Por desgraza, aínda hai xente que realiza prácticas insensatas de vertido e abandono incontrolado de lixo en lugares que cren agochados ou de difícil acceso. Moitas veces é coa intención de tapar fochancas ou irregularidades no terreo que dificultan o paso de vehículos ou peóns. Para isto fan un "asfaltado" con cascallos e entullos/rebos de obra, sobrantes dalgunha operación domiciliaria ou mesmo industrial.
Naturalmente, estas accións ilegais son perseguidas pola OMA e pola xustiza e, para isto, demandamos a intervención da sección ambiental da Policía Local (Tfno. 092) ou do Seprona da Garda Civil (Tfno. 986 425900).
Nestas imaxes podedes ve-los depósitos incontrolados (xaneiro 2011) con restos de obra na zona da Venda, perto da estrada de San Cosme (foto esquerda), e de fibra de vidro e restos de taller de automóbil no lugar de Fontefría (foto da dereita), ámbolos dous no campus das Lagoas-Marcosende de Vigo.
Estas actuacións de depósito incontrolado foron denunciadas (febreiro de 2011) ante o Seprona da Garda Civil e a Policía Autonómica, quen localizou un dos infractores, obrigándoo a recolle-los residuos e limpar e restaura-la zona afectada polo dano causado (ademais da correspondente sanción).
Agradecemos enormemente a colaboración e eficacia das autoridades policiais que actúan na atención das denuncias.
Non dubidedes en poñervos en contacto coas autoridades competentes ante este tipo de "atentados" contra a natureza.
No seu momento, no campus de Ourense, restaurouse unha pequena lagoa-areeira na zona da Lonia, que estaba afectada tamén por un depósito incontrolado de todo tipo de residuos. Procedeuse á súa limpeza e restauración o Día Mundial do Medio Ambiente, no ano 2001.