Bolsas de formación ambiental e prácticas ambientais
A Área de Bolsas da UVigo ten en marcha unha convocatoria anual periódica de bolsas de formación na Oficina de Medio Ambiente (OMA) desta universidade.
Polo xeral, trátase de:
- 1 bolsa de colaboración na temática Medio Ambiente e Natureza no Campus de Ourense.
- 1 bolsa de colaboración na temática Medio Ambiente e Natureza no Campus de Pontevedra.
- 2 bolsas de colaboración na temática Medio Ambiente e Natureza no Campus de Vigo.
- 1 bolsa de colaboración na temática Enerxías Sostibles e Eficiencia Enerxética no Campus de Vigo.
- 1 bolsa de colaboración na temática Recuperación de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE-Gruvi) no Campus de Vigo.
No programa de bolsas de formación, a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo (UVigo) ofrece participar en actividades relacionadas coa conservación de espazos naturais, estudos ambientais e educación e sensibilización ambiental.
As liñas principais de traballo para desenvolver polas persoas con adxudicación de bolsa de formación na OMA e as competencias que se adquirirán nos distintos programas serán:
- Colaboración nos programas de educación ambiental como monitoras/es en distintos roteiros ambientais: 'Itinerarios guiados polos campus', 'Universidade é Natureza,' que dan a coñecer os hábitats e a flora e a fauna do campus das Lagoas-Marcosende (Vigo), o da Xunqueira (Pontevedra) e o das Lagoas (Ourense), a través de percursos guiados.
- Actuacións de sensibilización ambiental, a través de campañas específicas como o deseño e elaboración de carteis/paneis, a plantación de arborado, plans de conservación de fauna e flora, etc.
- Actuacións relativas á minimización e á corrección de impactos, á restauración de hábitats e á recuperación de espazos degradados, como son as actuacións para a erradicación e control de especies invasoras, o fomento da biodiversidade, evitar atropelos en estradas e colisións de aves en cristaleiras, etc.
- Conservación e promoción do medio natural e patrimonial.
- Elaboración de inventarios florísticos e faunísticos.
- Recompilación de datos para a elaboración da Pegada Ecolóxica da UVigo, así como para estudos de diagnóstico ambiental, de valoración e seguimento do uso dos recursos, de aforro nos consumos, aproveitamentos sostibles (rega, extinción de incendios, mantemento de hábitats, etc.), etc.
- Xestión dos residuos e a súa recollida selectiva. Estudos de mellora e seguimento para a reutilización e a reciclaxe dos residuos producidos.
- Desenvolvemento de campañas para fomentar o transporte eficiente e sostible e a mellora da mobilidade.
Se tes formación ambiental e relación actual docente (grao ou mestrado) coa UVigo, podes optar a ser unha persoa con bolsa de formación na OMA e participar en actividades de sostibilidade ambiental desta universidade.
Existe tamén unha reserva de prazas (non remuneradas) para o alumnado que desexe realizar as prácticas de fin de grao (TFG) ou de mestrado (TFM), tramitando un convenio de participación entre a OMA, o alumnado e a titoría, dentro das temáticas ambientais anteriormente sinaladas ou algunha actividade ou traballo ambiental relacionado con estas que postule o alumnado.
En determinados períodos tamén se abre unha bolsa ambiental específica dentro do programa Green Campus, por períodos de duración ó longo dun curso, que se desenvolve no campus de Pontevedra