Reducir a cantidade e perigosidade dos residuos xerados é un dos nosos obxectivos. Axúdanos a conseguilos aplicando as seguintes recomendacións:
- Identificar os factores que contribúan á redución e minimización da cantidade e perigosidade dos residuos perigosos xerados.
- Tratar de utilizar a mínima cantidade de reactivos posible.
- Dominar as técnicas e as instrucións de manexo de aparatos/equipos para evitar estragar reactivos.
- Formar o persoal involucrado na produción e recollida de residuos (identificación, clasificación, segregación, envasado, etiquetaxe, minimización, almacenaxe...). Difundir normas e boas prácticas.
- Identificar e etiquetar de forma clara tódolos envases con produtos (incluídos os transvasados e mesturas), de xeito que non aparezan recipientes con contidos descoñecidos dificilmente catalogables e con maior custo de xestión. Ler a información dos reactivos antes de utilizalos, evitando que aparezan produtos descoñecidos.
- Evitar comprar reactivos en exceso e unificar compras entre laboratorios, de modo que non haxa duplicidades nin sobrantes.
- Control de stocks e almacenaxe, inventariando e organizando os reactivos existentes, dimensionando as necesidades e consumindo primeiro os reactivos máis antigos de xeito que se evite a súa caducidade.
- Evitar almacenamentos prolongados ou inadecuados que estraguen o produto.
- Doar/Ceder os reactivos que non se vaian usar a outros laboratorios que os precisen e aproveiten.
- Substituír os reactivos perigosos por outros equivalentes inocuos ou menos perigosos, ou que requiran menores cantidades de uso.
- Planificar prácticas docentes de investigación substituíndo reactivos reais por prácticas con modelos informáticos ou videoformacion.
- Reutilizar envases e tentar a súa devolucion e retorno á entidade provedora.
- Tratamentos para eliminar ou diminuír a perigosidade e cantidade de residuos: recuperación, reutilización, neutralización, inactivación, inertización, redución de volume (desecación, filtración, destilación, liofiliación etc.
- Redacción dun Manual de Xestión de Residuos Perigosos, orientado á redución e minimización da cantidade e perigosidade dos residuos perigosos xerados.
- Estudo do desenvolvemento dunha posible bolsa de subprodutos.
- Diminuír a produción de RAEE. Podemos aproveitar os supostos que a lexislación determina para non seren considerados RP. Promover a súa retornabilidade canda a compra de material novo. Aproveitar e reutilizar compoñentes para outros usos, como subproductos ou como doazóns (como xa se está a facer en colaboración co taller do GRUVI).
- Promover procedementos e tecnoloxía eficientes, de menor consumo, máis duradeiras e que produzan menores residuos ou residuos inocuos ou menos perigosos (como p. ex. LEDs, miniordenadores...).
Procedementos específicos, que deberían ser acometidos en laboratorios apropiados e seguros e por persoal cualificado (técnicas/os de laboratorio con preparación), serían:
- Neutralizar disolucións que compensen o seu pH, cando este sexa a súa única característica de perigosidade e non conteñan outras substancias perigosas.
- Destrución/Inactivación de disolucións/compostos perigosos por medio de procesos controlados que non xeren perigos nin supoñan riscos.
- Redución de volume sen emitir substancias contaminantes: desecación/evaporación, liofilización, destilación, filtración, etc.
- Reutilización de reactivos ou produtos, como por exemplo o Hg dos eléctrodos dos equipos de análise electroquímica, que pode ser recuperado para o mesmo fin ou outros usos.
- Substitución por sustancias químicas equivalentes menos contaminantes e perigosas ou inocuas, como por exemplo o benceno por ciclohexano, ou metanol ou tolueno por etanol, etc.