Erradicación de
Acacia melanoxylon

Descrición da especie

• División: Magnoliophyta

• Clase: Magnoliopsida

• Orde: Fabales

• Familia: Fabaceae

• Xénero: Acacia


A Acacia melanoxylon, coñecida comunmente como acacia negra, é unha especie arbórea invasora orixinaria de Australia. Foi introducida en Europa con fins ornamentais e forestais (madeireiros), mais na actualidade constitúe unha ameaza para numerosos ecosistemas, incluídos os de Galicia.

Trátase dunha especie perenne que pode acadar ata 45 metros de altura, con gran capacidade de adaptación a diferentes condicións ambientais. As súas follas verdadeiras son substituídas por filodios, e presenta flores de cor amarelo-pálida agrupadas en inflorescencias globulares (figura 1). Prefire solos profundos, ben drenados e lixeiramente ácidos, aínda que pode desenvolverse nun amplo intervalo de condicións.

Erradicación de <i>Myriophyllum aquaticum</i>
Fig. 1. Flores de Acacia melanoxylon

Como chegou?

A súa chegada está ligada fundamentalmente ao seu uso como especie ornamental en xardíns e espazos urbanos, así como á súa utilización en repoboacións forestais para a explotación de madeira e para a fixación de solos.

A súa rápida adaptación a diferentes condicións ambientais, xunto coa súa capacidade de crecemento e resistencia, favoreceu a súa expansión fóra das zonas onde foi plantada inicialmente. Co paso do tempo, a especie naturalizouse e comezou a colonizar ecosistemas naturais, especialmente en rexións como Galicia, onde as condicións climáticas resultan moi favorables.

Ademais, factores como a dispersión por semente, as perturbacións do solo e os incendios forestais (especie pirófita) contribuíron á súa expansión, converténdoa en invasora de numerosos hábitats.

É coñecida pola súa capacidade de propagación, non só por medio de sementes, senón tamén de forma asexual mediante estruturas radiculares chamadas estolóns (talos débiles ou raíces superficiais) e tamén rizomas, estendéndose, enraizando e colonizando rapidamente áreas adxacentes. Esta capacidade de emitir talos rastreiros ou subterráneos que enraízan e forman novas plantas (“fillas”) é unha das razóns polas que “invaden” ecosistemas autóctonas, eliminándoos e formando densas masas monoespecíficas.

Lugar de traballo: varios puntos perimetrais do campus das Lagoas-Marcosende de Vigo

•  Na parroquia de Zamáns, a uns 15 km da cidade de Vigo. Na ladeira noroeste da bacía alta do río Zamáns, a unha altitude media de 430 m (figura 2).

•  Dispersión ampla por diferentes zonas do campus da Universidade de Vigo, especialmente en áreas periféricas (figura 3). Obsérvase unha concentración relevante en zonas de ladeira, onde a especie atopa condicións favorables para a súa expansión.

•  Ademais, a presenza de múltiples focos separados entre si indica que non se trata dun único núcleo de invasión, senón de varios puntos de colonización, probablemente favorecidos pola dispersión de sementes e por perturbacións previas do solo. Esta distribución dispersa dificulta o control da especie, xa que require actuacións en diferentes puntos do campus.

Erradicación de acacia moura no campus das Lagoas-Marcosende
Fig. 2. Localización da zona de actuación dende unha posición global en referencia á cidade de Vigo.
Erradicación de acacia moura en distintas áreas do campus das Lagoas-Marcosende
Fig. 3. Localización das distintas áreas dentro do campus das Lagoas-Marcosende.

Impactos ecolóxicos

A presenza desta especie xera importantes alteracións nos ecosistemas:

• Desprazamento e eliminación da vexetación autóctona e perda de biodiversidade.

• Modificación das propiedades do solo, especialmente polo enriquecemento en nitróxeno.

• Alteración do réxime de incendios, favorecendo a súa frecuencia e intensidade.

• Cambios na estrutura e funcionamento dos ecosistemas.

Estas características fan que a Acacia melanoxylon sexa considerada unha das especies exóticas invasoras de maior impacto en determinados hábitats.

Plan de actuación e actividades realizadas

Inicialmente, para o control de Acacia melanoxylon, é imprescindible identificar a especie e comunicar a súa presenza aos órganos competentes. Unha vez rexistrada, débese manter unha vixilancia periódica.

Neste caso, a estratexia de control baseouse principalmente na aplicación de métodos mecánicos, considerados unha das técnicas máis eficaces e respectuosas co medio para a xestión de especies leñosas invasoras, especialmente en fases iniciais ou en focos localizados.

A continuación, procedeuse a partir o tronco/toro, en exemplares de maior tamaño mediante ferramentas de poda, como cizallas (figura 4) ou tesoiras especializadas. Posteriormente, retirouse parcialmente a codia (descascado) dende o corte ata a base, deixando expostos os tecidos internos da planta (figura 5). Esta técnica permite interromper o fluxo de saiba e debilitar progresivamente o individuo, reducindo a súa capacidade de rebrote.

Uso da cizalla para corta-los toros de acacias novas
Fig. 4. Utilización da cizalla para partir o tronco da acacia nun exemplar mediano.
Descascado da acacia moura
Fig. 5. Exemplar de Acacia melanoxylon trala retirada parcial da codia (descascado) dende o corte previo ata a base.

Adicionalmente, aplicouse unha solución natural a modo de herbicida, composta de salmoira e extractos vexetais (ortiga e allo) sobre as zonas tratadas, co obxecto de acelerar o proceso de secado e minimizar a capacidade de recuperación da planta (figura 6).

Herbicida sobre exemplares de acacia cortados/descascados
Fig. 6. Aplicación da solución salina sobre un exemplar de acacia previamente tratado.

Cómpre destacar que Acacia melanoxylon presenta unha elevada capacidade de rexeneración, tanto por rebrote de cepa como por xerminación a partir do banco de sementes do solo, que pode permanecer viable durante anos. Por este motivo as actuacións de corte deben ir acompañadas dun seguimento continuado e, en moitos casos, de intervencións repetidas para garantir a eliminación efectiva da especie.

Neste contexto, a combinación de técnicas mecánicas co control periódico da zona resulta fundamental para evitar a recolonización e consolidar os resultados obtidos. A xestión exitosa das acacias invasoras require unha estratexia a medio e longo prazo, baseada na detección temperá e na actuación continuada.

Tamén é moi importante favorecer o crecemento doutras especies autóctonas no terreo afectado, evitando o efecto pisadura/esmagamento de exemplares novos desas especies, mantendo a flora autóctona preexistente e mesmo proceder con reforzos de plantacións destas especies nativas que compitan coas invasoras (polo espazo, polos nutrientes, pola luz, etc.).

Bibliografía

•  CABI. (2023). Acacia melanoxylon (blackwood). Invasive Species Compendium. Dispoñible en: https://www.cabi.org/isc

•  Global Invasive Species Database (GISD). (2022). Acacia melanoxylon. IUCN SSC Invasive Species Specialist Group. Dispoñible en: http://www.iucngisd.org

•  Lorenzo, P., González, L., & Reigosa, M. J. (2010). The genus Acacia as invader: the characteristic case of Acacia dealbata Link in Europe. Annals of Forest Science, 67(1), 101.

•  Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO). (s. f.). Acacia melanoxylon. Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. Dispoñible en: https://www.miteco.gob.es

•  Xunta de Galicia. (s. f.). Especies exóticas invasoras en Galicia. Dispoñible en: https://mediorural.xunta.gal