Erradicación de
Persicaria capitata

Descrición da especie

• División: Magnoliophyta

• Clase: Magnoliopsida

• Orde: Caryophyllales

• Familia: Polygonaceae

• Xénero: Persicaria


A Persicaria capitata ou Polygonum capitatum é unha especie herbácea perenne orixinaria da rexión do Himalaia (Asia) (figura 1). Coñécese comunmente como pexegueira, persicaria de xardín ou herba do Himalaia.

É unha planta de porte baixo e rastreiro, que medra ata uns 10 cm de alto e forma densos tapices sobre o solo. Os seus talos son finos e estendidos. As súas follas son verdoso-encarnadas, pequenas, alternas e ovadas, e comunmente presentan manchas escuras na face. As flores están agrupadas en inflorescencias en forma de bóliñas, de cor rosada, que lle confiren certo valor ornamental.

Considérase invasora debido á súa alta capacidade de colonización en distintos tipos de hábitat. Debido ó seu crecemento horizontal e rastreiro, ademais da súa resistencia a todo tipo de condicións ambientais, fan que sexa unha especia altamente expansiva.

Erradicación de <i>Persicaria capitata</i>
Fig. 1. Flores e follas de Persicaria capitata

Como chegou?

Esta especie foi introducida en Europa con fins ornamentais, debido ós densos tapices que forma. É moi apreciada en xardinaría, xa que é quen de cubrir con floriñas vistosas grandes extensións de terreo en pouco tempo.

En España, está asociada principalmente a zonas de parques, xardíns e zonas urbanizadas, de aí fuxiu ao medio natural. En Galicia aparece preferiblemente en zonas alteradas como bordos de camiños, muros e beirarrúas, noiros e zonas urbanas e periurbanas.

A Persicaria capitata propágase tanto por sementes como por fragmentación dos talos, o que facilita a súa dispersión. Os fragmentos e restos vexetais pódense transportar por auga, animais, humanos como vectores de propagación. A súa principal vía de chegada é a fuga de xardíns e cultivos nos que foi introducida como planta decorativa.

Lugar de traballo

•  Na parroquia de Zamáns, a uns 15 km da cidade de Vigo. Ladeira noroeste da bacía alta do río Zamáns. Altitude media de 430 m (figura 2).

•  Actuación principal na contorna da Escola de Telecomunicacións do campus de Vigo (figura 3).

Erradicación de flores de xerro no campus das Lagoas-Marcosende
Fig. 2. Localización dos lugares de actuación dentro do campus das Lagoas-Marcosende.
Erradicación de flores de xerro en distintas áreas do campus das Lagoas-Marcosende
Fig. 3. Localización da principal área de actuación, localizada na contorna da Escola de Telecomunicacións.

Impactos ecolóxicos

Debido á súa capacidade para formar coberturas sobre o terreo, reduce a dispoñibilidade de espazo e luz para outras especies, podendo desprazar a vexetación autóctona e reducir a diversidade de flora.

Ademais, debido ó seu crecemento tapizante, pode alterar as características do solo e provocar alteracións no ciclo da auga.

É unha especie que pode medrar en fendas de rochas e outros lugares difíciles onde habitan especies endémicas moi específicas, ás que pode acabar gañándolle o espazo e facelas desaparecer.

Plan de actuación e actividades realizadas

Inicialmente, para o control de Persicaria capitata, é imprescindible identificar a especie e comunicar a súa presenza aos órganos competentes. Unha vez rexistrada, débese manter unha vixilancia periódica.

Para a extracción dos exemplares emprégase un método manual, facendo uso dunha ferramenta aguzada, que permita ir retirando a planta co sistema radicular completo incluso en zonas difíciles como fendas, beirarrúas ou zonas de cemento (figura 4).

Extracción manual de onagra
Fig. 4. Extracción da P. capitata facendo uso de apeiros con punta, no ámbito da contorna da Escola de Telecomunicacións do campus de Vigo.

Como con todas as invasoras, é fundamental realizar intervencións e controis periódicos ó longo do tempo, para pouco a pouco ir desgastando os exemplares ata poder chegar á súa completa desaparición.

Resultados

Ao ser unha especie rastreira e tan extensiva, a súa completa retirada é moi complexa. Seguindo esta metodoloxía é difícil eliminar todos os exemplares, xa que cobre zonas moi amplas e esténdese mediante longas raíces por todo o terreo. Polo tanto, as intervencións son moi laboriosas e non se garante a retirada de todos os exemplares presentes na área de traballo. Porén, tras varios anos seguidos realizando intervencións, obsérvase que paulatinamente os exemplares van perdendo vitalidade e cada vez están máis secos e estase máis preto da súa desaparición da zona (figuras 5,6 e 7).

Erradicación de flores de xerro no campus das Lagoas-Marcosende
Fig. 5,6 e 7. Arriba, imaxes de antes da primeira actuación (2016); abaixo, imaxes trala última actuación realizada en marzo do 2026.

Bibliografía

•  Wikipedia. (2026). Persicaria capitata: https://gl.wikipedia.org/wiki/
Persicaria_capitata

•  Flora de Andalucía. (2021). Persicaria capitata (Buch.-Ham.) H. Gross. Dispoñible en: https://www.florandalucia.es/
index.php/persicaria-capitata

•  Global Biodiversity Information Facility (GBIF). (2026). Persicaria capitata (Buch.-Ham. ex D.Don) H.Gross: https://www.gbif.org/es/species/
2889304

•  Flora de Vigo. (2023). La flora vascular de la ciudad de Vigo (Pontevedra, Galicia, España) y de sus alrededores: https://floradevigo.wordpress.com/
2023/07/04/persicaria-capitata/