Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE)

Como regra xeral e primeiro proceder haberá que tentar a devolución dos equipos vellos, avariados ou fóra de uso (computadores, impresoras, monitores, fotocopiadoras, fluorescentes, etc.) ás entidades provedoras ás que se merquen equipos novos (na factura dos novos equipos comprados xa se inclúe un custo da xestión dos equipos retirados, polo que as empresas provedoras están obrigadas a recollelos e darlles unha xestión axeitada).

A OMA encárgase nos distintos centros da UVigo da recollida de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) que non poidan xestionarse directamente cos provedores ou xa non teñan aproveitamento dentro da universidade.




Ademais, dende o ano 2006 a OMA participa de cheo no Programa de Voluntariado GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo), que se encarga de recuperar equipos informáticos da UVigo para doalos, con software libre, a entidades sociais sen ánimo de lucro.

Soamente se poderá entregar material informático propiedade da Universidade de Vigo, unha vez dado de baixa no inventario do servizo de Patrimonio.

Os particulares que queiran desfacerse dos aparellos eléctricos e electrónicos usados deberán entregalos ós provedores, que están obrigados a recollelos sempre e cando se adquiran equipos novos, ou ben nos "puntos limpos" dos seus respectivos concellos.

Os particulares poden dirixirse ós seguintes teléfonos de información nos seguintes concellos:

Concello de Vigo: 986 281900

Concello de Pontevedra: 986 850225

Concello de Ourense: 988 388135

Solicitude de recollida de RAEE

  • Os centros da UVigo (departamentos, oficinas, conserxarías, etc.) deberán tramitar primeiro a solicitude de obsolescencia/avaría nos Servizos Informáticos da UVigo e despois solicitar as baixas dos equipos no inventario do Servizo de Patrimonio da Universidade.
    A solicitude deberá ser tramitada polo responsable do centro de gasto.
  • Como se indicou, o primeiro xeito de proceder trala baixa no inventario é a través da devolución aos provedores canda a compra de aparatos novos. É dicir, se se compran equipos novos os vellos deben entregarse á entidade provedora en número equivalente.
  • Unha vez tramitadas as baixas dos equipos en Patrimonio, ou no caso de querer desfacerse de equipos que non estean dados de alta no inventario ou se non se van compran equipos novos, para xestionalos a través de xestor autorizado deberán dirixirse á OMA por correo electrónico indicando o máis aproximadamente posible o tipo e número de equipos dos que se queiran desfacer.
  • Os voluntarios do GRUVI revisarán o material in situ, marcando e separando aquelas unidades susceptibles de seren reutilizadas.
  • O material válido (reutilizable) trasladarase ata o taller de reciclaxe do GRUVI.
  • Os novos equipos montados no taller serán doados mediante convocatoria pública a entidades sen ánimo de lucro.
  • O material non válido será recollido por un xestor autorizado pola Xunta de Galicia para este tipo de residuos.