Eficiencia enerxética en edificacións

Un dos sectores de maior consumo enerxético é o da edificación, estimándose na actualidade nun 30 % da enerxía final.

A redución do impacto deste consumo neste sector tradúcese en:

  • control sobre o consumo das edificacións novas coa adaptación ás novas normativas
  • actuacións sobre as edificacións existentes, que implica incidir sobre un extenso volume de obra

Os principios básicos para mellora da eficiencia enerxética das edificacións son:

  • reducir a demanda enerxética
  • aumentar o uso das enerxías renovables dispoñibles
  • aumentar a eficiencia enerxética das instalacións

A certificación das edificacións permite perseguir estes obxectivos e indican o grao deste cumprimento.

O ideal sería conseguir edificacións rehabilitadas e de nova construción que funcionasen de forma autónoma, reducindo a súa dependencia enerxética.



Reducir a demanda enerxética


A redución da demanda enerxética no interior da edificación é unha estratexia relacionada coa súa envolvente térmica. Consiste na aplicación dunha serie de medidas, que afectan a fachadas, paramentos, ocos (xanelas e marcos), chans e cubertas, co obxectivo de reducir as perdas de calor cara a afora, asemade que se garante que unha temperatura interior de confort (valores máximos e mínimos de calefacción e refrixeración) durante tódalas estacións do ano. Por outra banda, o control da demanda térmica tamén ten que ver co control da ventilación dos espazos interiores, garantindo a calidade do aire.

Para cumprir con estes criterios son necesarios unha serie de requirimentos que afectan o deseño e a construción da edificación:

  • Unha boa orientación que achegue ganancia pasivas de confort térmico nos espazos interiores: os días de frío contribuirán a reducir a demanda de calefacción e co control da radiación solar permitirase evitar ganancias de calor non desexadas, reducindo a demanda de refrixeración.
  • Un bo illamento térmico permitirá reducir as perdas de enerxía por transmisión.
  • Edificacións cunha alta hermeticidade permitirán aumentar a eficiencia enerxética da ventilación controlada, xa que se reducen as perdas de enerxía debidas a infiltracións de aire
  • A instalación de recuperadores de calor como parte da ventilación controlada permite reducir perdas pola necesaria renovación do aire interior (garantindo a súa calidade).


Satisfacer a demanda con enerxías renovables


O uso de enerxías renovables é unha estratexia activa fronte á anterior estratexia (pasiva) de limitación da demanda (envolvente térmica) coa que se conseguía reducir perdas enerxéticas e, asemade, reducir a necesidade de consumo de enerxía. Con esta estratexia activa preténdese utilizar enerxías limpas e renovables para satisfacer a reducida demanda de enerxía.

O aproveitamento de enerxías renovables reduce a dependencia enerxética das edificacións.

  • solar fototérmica: produción de auga quente sanitaria (AQS)
  • fotovoltaica: produción de electricidade
  • xeotérmica: obtención de enerxía térmica (calefacción, refrixeración e AQS) e eléctrica
  • eólica: produción de electricidade
  • biomasa: alternativa de calor ós combustibles fósiles
  • coxeración: produción térmica e eléctrica
  • undimotriz: produción eléctrica coa forza das ondas mariñas (se cadra viable nun centro como a Ecimat-CIM situado a carón do mar)


A idoneidade do tipo de enerxía renovable que se escollerá para cada edificación e lugar, dependerá de factores climáticos, xeográficos e funcionais para cada caso.


Utilizar equipamento e instalacións coa máxima eficiencia enerxética


Unha vez aplicadas as dúas estratexias anteriormente descritas (por esa orde), a seguinte estratexia consiste en utilizar equipamento e instalacións coa maior eficiencia enerxética posible, incluíndo outros aspectos como que sexan duradeiras (diminución de residuos a medio e a longo prazo, amortizables), de baixo impacto sonoro (evitando a contaminación por ruído), económicas, etc. O uso de combustibles fósiles será sempre o último recurso e, dentro destes, deberán empregarse, de ser necesario, os menos contaminantes (p. ex. gas natural mellor ca gasóleo), aínda que a súa tendencia deberá ser eliminar o seu uso como obxectivo inmediato para un comportamento ambientalmente sostible.