Directrices ambientais e boas prácticas para obras, reformas e reparacións en instalacións e infraestruturas que afecten edificacións e terreos dos campus

Síntese de actuacións:

  • Comunicar previamente á OMA (Oficina de Medio Ambiente da UVigo) e á UT (Unidade Técnica) o proxecto de obra e os límites previsibles de terreo afectado.
  • Indicar as conexións cos servizos e infraestruturas que se pretendan usar.
  • Indicar posibles ou previstas afeccións á vexetación, fauna, terras e cursos de auga.
  • Informar dos labores de restauración previstos para a finalización da obra, indicando a reserva orzamentaria destinada para tal fin.
  • Minimizar e delimitar fisicamente a zona de obra e os seus lugares de acceso, mantendo as necesarias medidas de protección de fauna, flora, solo, auga e paisaxe.
  • Limitar a velocidade de circulación a moderada baixa.
  • Impedir, mediante regas, os impactos debidos á xeración de po.
  • Actuar con limpeza e recoller inmediatamente tódolos residuos xerados nas obras, facéndose cargo da súa adecuada xestión.
  • Evitar derrames, verteduras e arrastres de sedimentos, evitando filtracións ó terreo ou ás augas.
  • Minimizar ruídos e vibracións.
  • Non amorear materiais en alturas superiores a 2,5 m.
  • Evitar a compactación do terreo e amoreamentos innecesarios.
  • Non construír noiros con pendentes superiores ó 50 %.
  • Colocar sistemas de protección na vexetación que se poida ver afectada.
  • Sempre que sexa factible, realizar amoreamentos diferenciados de terra vexetal para a restauración posterior á obra.
  • Evitar con actuación e estruturas adecuadas a erosión do terreo.
  • Acometer os labores de restauración e revexetación previstos.

Durante a fase de proxecto:

  • Determinar a área máxima que vaia ocupar a obra, determinando claramente as zonas para amorear, as zonas de tránsito, os accesos, etc.
  • Consultar previamente á OMA (Oficina de Medio Ambiente) as características da parcela e instalacións afectadas, así como as necesidades de protección para:
    • vexetación: podas, transplantes, sistemas de protección, etc.
    • terras/solos: aproveitamento diferenciado de estratos, amoreamentos de terra, etc.
    • augas: previr erosión, verteduras, mantemento das infraestruturas afectadas, conexión á rede de pluviais, etc.
  • Determinar as necesidades de restauración posterior dos elementos afectados, indicando a partida que se reserve no orzamento da obra para facer fronte ás necesidades de protección e restauración acordadas entre OMA e Unidade Técnica.

Durante a obra:

  • Delimitar fisicamente o ámbito da obra: zona de afección, accesos, zonas de tránsito, amoreamentos de materiais. Non permitir actuacións fóra da zona delimitada.
  • Comunicar á OMA as conexións aos servizos e ás infraestruturas que se usen ou se pretendan usar durante a realización da obra.
  • Establecer e manter periodicamente as medidas de protección acordadas.
  • Recoller sempre e de forma inmediata todos os residuos xerados, xestionándoos de forma segregada para a súa eliminación, reutilización ou reciclaxe. O destino dos residuos deberá ser un xestor autorizado, e os custos desta xestión correrán por conta da empresa que realice a obra. Impedirase o abandono, queima, soterrado ou ocultación de calquera tipo de residuo.

No remate das obras:

  • Restaurar no posible a zona afectada e os elementos naturais e estruturas que inclúa, restablecendo o estado previo á obra.
  • Presentarase na OMA un informe final de obra que inclúa o grao de cumprimento das medidas correctoras e de restauración realizadas.


Deberán considerarse e acometerse as seguintes medidas preventivas e correctivas ante as principais alteracións producidas pola obra:


Evitar os impactos negativos sobre a fauna e a flora:

  • Eliminación da vexetación ou golpes sobre ela.
  • Destrución de hábitats (niños, tobos, galerías, etc.).
  • Esmagamentos, atropelos e xeración de po.
  • Molestias por ruídos e vibracións.

