Economía Circular

No modelo económico actual prima un modelo lineal, baseado en “tomar-fabricar-consumir-eliminar” ("usar e tirar"), requirindo grandes cantidades de materiais e enerxía "baratos" e de "fácil acceso". Este modelo é agresivo co medio e acabará por esgotar as fontes de subministración, tanto materiais como enerxéticas. Ademais, neste tipo de economía existe unha forte dependencia das materias primas (agravado no caso de recursos materiais non-renovables ou escasos), o que conduce a un risco asociado á subministración, á elevación e volatilizado de prezos, así como a unha redución significativa do capital natural, coas conseguintes perdas económicas. Faise polo tanto necesario iniciar unha senda de transición para pasar da economía lineal (elevados residuos, gases de efecto invernadoiro, cambio climático, contaminación, modas rápidas e pasaxeiras) cara a unha "economía circular".

A economía circular emerxe como un elemento fundamental dos produtos xerados por unha entidade, así como na xestión e minimización dos seus residuos. Téntase que o valor deses produtos, dos materiais e dos recursos se manteña durante o maior tempo posible. Aspira a reducir de forma segura todo o posible a xeración dos residuos e aproveitar (recuperar, rexenerar, valorizar) ó máximo aqueles dos que non se poida evitar a súa xeración (dándolles así un "valor" adicional).

Este xeito de planificación promove un enfoque holístico cara a unha produción, consumo e disposición final dos produtos co obxectivo de pechar o seu ciclo de vida de xeito "sostible" (eficiente no uso dos recursos e "descarbonizado"). Conséguese así maximizar os recursos dispoñibles, para que estes permanezan o maior tempo posible no ciclo produtivo.

A economía circular é un modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes, todas as veces que sexa posible, para crear un valor engadido. Deste xeito, o ciclo de vida dos produtos esténdese.

Neste contexto, entidades de diversos sectores e proxectos están liderando iniciativas destinadas a promover a reparación, reacondicionamiento e recuperación dos distintos materiais e dispositivos producidos, tentando darlles unha "segunda vida", así como lograr a súa reintrodución nun "ciclo pechado" na volta á súa recirculación e reciclaxe no ciclo produtivo. Isto implica unha reavaliación dos procesos de deseño e de fabricación para asegurar que os produtos sexan máis duradeiros, modulares e doados de desmontar e recuperar ó final da súa vida útil.

Trátase de desvincular o crecemento económico do consumo finito de recursos, acompañado de novos modelos de negocio que usan enerxías renovables e evitan a contaminación, fomentando o "aforro" e a "creación de emprego".

A obsolescencia programada introducida en determinados produtos forma tamén parte deste proceso, e contra ela tamén hai que loitar.

Adoptar este modelo de economía circular require de:

  • Un marco instrumental e unha actividade coordinada entre as administracións, os sectores económicos e o conxunto da sociedade para facilitar sinerxias.
  • Novos coñecementos e capacidades, que dean lugar a novos desenvolvementos tecnolóxicos, procesos, produtos e servizos innovadores.
  • A adopción de innovacións, non só tecnolóxicas, senón tamén organizativas e sociais, imprescindibles para impulsar o cambio necesario nos modelos de produción e consumo.
  • A transformación de fabricantes, dende vendedores (provedores) a prestadores de servizos, xa que o servizo prestado por un obxecto/produto debe prevalecer sobre a súa propiedade.
  • Actuacións sobre sectores clave: téxtil, plástico, bens de equipo e enerxías renovables.
  • Actuacións transversais para impulsar a economía circular nas entidades, a través de axudas dirixidas a proxectos para complementar os esforzos en redución do consumo de materias primas, o desenvolvemento do ecodeseño, a xestión dos residuos e a dixitalización.
  • Educación e concienciación de produtores e consumidores.


A Universidade de Vigo (UVigo) súmase e apoia este modelo de Economía Circular.