A lagoa areeira de Ourense

No campus sur de Ourense (Bamio) había un pequeno espazo (no que hoxe son as pistas de atlestimo e tenis) que comprendía unha areeira abandonada e os seus arredores máis próximos. Este espazo estendíase nunha superficie aproximada de 7.200 m2. Posuía un alto valor ecolóxico, especialmente ao estar incluído dentro dun campus case completamente urbanizado. Os valores máis salientables desta zona eran:

1) Riqueza e singularidade ornitolóxica, aparecendo entre outras especies:

  • Cettia cetti, rousinol bravo (invernante e nidificante).
  • Riparia riparia, anduriña das barreiras (nidificante).
  • Anas platyrhynchos, lavanco (posible nidificante).
  • Sylvia melanocephala, papuxa cabecinegra (nidificante).
  • Turdus iliacus, tordo rubio (invernante).

2) Riqueza e singularidade florística:

  • Vexetación acuática (Typha latifolia, Typha angustifolia, etc.).
  • Un exemplar de gran tamaño de piñeiro manso (Pinus pinea).
  • Vexetación arbórea e arbustiva: abelairas (Corylus avellana), sebe de estripeiros (Crataegus monogyna), salgueiros (Salix atrocinerea), etc.

3) Variedade de anfibios: pintafontes verde (Triturus marmoratus), sapiño comadrón (Alytes obstetricans), ra verde (Rana perezi), etc.


O feito de que se atopaba nos terreos do campus outorgáballe un enorme potencial educativo e académico (espazo representativo das comunidades de fauna e flora de hábitats de zonas húmidas de auga doce).


Os traballos de recuperación desta zona húmida acometéranse o 5 de xuño de 2001, Día Mundial do Medio Ambiente, cunha recollida de lixo, colocación de carteis de protección e plantación de 5 ameneiros (Alnus glutinosa).


A partir do ano 2005 realizáronse de cheo diversos traballos de protección e restauración desta zona, entre os que destacaron os seguintes:

  • Instalación dun valado de protección perimetral da lagoa e da parcela lindeira.
  • Roza e limpeza de entullos e lixo.
  • Sementeira de herbáceas e plantación de árbores e arbustos: sobreiras (Quercus suber), cerquiños/rebolos (Quercus pyrenaica), carballos (Quercus robur), aciñeiras (Quercus ilex), érbedos (Arbutus unedo), abruñeiros (Prunus spinosa), estripeiros (Crataegus monogyna), lavandas (Lavandula stoechas) e carpazas (Cistus salviifolius)