Medidas correctoras:

  • Delimitar as zonas de traballo. Non circular fóra destas. Evitar afeccións a zonas contiguas.
  • Reducir ó máximo posible a ocupación do terreo.
  • Limitar a velocidade de circulación (que sexa moderada-baixa).
  • Evitar a produción de po mediante rega periódica das zonas cos materiais amoreados.
  • Restaurar a natureza e topografía das zonas danadas polos movementos de terras.
  • Avisar a OMA da vexetación que se vai ver afectada (eliminación, poda ou transplante).

Sempre que sexa posible haberá que manter a vexetación no seu lugar de orixe, protexéndoa mediante:

  • Protección colectiva: Delimitar áreas de vexetación, rodeadas por un valado sólido e consistente, articulado e con pés de formigón, separado polo menos 2 m das especies afectadas.
  • Protección individual: Se os problemas de espazo imposibilitan a protección colectiva, utilizarase un valado de protección individual, que deberá ser resistente, preferiblemente de madeira, con altura suficiente para cada caso. As pólas que molesten poderán atarse cara a arriba, ou podaranse adecuadamente, sempre co permiso da OMA.

Se non é factible manter a vexetación no lugar de orixe, e así se considerase conveniente:

  • Transplantarase a lugares próximos os exemplares salientables que decida a OMA.
  • Recolleranse tepes de terra/plantas, con propágulos e sementes, que permitan a restauración posterior das zonas afectadas. Manteranse en condicións adecuadas de protección e humidade ata o seu emprego na restauración.
  • Minimizarase a destrución da área vexetada afectada (reducindo, por exemplo, a área de roza da zona de obra).


Evitar os impactos negativos sobre solos/terras:

  • Alteracións na topografía: desniveis, noiros, amoreamentos, etc.
  • Compactación.
  • Acumulación de entullos.
  • Risco de verteduras e derrames contaminantes.
  • Cambio de uso do solo.

Medidas correctoras:

  • Establecer as zonas de traballo. Non amorear materiais nin circular por fóra destas.
  • Os noiros non deberán exceder pendentes do 50 %.
  • Os amoreamentos en altura deberán ser inferiores a 2,5 metros.
  • Minimizar a ocupación do terreo.
  • Separar as terras que se movan en función dos seus posibles usos.
  • Realizar os amoreamentos sen compactación.
  • Impedir o tránsito de maquinaria por riba dos amoreamentos de terra vexetal.
  • Se se prevé reutilizar terra vexetal para restauración, facer amoreamentos desta para reserva, separados segundo calidades.
  • Restaurar as zonas afectadas polos amoreamentos de roza e demolición.
  • Protexer o terreo ocupado durante a obra:
    • Habilitar zonas específicas para o lavado de canles e cubas de formigón. Estas zonas deberán dispoñer dun perímetro impermeabilizado onde realizar o lavado e a decantación de sólidos. A auga recuperada, unha vez neutralizada, poderá ser utilizada noutras unidades da obra.
  • En caso de arrastres de sedimentos ás infraestruturas de evacuación de pluviais (cunetas, canles, lagoas, etc.), farase un control e retirada periódica de sedimentos, para evitar colmatacións.
  • Dotar ás áreas de almacenamento/provisión de medidas adecuadas para o seu acondicionamento, evitando fugas e derrames, mediante cubetos e canles de retención.
  • Protexer os amoreamentos de terra e materiais almacenados contra as inclemencias meteorolóxicas.
  • Evitar a compactación de terras destinadas a zonas verdes:
    • Limitar e balizar a zona de actuación das obras, protexendo as futuras zonas verdes, impedindo o paso de maquinaria, provisión de materiais, instalacións, etc.
    • Control da retirada selectiva da terra vexetal que se utilizará posteriormente nos labores de restauración.
    • Control da terra amoreada, da súa calidade e das condicións das provisións (limitación de altura, control da humidade, etc.). Os amoreamentos faranse en superficies horizontais, evitando a erosión e a mineralización (p. ex. con sementeira). Se é necesario realizaranse labores de aireado e rega.
    • Ó rematar as obras revexetaranse e acondicionaranse os solos alterados:
    • Limpeza final de lixo e entullos.
    • Nivelación e refino de superficies.
    • Sementeira e plantacións para restauración da situación orixinal.


Evitar os impactos negativos sobre as augas freáticas e superficiais:

  • Arroiadas.
  • Verteduras.
  • Colmatación de sistemas de evacuación de augas.
  • Impermeabilización de superficies.

Medidas correctoras:

  • Minimizar os movementos de terras e dispoñer capas protectoras do nivel freático.
  • Redireccionar as arroiadas, de xeito que non crucen as obras arrastrando sedimentos.
  • Protexer a drenaxe natural do terreo, impedindo as posibles filtracións causadas por almacenamentos e utilización de materiais.
  • Evitar verter produtos tóxicos:
    • Prohibir a realización de cambios de aceite e combustibles nas zonas de obras.
    • Sensibilización do persoal, propio e subcontratado, sobre o emprego e aforro de materias primas (minimización do uso de auga, aforro eléctrico, redución de residuos, etc.).
    • Inculcar a recollida inmediata dos residuos a colectores axeitados.
    • Recoller as verteduras que se poidan producir (hidrocarburos, aceites, etc.) e xestionalos adecuadamente.

      En caso de prever a existencia de verteduras nalgunha das actuacións, deberanse acondicionar e sinalizar zonas específicas para este tipo de operacións, instalando cubetos de retención ou zonas impermeabilizadas con sistemas de recollida de verteduras.

      En caso necesario, dispor dun circuíto pechado con separación previa de sólidos.
  • Previr o arrastre de sedimentos fóra da obra:
    • Determinar a zona de actuación da obra, a localización de instalacións auxiliares, sistemas de paso de canles, lugares de almacenamento de materiais e localización das provisións temporais de terra vexetal.
    • Levar control estrito dos labores de limpeza no paso de vehículos, nas áreas de acceso, nas zonas de afección máis importantes do proxecto e do medio adxacente.
    • Instalar barreiras de control de sedimento e verteduras, con material filtrante, como p. ex. balas de palla, xeotéxtiles, filtros de grava, balsas de decantación, etc.
  • Dispoñer na medida do posible dun único acceso á obra, ben delimitado, para minimizar as áreas con elementos de contención.
  • Manter valados de control da erosión ata que a vexetación se recupere, polo menos no 70 %.



Directrices básicas para os traballos específicos coas terras procedentes das obras:

  • 1.- EXTRACCIÓN: O material extraído deberá separarse en tres clases de calidade evitando a súa compactación (por paso continuado de maquinaria pesada):
    • Terra mineral con pedras ou rochas.
    • Terra mineral solta (material similar ó anterior sen pedras nin rochas).
    • Terra orgánica ou vexetal.

  • 2.- AMOREAMENTO: Enténdese que tódolos amoreamentos son provisionais. O amoreamento nada máis se producirá cando non sexa posible depositar as terras no seu novo e definitivo emprazamento inmediatamente despois de seren extraídas.
    • Delimitación da parcela onde se van amorear as terras con cinta plástica identificativa da empresa responsable.
    • As tres clases de terra serán amoreadas por separado en montes de altura inferior ós 3 m.

  • 3.- DEPÓSITO: O que se pretende é estender as capas do solo sobre o terreo, por orde crecente de calidades, para obter un perfil similar ó orixinal. O estendido de cada capa debe efectuarse de xeito que se consiga un espesor uniforme e seguindo sempre a dirección marcada polas curvas de nivel.
    • Delimitación da parcela de traballo con cinta plástica identificativa da empresa responsable.
    • Protección ou transplante das árbores presentes na parcela de traballo.
    • Extracción e reserva da capa de terra vexetal da parcela de traballo.
    • Depósito da capa inferior de terra mineral con pedras ou rochas.
    • Depósito da capa intermedia de terra mineral solta.
    • Depósito da capa superior de terra orgánica (vexetal). Para proporcionar un bo contacto coa capa inferior, deberá botarse primeiro unha capa de 20-25 cm e despois pasarlle unha fresadora. Posteriormente procederase o cubrimento final co resto da terra. En calquera caso, é importante evitar que a terra vexetal quede compactada.

  • 4.- SEMENTEIRA: No caso de que estea contemplada unha sementeira con especies herbáceas, esta deberá facerse inmediatamente despois do depósito da última capa de terra vexetal, e sempre con especies autóctonas.

Para evitar riscos de deslizamentos é imprescindible ter moi en conta a pendente das parcelas onde se vai traballar. Así mesmo, deberanse tomar medidas de protección (construción de cabañóns para delimita-los cursos de auga) e consolidación da rede de drenaxe das parcelas.