Mapas dos ecosistemas dos distintos campus:

Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus


AS ABELLEIRAS


Situada xeograficamente no corazón do campus, esta zona conforma unha grande área verde de case cinco hectáreas, relacionando e unindo os diferentes ámbitos universitarios mediante sendas peonís.

Ata mediada a década de 1980 (logo da expropiación e posterior cesión á UVigo) esta zona formaba parte dunha grande extensión de piñeiral mesto (froito das repoboacións da década de 1950), acompañado con pequenas zonas de prado e pés ciscados de arborado frondoso, e era propiedade dos veciños de Zamáns, en "réxime mancomunado".

Ver o panel de natureza


O MATO


En termos de ecoloxía da paisaxe, o mato considérase o ambiente dominante no territorio galego. Conforma hábitats abertos cunha elevada biodiversidade. A fauna aproveita este ecosistema como lugar de reprodución e acubillo, xa que as especies vexetais que o conforman proporcionan unha boa defensa contra os depredadores, o que o fai moi apreciado por réptiles, aves e pequenos mamíferos. Está considerado como prioritario na Directiva Hábitat da Unión Europea.

Ademais do valor ambiental e paisaxístico, en gran parte polas espectaculares floracións da matogueira, esta zona é de gran interese histórico-cultural debido á zona arqueolóxica que alberga e que se pode percorrer doadamente polos carreiros que a sucan, onde se poden atopar con frecuencia cabalos que pastan en liberdade.

Ver o panel de natureza


LAGOA FILOLOXÍA


A lagoa de Filoloxía atópase na entrada norte ao campus, na súa parte alta, en fronte á antiga necrópole neolítica (hoxe na contorna da zona das instalacións deportivas).

Mediados os anos setenta, e integrada no xardín paisaxista do Colexio Universitario de Vigo (CUVI), constrúese unha lagoa de 2000 m3 aproveitando un manancial natural que forma parte da cabeceira e nacemento do río Eifonso, afluente principal do río Lagares.

Ademais da función paisaxística, tamén recolle as augas de arroiada superficial da contorna.

Ver o panel de natureza


A DEVESA


Na eco-rexión atlántica galaica do período glaciar (hai uns 10.000 anos) abondaron as praderías de gramíneas nas que paulatinamente foron asentándose as especies arbóreas pioneiras (piñeiros silvestres e bidueiros). No período boreal, ao facerse máis quente e húmido o clima, estas especies van sendo substituídas ou acompañadas por especies frondosas como abelairas e carballos. No período atlántico (hai uns 7.000 anos), ao seguir temperando máis o clima, aumenta a diversidade de especies. Moitas seguen a ser abundantes hoxe, mais outras aparecen como ventureiras, como é o caso dos tileiros e dos piñeiros silvestres, ou escasean, como os ulmeiros e as faias. O carballo mantense como a especie climácica máis representativa.

Ver o panel de natureza


PRADARÍAS


Os prados forman ecosistemas creados como consecuencia da actividade humana, mantendo a vexetación nun estado de subclímax, sen evolucionar a un estado de bosque maduro.

As case 3 ha de pradaría de Vilariño e das Cabanas, situadas na zona máis baixa do campus, mantéñense mediante as segas e o pacer do gando veciñal.

Son hábitats heteroxéneos constituídos por especies herbáceas de escasa altura e raíces pouco profundas, cohabitando herbívoros, roedores, aves e numerosos insectos.

Ver o panel de natureza


LAGOA CIENCIAS


A lagoa, localizada ao sur da Facultade de Ciencias, sobre a cota 390, formouse a partir da ampliación dunha pequena lagoa natural, intermedia no discorrer das augas superficiais da principal bacía hidrográfica do campus, que abrangue case 40 ha, ata o encoro do río Zamáns.

No ano 2000 amplíase o vaso ata os 2500 m2 actuais, coa finalidade de compensar o aumento das augas de arroiada, froito das actuacións de edificación no campus, que asolagaban a zona sur. Esta lagoa, ademais de actuar como filtro biolóxico para diminuír a contaminación difusa, favorece a decantación dos lodos en suspensión.

Ver o panel de natureza


BOSQUE HÚMIDO


Nos terreos que rodean a Lagoa de Ciencias, debido ás condicións de alta humidade e de baixa radiación solar, desenvolveuse un bosque caducifolio de umbría, axudado por un plan de reforestación e transplante.

Neste tipo de terreos o nivel freático da auga é alto, polo que a vexetación non necesita afondar moito coas súas raíces para atopala.

O sotobosque está constituído por especies adaptadas á baixa intensidade lumínica e por unha densa capa de follaxe que achega materia orgánica e nutrientes ao solo.

Ver o panel de natureza


O SOBREIRAL


Dende o ano 2001 vénse acometendo un plan de revexetación do campus, co fin de protexer o solo, aumentar a biodiversidade e potenciar a vexetación, tentándose recrear de xeito natural os distintos hábitats propios de Galicia. Nesta ladeira orientada ao sur, das máis cálidas e asolladas do campus, plantouse un sobreiral mixto de máis de 2 ha.

Ver o panel de natureza


EQUISETOS


O xénero Equisetum ten un extenso rexistro fósil entre o Devónico e o Carbonífero (existen importantes depósitos de hulla que constatan enormes bosques hai uns 400 millóns de anos). É o único xénero supervivente de todas as equisetópsidas, polo que se definen as equisetáceas como unha familia monotípica. Na actualidade, este xénero consta de 25 especies.

Ver o panel de natureza

Mapa e cartel do percurso do arboreto do campus Pontevedra:



Nesta ligazón podedes descargar a "Guía didáctica do roteiro do arboreto do campus de Pontevedra".

Mapas da xeoloxía do campus de Vigo (As Lagoas-Marcosende):

Reitoría Deportes


Neste mapa podedes localizar os puntos exactos dos paneis de xeoloxía do campus das Lagoas-Marcosende de Vigo