Política de Sostibilidade da UVigo

A Política de Sostibilidade da UVigo ten como obxectivo poder actuar como un marco global que estableza os principios de sostibilidade que rexen no resto de actuacións, plans (en especial o propio de sostibilidade: SUVI) e outras políticas, entendendo que a sostibilidade debe estar integrada en tódolos servizos, funcións e procesos, e en tódolos niveis organizativos, asegurando a dispoñibilidade dos recursos necesarios para conseguilo.

A Política de Sostibilidade contribúe á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

A UVigo aposta polo desenvolvemento sostible, e está decidida a promover a acción climática e a superar os desafíos dunha transición enerxética ordenada e cos menores custos, co fin de cubrir as necesidades do presente sen comprometer as posibilidades das xeracións futuras para satisfaceren as súas.

Esta Política establece os seguintes obxectivos xerais:

  • Favorecer a consecución dos obxectivos estratéxicos a través dunha xestión ambiental responsable.
  • Achegar solucións enerxéticas de forma segura e responsable, fomentando unha transición enerxética xusta.
  • Xestionar responsablemente os riscos e oportunidades, minimizando os impactos adversos, potenciando os positivos para o medio natural.
  • Promover as relacións cos seus grupos de interese e a xeración de beneficio mutuo.

Compromisos de sostibilidade da UVigo:

  • A UVigo aspira a chegar a ser unha entidade de neutralidade de carbono (cero-emisións netas) antes do ano 2050, en liña cos obxectivos do acordo de París.
  • Apoiar a Axenda 2030 do Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas e os seus Obxectivos (ODS), así como os principios do Pacto Mundial en materia de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción.
  • Garantir a seguridade e a saúde das persoas e de tódolos seres vivos, así como a seguridade e calidade de tódolos servizos prestados (ODS 8).
  • Promover a acción climática fomentando a redución da emisión dos gases de efecto invernadoiro, contribuíndo con solucións accesibles, innovadoras e sostibles, en beneficio de toda a sociedade, de xeito que se reduza a Pegada de Carbono e se loite a favor da mitigación do Cambio Climático (ODS7 e 13).
  • Impulsar a creación de valor a longo prazo para toda a entidade universitaria e a sociedade, promovendo un modelo de universidade sostible, dentro dun marco da mellora continua e de excelencia operativa, fomentando a innovación e a dixitalización (Tódolos ODS).
  • Sensibilizar, formar e asegurar un comportamento transparente e responsable, en base a uns principios éticos de actuación na xestión de tódalas actividades, procesos e operacións, a través de indicadores de desempeño económico, ambiental e social, que serán accesibles á consulta pública (ODS 16).
  • Protexer os ecosistemas, o capital natural e a biodiversidade, aplicando enfoques preventivos e promovendo un uso responsable e sostible dos recursos, en especial dos recursos hídricos, asemade que se apoia unha economía circular (ODS 6, 12, 14 e 15).
  • Respectar e promover os dereitos humanos, tanto no seo da UVigo, como nos grupos de interese desta, así como os dereitos das persoas traballadoras e de tódolos pobos, impulsando o desenvolvemento social e económico das áreas xeográficas nas que a UVigo ten influencia (ODS 8 e 10).
  • Fomentar a igualdade de oportunidades, a diversidade e a inclusión, así como a captación e desenvolvemento de talento, protexendo a súa satisfacción e benestar (ODS 3, 5 e 8).
  • Manter sistemas de xestión e control de riscos financeiros e non financeiros, para asegurar a sostibilidade da universidade, da sociedade e do medio ambiente. Promover unha responsabilidade fiscal que preveña as condutas ilegais e loite contra a corrupción (ODS 8 e 13).
  • Contribuír ó desenvolvemento social e económico local, apoiando a prosperidade e o emprego local, proporcionando coñecementos, competencias e tecnoloxías, promovendo impactos positivos na comunidade (ODS 4, 8, 10 e 11).
  • Promover a cooperación entre os grupos de interese da UVigo, a través de relacións baseadas na transparencia e na escoita activa, trasladando a cultura da sostibilidade mediante o establecemento de alianzas e colaboracións para xerar un beneficio sostible e compartido (ODS 17).
  • Avaliar e revisar os sistemas de xestión e control de riscos de forma sistemática, establecendo mecanismos de mellora continua, valorando o desempeño ó longo de todo o ciclo de vida, acometendo as accións necesarias para alcanzar os obxectivos propostos e previr danos ambientais, definindo procesos de verificación, auditoría e control.
  • Facilitar información sobre o desempeño propio da UVigo e impulsar o establecemento e consecución de desafíos relevantes. (Tódolos ODS).
  • Manter abertas canles de comunicación dispoñibles e accesibles, co fin de informar e manter un diálogo produtivo e continuo cos grupos de interese.
  • Asegurar o cumprimento dos requirimentos legais vixentes, da normativa interna, así como daqueloutros que a universidade subscriba nas actividades e instalacións onde opere.
  • Definir e revisar periodicamente o modelo de sostibilidade, de acordo coa estratexia de sostibilidade.

Ámbito de aplicación:

Esta política é de aplicación en toda a UVigo (campus de Vigo, Ourense e Pontevedra) e será promovida entre o seu persoal e o alumnado, así como entre terceiras partes coas que se colabore ou que presten servizos ou provisións de materiais (provedores).