Enerxías renovables

Unha das claves das actuacións para mellorar a sostibilidade da Universidade de Vigo constitúe a instalación de diferentes sistemas de enerxías limpas e renovables en cada un dos tres campus.

No campus de Pontevedra, a primeira actuación global do Plan Suvi foi a instalación de placas fotovoltaicas, cunha potencia de 100 kW e de 78 kW, respectivamente, no caso da facultades de Ciencias da Comunicación e da de Ciencias da Educación e do Deporte. A redución de emisións derivada destas actuacións corresponde a 95 toneladas de CO2 ó ano.

A esta actuación súmase a posta en funcionamento do district heating. Cunha potencia de 2 MW, esta rede de produción e de distribución de calor dálles servizo á facultades de Ciencias da Comunicación e á de Ciencias da Educación e do Deporte e permite limitar a emisión nunhas 245 toneladas de CO2 á atmosfera.

No campus de Ourense, a instalación fotovoltaica realizouse no Edificio Politécnico. Cunha potencia nominal de 80 kW, a redución de CO2 asociada é de 53 toneladas ó ano. Ademais, no Edificio de Ferro desenvolveuse unha instalación térmica híbrida para cubrir gran parte da demanda enerxética deste edificio e reducir 391 toneladas de CO2 ó ano. A antiga instalación empregaba dúas caldeiras de gasóleo, sete climatizadoras e dous enfriadores para a súa climatización. A instalación actual de 500 kW está formada por cinco bombas de calor auga-auga, 32 pozos de 140 m de profundidade e 4 pozos de 130 m, situados nos xardíns que rodean o edificio e tres unidades de aerotermia de 25 kW na cuberta.

No campus de Vigo, cos paneis fotovoltaicos situados no edificio do Cintecx, no CACTI, nas sedes da cidade e das Lagoas-Marcosende, na Escola de Enxeñería Industrial, na Escola de Enxeñería Industrial (Sede Campus) e na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, conseguiuse reducir 1038 toneladas de CO2 ó ano.

Coas instalacións de enerxías renovables (solar fotovoltaica, solar fototérmica, xeotermia e biomasa) postas en marcha durante os últimos anos, a UVigo conseguiu reducir un 8,12 % a súa pegada de carbono, cun aforro anual de 1821 toneladas de emisións.

O obxectivo é continuar na senda cara á sostibilidade con novas instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para diferentes edificios dos campus da UVigo: edificios Olimpia Valencia e de Ciencias Experimentais en Vigo e edificio de Ferro no campus de Ourense, cunha redución esperada de 147 toneladas de CO2 ó ano.

Na mesma liña, planificáronse as instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para a Escola de Enxeñaría Forestal (campus de Pontevedra), a Facultade de Dereito (campus de Ourense) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (campus deVigo), así como a instalación dun inversor independente na instalación fotovoltaica do edificio do Cintexc (campus de Vigo). A redución da pegada de carbono destas actuacións será de 75 toneladas de CO2 ó ano.



campus Pontevedra
campus de Pontevedra


campus Ourense
campus de Ourense

campus Vigo
campus de Vigo
electrolineira
Paneis solares fotovoltaicos na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía