremente. Aínda que estes gatos non estivesen necesariamente abandonados, nun ecosistema tan delicado como o dunha illa, a depredación exercida polos gatos pode ser fatal. No caso de Ons estes gatos estaban representando un grave problemas para a poboación dos réptiles e das aves. Dende hai uns anos a presenza dos gatos na illa está moito máis regulada.


No caso particular dos cans abandonados poden causar problemáticas adicionais como:

  • Constitución de asociacións, grupos asilvestrados, con potenciais perigos de ataque e contaxio para as persoas e para outras mascotas, reses e fauna local.
  • Vectores de enfermidades, tanto para as persoas como para outros organismos.
    Exemplos en cans: leishmaniose, rabia, lombrigas intestinais e outros parasitos.

Nalgunhas zonas de Galicia e de España a presenza de cans asilvestrados implica que se rexistren de cando en vez ataques ao gando que nun primeiro momento se cren atribuídos aos lobos, pero que investigacións posteriores determinan que foron causadas por grupos de cans. Isto, ademais de causar un prexuízo económico para os gandeiros, tamén afecta a mala imaxe que se ten dos lobos, que en moitos casos xa é mala de por si.


Por iso insistimos en que non se poñan comedeiros nin refuxios nos campus, para que non supoñan un "efecto chamada" sobre aquelas persoas que os abandonan, que pensan que no campus lles están a dar "unha segunda oportunidade" (cos prexuízos que isto supón; ademais de non ser real esta "oportunidade").


A carpa común (Cyprinus carpio) é un peixe que se atopa na listaxe da IUCN das "100 especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo". A súa introdución en Europa é moi antiga. Considérase que foi introducida polos romanos debido ó seu valor ornamental e alimenticio, dende unha poboación procedente do río Danubio. É moi resistente á escaseza de osíxeno e á contaminación das augas. Os adultos levantan as raíces e destrúen a vexetación somerxida (alimento de moitas especies acuáticas), levantan os sedimentos e enturban a auga, alterando seriamente os hábitats acuáticos. Por sorte, as carpas de moitas lagoas (caso dos campus da UVigo) non poden escapar, pero son invasoras igualmente. Algo semellante acontece cos carpíns (Carassius auratus), os peixes de cores que temos como mascotas nos acuarios, coas tartaruga de Florida (Trachemys scripta), coas súas típicas "orellas" laranxas, tamén procedentes do mundo da acuariofilia, e cos cangrexos americanos (Procambarus clarkii), especies invasoras, moi voraces nos ecosistemas "alleos" ("abandonados" indiscrimniadamentes nas lagoas e estanques dos campus).


Como previr un maior impacto negativo dos animais abandonados:

  • Tratar de non converter unha zona nun foco de atracción para o abandono de animais. Aínda que para algunhas persoas sen escrúpulos poida parecerlles que o campus sexa un sitio ideal para as mascotas que xa non queren, a realidade é que non o é, xa que os cans e os gatos non forman parte do seu ambiente natural e, na intemperie, sofren moito as inclemencias meteorolóxicas.
  • Non alimentar nin promover refuxios para os animais abandonados. Isto ten que ver co aspecto anterior. As persoas que abandonan animais non poden pensar que os están deixando nun lugar no que se promove o seu coidado porque existen cafeterías, comedores e traballadores dos que poderán conseguir unha doada alimentación.
  • Contactar con protectoras e asociacións de benestar animal que cuantifiquen e capturen os posibles animais abandonados para darlles, cando sexa posible, un fogar en adopción ou planificar programas de esterilización e coidado de poboacións para que estas non proliferen e afecten a fauna e a flora local.

Outros problemas fóra do campus, na cidade de Vigo:


Constátase un aumento acelerado das poboacións de cotorras arxentinas (Myiopsitta monachus, tamén coñecidas como catas) na cidade de Vigo. No ano 2015 estimouse unha presenza de "65-75" exemplares desta especie en Vigo (Molina et al., 2016). Anos depois, unha noticia do Diario Atlántico no ano 2022 informaba que xa había "350 exemplares segundo o último informe elaborado polo Concello". En menos de 10 anos a poboación multiplicouse por cinco. Aínda que son animais bonitos e desexados como animais de compañía, hai que lembrar que hai que ter moito coidado con estas aves e evitar que escapen e se propaguen porque, nese caso, esta especie non é autóctona e ten un claro carácter expansivo e ocupador de hábitats. As últimas normativas prohiben a súa tenencia como mascota e implican custosas sancións en caso de incumprimento. O crecemento da poboación significa que estes animais se adaptaron a este medio. Isto supón moitos problemas para as aves autóctonas debido ó aumento da competencia polo espazo e o alimento (plantas frutíferas: figos, níxaros, laranxas, etc.), así como polas enfermidades que poden transmitir ou padecer por falta de inmunidade.


Figura x. "Distribución da cotorra arxentina no ano 2015. A abundancia está representada en individuos estimados por provincia". (Molina et al., 2016).



Máis información: