Axenda 21

A Axenda 21 ten a súa orixe no "Cumio de Río de Xaneiro" de 1992, onde se acordou un modelo de desenvolvemento sostible organizado en cinco apartados, un dos cales sería a execución da Axenda 21 Local.

O termo desenvolvemento sostible formalízase no informe das Nacións Unidas elaborado pola Comisión Mundial sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento no ano 1987: o desenvolvemento sostible é o desenvolvemento que satisfai as necesidades das xeracións presentes pero sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades.

A Universidade de Vigo, a través da Oficina de Medio Ambiente, súmase a esta iniciativa, que supón o compromiso de estimular medidas encamiñadas a facer compatibles a conservación do medio ambiente co desenvolvemento social e económico.

Para elaborar a Axenda 21 Local é necesaria a aplicación de dous instrumentos:

Auditoría Ambiental:
Conxunto de estudos, proxectos e plans que derivan nun coñecemento do estado do medio ambiente e unha estratexia para efectuar o desenvolvemento sostible.

Plan de Participación Social:
Consiste na implicación directa dos axentes socioeconómicos e a poboación no coñecemento, valoración, prevención e corrección de problemas ambientais.

Entre os obxectivos da Axenda 21 Local destacan:

  • Proporcionar o coñecemento do estado do medio ambiente.
  • Identificar as incidencias ambientais que poidan ser corrixidas.
  • Coñecer o grao de cumprimento da lexislación aplicable.
  • Proporcionar os medios necesarios para a execución e establecemento de actuacións no territorio.
  • Coñecer as necesidades e intereses da poboación e contar coa súa participación.
  • Campañas de concienciación, información e sensibilización sobre a problemática do medio ambiente.


A correcta execución da Axenda 21 Local precisa da colaboración, compromiso e implicación de todos.