Condicións para o Servizo de Mantemento de Zonas Verdes
A Oficina de Medio Ambiente (OMA), a instancias dos Servizos Centrais da UVigo, elaborou as prescricións para a contratación dos Servizos de Conservación de Zonas Verdes da Universidade. Estas foron incluídas nos pregos de contratación asinados a partir do ano 2007, e son revisadas para os novos pregos.
Este servizo realizarase cos métodos, prácticas e produtos máis respectuosos para o medio ambiente e incluirá, entre outros, a correcta xestión dos residuos, a optimización do consumo de auga, o emprego de produtos fitosanitarios de baixo risco ambiental e o emprego de labores que minimicen o seu impacto tanto na vexetación coma no medio circundante.
Directrices xerais
- Empregar criterios ecolóxicos sólidos e obxectivos, produto do coñecemento científico.
- Promover o uso sustentable, moderado e responsable dos recursos.
- Procurar o mínimo grao de degradación ambiental.
Obxectivos fundamentais
- Contribuír á conservación da diversidade biolóxica nos seus tres compoñentes: xenético, taxonómico e ecolóxico.
- Protexer os recursos hídricos e rexenerar os ecosistemas acuáticos. Potenciarase o uso axeitado da auga nas tarefas de mantemento e fomentaranse as practicas máis adecuadas para a protección dos ecosistemas, minimizando o emprego de sustancias perigosas e realizando tarefas que minimicen as afeccións que poidan sufrir estes.
- Facilitar o uso dos ecosistemas axardinados e seminaturais para docencia, investigación e educación ambiental.
- Facilitar o uso dos ecosistemas axardinados e seminaturais para usos recreativos e de lecer.
- Crear unha paisaxe variada e visualmente atractiva.
- Diminuír os impactos negativos derivados do mantemento dos ecosistemas axardinados e naturalizados, tanto nos propios campus como nos ecosistemas veciños. Procurarase a racionalización dos diversos procesos a través da adecuada organización, definición e distribución de tarefas, para que sexan respectuosos co medio ambiente. Considerarase a supresión, ou de non ser posible, a limitación, da utilización de sustancias perigosas e nocivas para o medio ambiente e a selección dos produtos de menor toxicidade.
- Procurar que no desenvolvemento das tarefas de mantemento se faga un uso racional da enerxía, empregando maquinaria ecoeficiente. Ao mesmo tempo tentarase minimizar a xeración de residuos, facendo unha xestión axeitada dos xerados.
- Desenvolver actividades específicas de formación e información para que o desenvolvemento dos traballos se efectúe de acordo cos obxectivos expostos anteriormente. Garantirase a correcta manipulación, dosificación e uso dos produtos e da maquinaria, e sensibilizarase o persoal e os diferentes usuarios da importancia da protección do medio ambiente.
Condicións para o Servizo de Limpeza
A Oficina de Medio Ambiente a instancias dos Servizos Centrais (Contratación - Xerencia) elaborou unha serie de prescricións para a contratación dos Servizos de Limpeza na Universidade, que foron incluídas nos pregos de contratación asinados a partir do ano 2000. No ano 2004 incluíronse novas especificacións relativas a limpeza de lixo e demais residuos nas inmediacións dos edificios. No ano 2009 incluíronse prescricións ambientais máis precisas para fomentar no posible as boas prácticas ambientais en tódolos aspectos que se puidesen considerar. Estas prescricións foron revisadas e ampliadas para os pregos do ano 2012, e son as seguintes:
Minimización da producción de residuos
- A empresa concesionaria procurará a redución da xeración de residuos na súa orixe e o aproveitamento de elementos ou produtos (reutilización de frascos, trapos, papel, caixas, bolsas, etc., dosificacións xustas de deterxentes e xabóns, etc.).
Recollida selectiva de residuos
- Todos os residuos serán recollidos de xeito segregado segundo a súa tipoloxía (lixo xenérico, papel-cartón, envases lixeiros de metal, plástico ou briks, vidro e pilas) e serán depositados nos colectores municipais correspondentes de recollida selectiva que se atopen dispoñibles e máis próximos. Atenderase con especial e prioritaria atención a retirada de embalaxes en calquera das zonas dos centros dentro do alcance do contrato, e a súa correcta disposición nos colectores municipais.
- Dentro dos edificios poderán existir colectores específicos de recollida selectiva para distintos tipos de residuos. O seu número poderá ampliarse en calquera momento durante o período considerado neste contrato. En calquera caso, o seu contido deberá ser trasladado de xeito segregada a cada un dos correspondentes colectores municipais de recollida selectiva. Tralo seu baleirado, a localización dos colectores interiores deberá restablecerse sempre á súa posición orixinal.
- Non debe existir ningún residuo ou bolsa de lixo nos edificios nin nas súas inmediacións, fóra dos puntos expresamente destinados ao seu depósito (colectores internos e papeleiras).
- En todos os aseos femininos dentro do alcance do contrato, a empresa adxudicataria será a encargada de dispoñer os colectores hixiénico-sanitarios necesarios e encargarse da súa correcta xestión.
Aforro de recursos e materias primas
- Os equipos, maquinaria ou instrumentos que se utilicen para a limpeza terán que cumprir requisitos contrastables en canto a dosificación xusta e aforro de produto que poidan utilizar para a limpeza ou o seu funcionamento.
- Os equipos, maquinaria ou instrumentos que se utilicen para a limpeza terán que cumprir requisitos contrastables en canto a baixo consumo eléctrico (mínimo categoría A).
