Plan de Mobilidade

O Plan de Mobilidade naceu no marco do Plan SuMA (Plan de Sostibilidade e Medio Ambiente) e continúa co Plan SUVI (Plan de Sostibilidade da UVigo) co fin de avaliar as características dos medios de transporte e as súas tipoloxías, dende os hábitos sociais ata as comunicacións viarias, permitindo, deste xeito, establecer medidas e accións de mellora co fin de ter un transporte cada vez máis sostible, é dicir, un transporte duradeiro e fiable dende o punto de vista económico, financeiro e institucional, que sexa respectuoso co medio e que consiga reducir, na medida do posible, as emisións derivadas destas actividades, tendo en conta os intereses universitarios.

A diversidade tipolóxica e dispersión dos nosos campus dificulta unha presentación xeral do problema relacionado co transporte. A existencia de campus urbanos e periféricos recomenda un estudo específico para cada caso.

Non obstante, o Plan de Mobilidade Sostible (dentro do Plan SUVI) desenvólvese no sentido de análise do transporte próximo (público e privado) e dos estacionamentos, mediante a consideración das dúas perspectivas: a do campus urbano e a do campus afastado. Neste plan tamén se consideran os estudos e iniciativas tendentes á redución do uso do transporte privado individual en beneficio do público ou múltiple, a promoción doutros medios de transporte máis modernos, menos contaminantes (híbridos ou de "cero emisións"), cando sexa viable, e calquera outra medida de redución da contaminación.