Erradicación de
Myriophyllum aquaticum

Lugar de traballo: estanque de Económicas

•  Estanque artificial da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus das Lagoas-Marcosende da Universidade de Vigo.

•  Situada na parroquia de Zamáns, a uns 15 km da cidade de Vigo. Na ladeira noroeste da bacía alta do río Zamáns, a unha altitude media de 430 m (figuras 1 e 2).

•  Trátase dun estanque exterior, con solo de cemento cuberto por xeotéxtil, situada no centro da facultade. O sedimento do fondo é principalmente limo con algunhas zonas de grava. A vexetación principal está composta por nenúfares (xénero Nymphaea) como principal competidor da especie.

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 1. Localización do estanque dende unha posición global en referencia á cidade de Vigo.
Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 2. Localización dentro do campus das Lagoas-Marcosende.

Plan de actuación e actividades realizadas

Inicialmente, para o control de Myriophyllum aquaticum, é imprescindible identificar a especie e comunicar a súa presenza aos órganos competentes. Unha vez rexistrada, débese manter unha vixilancia periódica, empregando métodos manuais dende terra, ou no caso de que sexa preciso, dende pequenas embarcacións.

Neste caso, para iniciar a erradicación no estanque, empregouse un método de tipo mecánico ou físico. Foi necesario entrar directamente á auga e retirar os exemplares de forma manual, procurando extraelos co sistema radicular completo, xa que calquera fragmento residual pode rexenerar novos talos (figura 3). Esta tarefa debe realizarse con coidado, para evitar danar os nenúfares autóctonos, de maneira que poidan seguir competindo polo espazo no estanque.

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 3. Retirada manual dende a auga dos exemplares co sistema radicular.

Trala retirada manual da maior parte dos exemplares, repasouse o fondo cun angazo, para eliminar as raíces que xa non eran visibles, pero que permanecían ancoradas. Retiráronse tamén cun ganapán os restos que aboiaban na superficie e que se esparexeran ao arrincarmos mecanicamente as plantas (figura 4).

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 4. Retirada dos restos flotantes con axuda do ganapán.

Unha vez no exterior, foron recollidos todos os restos vexetais retirados do estanque para trasladalos a unha zona afastada da auga, onde acabarán secando co paso do tempo, garantindo así que a especie non puidese regresar á auga.

A recollida total dos exemplares finalmente alcanzou un volume superior a 1 m³.

Por último, é esencial manter un seguimento periódico e continuo, xa que a eliminación completa desta especie é complexa, e require un control prolongado no tempo para ir reducindo progresivamente a súa presenza ata a súa posible erradicación.


Seguimento

Tres meses despois da primeira intervención, realizouse unha segunda actuación de seguimento, co obxectivo de retirar os exemplares da planta que aínda quedaban no estanque ou que puidesen chegar a medrar neste período. Nesta ocasión, a intervención foi de menor intensidade debido á notable diminución da cantidade de exemplares presentes no estanque (figura 5).

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 5. Imaxes do antes e despois das intervencións realizadas.
A columna da esquerda corresponde á primeira intervención, realizada en novembro de 2025 (a imaxe de arriba antes, a de abaixo despois).
A columna da dereita corresponde á segunda intervención, realizada en febreiro de 2026 (a imaxe de arriba antes, a de abaixo despois).

Do mesmo xeito que na primeira actuación, empregouse un método de tipo mecánico ou físico. Primeiro retiráronse dende fóra co angazo os restos máis próximos ás beiras e visibles; posteriormente entrouse á auga para extraer as plantas coa axuda dun angazo (figura 6), procurando sempre retiralas co sistema radicular completo. Os restos extraídos acumuláronse en cubos para transportalos a unha zona afastada do estanque.

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 6. Extracción manual dos exemplares dende dentro da auga, empregando un angazo.

Finalmente, realizouse dende dentro do estanque un repaso co ganapán para limpar os pequenos restos vexetais flotantes en superficie, asegurando que non quedasen fragmentos que poidan rexenerar novos talos.

A cantidade de restos vexetais retirados foi moito menor que na primeira intervención (arredor duns 80 quilogramos). Foron trasladados á mesma zona que na primeira intervención, afastada do estanque, para asegurar que ningún fragmento retirado volva chegar á auga. Observouse que os restos retirados na primeira intervención xa secaran na súa maior parte, aínda que algúns exemplares resistían debido á humidade invernal presente no terreo (figura 7).

Erradicación de herba piñeiriña no estanque de Económicas
Fig. 7. Acumulación dos restos extraídos. A primeira imaxe foi tomada despois da intervención inicial.
A segunda, antes da segunda intervención.
A última, despois da segunda intervención.

Aínda que o volume desta segunda recollida foi considerablemente inferior ao da primeira, continuaranse realizando revisións periódicas da zona, co fin de detectar posibles rebrotes e actuar de maneira temperá, consolidando así os avances acadados nestas primeiras actuacións.