Erradicación de
Myriophyllum aquaticum

Descrición da especie

• División: Magnoliophyta

• Clase: Magnoliopsida

• Orde: Saxifragales

• Familia: Haloragaceae

• Xénero: Myriophyllum


Nativa de América do Sur, da bacía do Amazonas, e unha especie invasora en España. Planta que vive varios anos, cun talo erecto e forte. As súas follas son finas e están colocadas arredor do talo en grupos de 4 a 6. Cada folla mide entre 1,5 e 3,5 cm e divídese en moitos fíos moi delgados, o que lle dá un aspecto parecido a unha pluma. A separación entre estes grupos de follas é maior na parte de abaixo da planta e faise máis pequena cara á punta (figura 1).

Erradicación de <i>Myriophyllum aquaticum</i>
Fig. 1. Exemplares de Myriophyllum aquaticum

Ademais das raíces que usa para suxeitarse ao solo, tamén pode formar outras raíces adicionais ao longo do talo. Pode chegar a saír da auga; nese caso, o seu aspecto cambia: as follas teñen menos divisións, son máis ríxidas e dun verde máis escuro cás que quedan mergulladas, que son máis suaves e dun verde máis claro.

As flores femininas son moi pequenas, de cor branca, sen pétalos e con catro sépalos. Saen xusto onde a folla se xunta co talo, nas partes que están fóra da auga. As flores masculinas teñen oito estames.

Encóntrase en áreas temperadas. Prefire augas pouco profundas e con certa eutrofización, o que favorece o seu crecemento. Na área de introdución atópase en lagos de auga doce, lagoas, regatos, estanques e canles.

Como chegou?

• Introdución e dispersión mediada por persoas: é moi común a liberación voluntaria ou accidental de plantas ou animais de acuario, que poden levar consigo fragmentos de Myriophyllum aquaticum. Este é o principal mecanismo para o seu transporte a grandes distancias.

• Transporte por correntes de auga (hidrocoria): debido á fraxilidade dos seus talos, é fácil que se rompa en pequenos fragmentos flotantes, os cales poden transportarse mediante canles de auga e estableceren novas poboacións en lugares próximos ao foco inicial. Esta é a vía máis común de dispersión a escala local.

• Transporte pasivo mediante maquinaria (embarcacións, útiles de pesca, aparellos de traballo, etc.): fragmentos da especie poden adherirse aos obxectos de traballo, xa sexan cascos de embarcacións, redes, angazos, bombas, equipos de mantemento, etc. Esta opción permite a dispersión da especie entre masas de auga non conectadas.

• Adherencia a aves acuáticas (epiornitocoria): fragmentos de M. aquaticum poden ser transportados mediante a súa fixación en plumas ou patas de aves. Requírese que os fragmentos non perdan a humidade para poder rebrotar, polo que é unha vía de transporte a curta e media distancia.

• Xestión inadecuada durante a erradicación: actividades como cortes, tiróns ou extracción mecánica da planta, que non a eliminen correctamente, poden xerar numerosos fragmentos viables, que se non son recollidos, poden empeorar a situación nese lugar.

• Redes de rega e obras hidrolóxicas: canles de rega e encoros, ao incrementar a conectividade entre masas de auga, poden facilitar o movemento e o establecemento da especie.

Impacto na natureza

Planta comunmente empregada en acuarios de todo o mundo. Fóra deste uso posúe unha gran facilidade para invadir novos espazos a partir de fragmentos do talo ou do rizoma que poidan ser transportados mediante auga, animais ou de xeito antropoxénico. Coloniza rapidamente augas pouco profundas e con certa eutrofización, o que favorece o seu crecemento. Unha vez arraigada é moi difícil eliminala.

En canto aos seus impactos sobre o hábitat:

• Inflúe sobre as características físico-químicas da auga.

• Despraza as especies autóctonas.

• Co seu invasivo crecemento evita que chegue luz ao fondo, o que proporciona un ambiente ideal para a proliferación das larvas dalgúns insectos.

• Pode diminuír tamén o aproveitamento da masa fluvial para regas e outros usos.

• Colmatación dos fondos fluviais.

Bibliografía

•  Department for Environment Food and Rural Affairs of Great Britain. Non-native species secretariat (NNSS). (2017) PARROTS FEATHER (Myriophyllum aquaticum). Dispoñible en: https://www.nonnativespecies.org/assets/
parrots_feather_fact_sheet_-_Sussex_Wildlife_Trust.pdf

•  GARCIA, B. R. (2019). Modelo de evaluación de riesgo para hidrófitas invasoras en méxico: estudio de caso, parque nacional lagunas de zempoala.

•  Hussner, A., Stiers, I., Verhofstad, M.J., Bakker, E.S., Grutters, B.M.C., Haury, J., van Valkenburg, J.L., Brundu, G., Newman, J., Clayton, J.S., Anderson, L.W.J. (2017) Management and control methods of invasive alien freshwater aquatic plants: A review.

•  Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (2013). Catálogo español de especies exóticas invasoras. Myriophyllum aquaticum (Vell.) Verdc. Dispoñible en: https://www.miteco.gob.es/content/dam/
miteco/es/biodiversidad/temas/
conservacion-de-especies/
myriophyllum_aquaticum_2013_tcm30-69841.pdf

•  Sociedade Galega de Historia Natural (2020). Atlas SGHN de Flora Exótica Invasora: Myriophyllum aquaticum (Velloso) Verdc. SGHN. Dispoñible en: https://sghn.org/atlas-sghn-de-flora-exotica-invasora-myriophyllum-aquaticum-velloso-verdc/

•  Xie D., Hu Y., Mormul R.P., Ruan H., Feng Y., Zhang M. (2017) Fragment type and water nutrient interact and affect the survival and establishment of Myriophyllum aquaticum.