- Os sistemas de aspiración que se usen deberán ser sen bolsa ou sen recipiente non reutilizable.
- En relación á redución de consumos terase especial consideración o uso das cantidades xustas de auga, fomentando o seu aforro.
- Fomentarase o uso de produtos a granel, de xeito que se promova o uso mínimo de envases e a súa retornabilidade-reenchido.
Productos de limpeza
- Supresión/limitación do uso de substancias perigosas, promovendo o uso de produtos inocuos ou de baixa toxicidade. Todos os produtos xenéricos deberán ser neutros, non danarán os materiais sobre os que se apliquen e serán administrados segundo a dose axeitada ao elemento que se limpe.
- Os produtos desinfectantes como a lixivia só se usará para a limpeza de aseos e zonas específicas que requiran dunha especial desinfección.
- Procurarase que os recipientes dos produtos sexan reutilizables, homologados en función do seu contido e sempre coas etiquetas pertinente (nome do produto que conteñan, composición, características, modo de emprego e pictogramas de perigo cando cumpra; isto observarase mesmo que se trate de envases reutilizados onde se estea facendo unha dilución, mestura, transvase, etc.).
- Todos os produtos perigosos disporán das preceptivas fichas de seguridade no cuarto onde se almacenen.
- Almacenamento adecuado de todos os produtos, dispoñéndoos en estantes anticorrosión e dotados de medios de contención para derrames (cubetos colocados por baixo con polo menos a capacidade do maior dos envases que se dispoña sobre eles). A empresa adxudicataria deberá prover estes estantes e cubetos nos almacéns.
- Para evitar alerxias e reaccións adversas de hipersensibilidade, non se usarán en ningún caso nin ambientadores, nin pastillas ou substancias perfumadas, nin propelentes que poidan dar lugar a este tipo de reaccións.
- No caso de que exista un plan de DDD (desinfección, desratización e desinsectación), os equipos de captura ou produtos que se usen para a eliminación deberán estar correctamente colocados e sinalizados coas etiquetas que lles corresponda.
- Se se renova ou introduce outro produto distinto do presentado na oferta do contrato, deberá comunicarse á Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo a documentación actualizada para a súa aceptación previo uso.
Informe anual (principios de ano)
- Balance de produtos e cantidades usadas de cada un. Monitorizarase o seu consumo e axustarase a dosificación, atendendo os requisitos de limpeza fixados.
- Número de equipos e maquinaria que se utilice para a limpeza, presentando evidencia de que cumpren con requisitos de consumo e de aforro de materias primas.
- Estimación da cantidade de residuos recollidos por centro, separados por tipoloxías (lixo xenérico, papel-cartón, envases lixeiros metal-plástico-briks, vidro, pilas).
Evitar a contaminación
- Minimización de emisións atmosféricas e ruídos e vibracións.
- Evitar a contaminación de calquera tipo de efluente (ríos e regatos) ou por calquera tipo de sumidoiro ou desaugue.
- Evitar a contaminación do solo ou calquera vertido que poida afectar a estes ou que por arroiada ou outro tipo de proceso de transporte poida trasladar a contaminación.
Limpeza de inmediacións dos centros locais
- Recollida de lixo e demais residuos en papeleiras exteriores, estacionamentos, beirarrúas, accesos, terrazas, estradas, sendas e zonas verdes adxacentes aos edificios.
- Limpeza a fondo mediante baldeado con auga a presión, aire ou similar dos estacionamentos, beirarrúas, accesos, terrazas, estradas e sendas adxacentes ós edificios.
- Limpeza das zonas nas que se atopan os colectores municipais de residuos urbanos (lixo xenérico, envases, papel, vidro, pilas, etc.).
Condicións para o Servizo de Reprografía
A OMA a instancias dos Servizos Centrais (Contratación - Xerencia) elaborou unha serie de prescricións ambientais que deberán terse en conta á hora da contratación dos Servizos de Reprografía da Universidade de Vigo. As prescricións son as seguintes:
Tipos de papel
- O tipo de papel empregado por omisión será 100 % reciclado.
- O papel branco utilizado deberá estar etiquetado certificando o seu branqueo con osíxeno e non con compostos clorados.
- En ningún caso se usará papel branqueado con compostos clorados.
Información ao usuario
- Informarase, con carteis situados en lugar visible e de adecuado tamaño, que os servizos de Reprografía empregan papel reciclado 100 %.
- Igualmente, nos carteis estará indicado que os usuarios que desexen as súas copias noutro tipo de papel terán que solicitalo explicitamente.
- A empresa adxudicataria promoverá as fotocopias polas dúas caras.
Residuos xerados
- Os cartuchos e tóners serán entregados a xestores autorizados para a súa reutilización e reciclaxe.
- Os residuos considerados perigosos, de existir, deberán ser tratados con especial atención, cumprindo en todo momento coa lexislación específica neste tema.
- O adxudicatario do servizo disporá de recipientes adecuados para almacena-los residuos ata a súa recollida.
- O papel desbotado como residuo deberá destinarse á súa reciclaxe, ben depositándoo nos colectores municipais de lixo para papel usado, ben contactando directamente cun xestor que o recicle.
- De calquera outro residuo, mesmo pezas de recambio, o adxudicatario terá que garanti-lo seu tratamento e disposición final, favorecendo as solucións de reutilización e reciclaxe.
Informe
- A empresa adxudicataria elaborará un informe anual que entregará á universidade, indicando a cantidade e tipo de papel consumido.