Unha especie exótica invasora (EEI) defínese como:
"Aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, ben sexa polo seu comportamento invasor ou polo risco de contaminación xenética".
A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo é o órgano encargado da erradicación de especies invasoras, xa que nalgunhas zonas do campus existe afección por parte de especies exóticas de carácter invasor que se presentan como un axente de cambio e ameaza, tanto de vexetación coma de fauna.
É fundamental a participación de voluntarios que colaboren nas tarefas de control e erradicación de especies invasoras do campus. Por iso, queremos agradecer a participación activa e útil do voluntariado que vén colaborando coa OMA na erradicación destas especies invasoras.
En primeiro lugar, a presenza de especies invasoras supón un problema de transformación dos ecosistemas. Isto débese a que aumenta a competencia entre especies para conseguir os recursos tróficos e o espacio. Ademáis, as especies invasoras alteran a estructura das comunidades tróficas que deberán tratar de adaptarse ás novas especies. As especies invasoras favorecen tamén o cambio no medio físico e modifican o hábitat no que se hospedan.
En segundo lugar, prodúcense danos socioecómicos considerables. Por un lado, prodúcese unha perda de funcións do capital natural debido aos danos no terreo, a imposibilidade de pastoreo, a perda de especies para consumo humano (pesca, agricultura), etc. Por outro lado, a aparición de especies invasoras no campus supón o aumento da man de obra necesaria para a súa xestión. Segundo unha análise do impacto económico de 125 especies invasoras en Europa (Kettunen et al. 2008), estímase que o custo real derivado de danos na loita contra as especies invasoras alcanza os 9600 millóns de euros cada ano.
En terceiro lugar, as especies invasoras poden implicar problemas de toxicidade e saúde nas persoas. Especies como o visón americano (Neovison vison) actúan como vectores de enfermidades e parasitos. Outras especies como o estramonio (Datura stramonium) presenta riscos de toxicidade debido á fabricación de sustancias tóxicas que emprega como mecanismo de defensa. Por último, especies como a mimosa (Acacia dealbata) favorecen a aparición e propagación de alerxias entre a poboación.