Plan de Conservación e Seguimento dos Hábitats Naturais

Os obxectivos do proxecto de conservación dos hábitats dos campus son os seguintes:

  • Establecer un programa de seguimento das áreas nas que se realizou algún proxecto de conservación.
  • Efectuar o manexo dos hábitats naturais seguindo unhas pautas que favorezan o incremento da biodiversidade, promovendo os procesos propios de sucesión natural.


O proxecto divídese en tres aspectos complementarios entre si: o programa de seguimento, os traballos de conservación e o programa de educación ambiental.

a) Programa de seguimento

Consiste no deseño e aplicación dunha metodoloxía que permita avaliar os cambios nas comunidades de fauna e flora da área afectada polos proxectos de mellora ambiental. Deste xeito, cuantificarase:

  • Diversidade e riqueza de especies.
  • Cambios tanto estruturais como na organización destes ecosistemas.
b) Traballos de conservación

Trátase de realizar un manexo dos hábitats naturais co fin de preservar a biodiversidade e evitar a súa degradación. Para isto acometeranse diversas tarefas silvícolas como:

  • Control da vexetación exótica.
  • Manexo da vexetación arbustiva.
  • Restauración do estrato herbáceo.
  • Coidados ao arborado.
  • Mantemento dos cursos de auga.
c) Educación ambiental

O equipo ao completo participará no programa de educación ambiental, destinado á sensibilización da comunidade universitaria, que consistirá en:

  • Creación dun viveiro de planta autóctona con exemplares de procedencia local.
  • Utilización dos restos vexetais para a produción de compost.


Para desenvolver este proxecto contouse cunha subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, da Xunta de Galicia que permitiu contratar un biólogo e unha brigada de traballadores forestais constituída por un capataz e tres operarios especializados (oficiais de primeira) dende outubro de 2002 ata outubro de 2003.