Proxecto de reciclaxe da auga da piscina do campus de Ourense

Este proxecto nace no marco do Plan SuMA (Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente da UVigo) e representa un máis dos numerosos compromisos adquiridos nese plan pola Universidade de Vigo a favor da sostibilidade, mediante o que se obtén un aproveitamento eficiente dun recurso natural escaso: a auga.

O proxecto consiste na construción dun alxibe de formigón armado duns 100 m3, en forma de depósito de augas, co fin de recolle-las augas saíntes dos vasos da piscina do polideportivo do campus novo de Ourense. É necesario para o seu correcto funcionamento unha renovación semanal do 10 % das augas. A finalidade do alxibe construído é o tratamento de descloración e purificación das augas, actividades necesarias para a súa posterior reutilización mediante unha conexión á rede de rega existente nese campus.