Erradicación de
Myriophyllum aquaticum

Lugar de traballo: lagoa de Ciencias

•  Lagoa seminatural por baixo da Facultade de Ciencias Experimentais do campus das Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo.

•  Situada na parroquia de Zamáns, a uns 15 km da cidade de Vigo. Na ladeira noroeste da bacía alta do río Zamáns, a unha altitude media de 430 m (figuras 1 e 2).

•  Trátase dunha lagoa actualmente naturalizada, construída no ano 2000 coa finalidade de crear un novo hábitat de elevado valor natural, controlar as augas de arroiada e funcionar como filtro biolóxico da contaminación difusa. A principal vexetación nativa (autóctona) competidora coa especie invasora nesta lagoa está composta por Typha latifolia, Callitriche stagnalis e Callitriche palustris.

Erradicación de herba piñeiriña na lagoa de Ciencias
Fig. 1. Localización da lagoa dende unha posición global en referencia á cidade de Vigo.
Erradicación de herba piñeiriña na lagoa de Ciencias
Fig. 2. Localización dentro do campus das Lagoas-Marcosende.

Plan de actuación e actividades realizadas

Inicialmente, para o control de Myriophyllum aquaticum, é imprescindible identificar a especie e comunicar a súa presenza aos órganos competentes. Unha vez rexistrada, débese manter unha vixilancia periódica, empregando métodos manuais dende terra, ou no caso de que sexa preciso, dende pequenas embarcacións.

Para comezar coa intervención na lagoa de Ciencias empregouse un método de tipo mecánico ou físico. Foi necesario entrar directamente á auga e retirar os exemplares de forma manual, procurando extraelos co sistema radicular completo.

Posteriormente, para actuar sobre os exemplares de zonas máis profundas e inaccesibles coas mans, fíxose uso dun angazo para a retirada das plantas (figura 3). Por último, é imprescindible limpar cun ganapán os restos flotantes esparexidos pola superficie da lagoa ao arrincárense as plantas. Neste caso, contouse coa axuda dun skimmer (limpador de superficies) robótico, utilizado inicialmente coa idea de participar na erradicación doutra especie invasora (Landoltia punctata), pero que ademais contribuíu coa retirada dalgún resto aboiante de Myriophyllum (figura 4).

É imprescindible realizar a intervención con coidado para evitar danar as plantas acuáticas autóctonas (Typha latifolia e Callitriche spp.), de maneira que poidan seguir competindo co Myriphyllum polo espazo na lagoa. Ademais, é tamén moi importante revisar toda a superficie da lagoa, incluíndo as beiras e as zonas nas que non se traballou directamente, xa que se detectou que ata os fragmentos máis pequenos que poidan quedar flotando poden conter raíces que lles permitan sobrevivir e dar lugar a novos exemplares. Por este motivo, todos os restos supoñen un alto risco de recolonización, polo que debe evitarse deixalos acumulados nas marxes, asegurando a súa retirada completa e correcta xestión.

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 3. Retirada dos exemplares tanto de forma manual como ca axuda dun angazo.
Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 4. Limpeza dos restos flotantes tanto manualmente co ganapán como coa axuda do robot.

Unha vez no exterior, todos os restos vexetais foron trasladados a unha zona afastada da auga, onde xa había restos de intervencións realizadas en anos pasados. Neste lugar, co paso do tempo, acabarán secando, garantindo así que ningún exemplar poida regresar á auga (figura 5).

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 5. Restos de Myriophyllum aquaticum retirados da auga e trasladados a unha zona afastada para secaren.

Resultados

Nesta primeira intervención logrouse eliminar unha parte significativa da poboación de Myriophyllum presente na lagoa de Ciencias, reducindo de maneira notable a súa cobertura e densidade, así como a súa biomasa e o potencial inmediato de expansión da especie (figura 6). A recollida total dos exemplares nesta batida alcanzou un volume duns 1,5 m³.

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 6. Imaxes tomadas antes e despois da intervención de retirada.

Seguimento

Será necesario programar novas intervencións de seguimento co obxectivo de localizar e retirar os individuos remanentes, xa que sempre poden quedar restos de exemplares ancorados ou fragmentos vexetais flotantes.

Ademais, estas actuacións deben enmarcarse nun plan de control periódico, xa que a elevada capacidade de rexeneración e propagación vexetativa desta especie fai imprescindible unha revisión continuada no tempo. Só mediante intervencións sucesivas e unha monitorización regular poderá asegurarse unha erradicación progresiva e efectiva, minimizando o risco de recolonización da lagoa.