GRUVI

Dende o ano 2006 a OMA participa de cheo no Programa de Voluntariado Gruvi (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo), que se encarga de revisar e recuperar equipos informáticos da UVigo para darlles unha "segunda oportunidade" a través de doazóns con software libre a entidades sociais sen ánimo de lucro.

Acceder a súa Web

Sobre o GRUVI

Na Universidade de Vigo (UVigo) prodúcense, entre outros, unha serie de residuos considerados "chatarra electrónica" e compoñentes electrónicos desbotados, dos que existe o compromiso por parte da universidade da súa adecuada xestión, atendendo a normativa sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).

Para a súa xestión, existe na UVigo un procedemento de actuación no que se solicita aos Servizos Informáticos da UVigo a revisión e acreditación de que os aparellos que se queren desbotar cumpren o requisito de estaren obsoletos ou avariados. Con esta acreditación tramítase, a través do Servizo de Patrimonio da UVigo, a baixa dos equipos no inventario da universidade, quen emite confirmación definitiva da baixa.

Unha vez resoltos os dous aspectos sinalados, os posuidores dos equipos (departamentos, oficinas, conserxarías, etc.) poden devolvelos aos provedores de equipos novos canda a súa compra (promovendo a súa retornabilidade). A xestión deste tipo de material desbotado está sufragada con esta nova compra (sistema integrado de xestión segundo R.D. de RAEE). A factura dos novos equipos inclúe xa o custo, en número equivalente, da xestión dos equipos vellos retirados. Por iso, se o usuario compra equipos novos, ten dereito a que o provedor llos retire sen custo, en número equivalente. Ademais de recollelos, o provedor está obrigado a darlles unha xestión axeitada.

Noutros casos, por diversos motivos (de non estaren os equipos dados de alta no inventario da universidade, se non existise compra de equipos novos, se houbese desfase entre a compra dos equipo novos e a xestión dos equipos desbotados, etc.), as persoas posuidoras dos equipos pódenlle solicitar á Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UVigo a súa retirada para destinalos a aproveitamento no Gruvi (Grupo de reciclaxe informática da UVigo) ou a xestor autorizado.

A OMA contacta co Gruvi (Grupo de reciclaxe informática da UVigo) para que os equipos descartados sexan revisados in situ. Selecciónanse aqueles dos que é posible o seu aproveitamento ou a recuperación dalgún dos seus compoñentes. Os equipos potencialmente "válidos e reutilizables" recóllense e trasládanse dende os distintos centros produtores ata o taller do Gruvi.

O Gruvi foi constituído no ano 2006, e na actualidade dispón dunha persoa con bolsa de formación e outro persoal que participa a través dos programas da Oficina de Voluntariado da UVigo. Participan neste proxecto de aproveitamento de material tanto xente con experiencia e coñecementos en equipos informáticos e reparación de equipos electrónicos, como persoas con interese e coñecementos sobre o tema con intención de ampliar coñecementos.

Se é o caso, o material seleccionado polo Gruvi para o seu aproveitamento é reparado, e con todo o material obtido móntanse equipos novos: computadores, impresoras, escáneres, pantallas, ratos, teclados, etc.

Os traballos do Gruvi son supervisados pola OMA e os Servizos Informáticos da UVigo, con quen traballan en estreita colaboración. Os equipos recuperados prepáranse para o seu uso inmediato, para o cal se lles instala software libre gratuíto, de acordo coas decisións dos Servizos Informáticos da UVigo, tendo en conta as consideracións do persoal adscrito ó Gruvi.

Os equipos informáticos recuperados, aínda que non son de última xeración, ofrécense a través de convocatorias anuais entre entidades sociais e institución sen ánimo de lucro que teñan interese en aproveitalos, ao non requiriren grandes esixencias para o uso ó que van ser destinados.

As convocatorias anuais de doazón son públicas e están organizadas polo Siope da UVigo. Os criterios de adxudicación dos equipos recuperados son elaborados por unha comisión creada para o efecto (con representantes da OMA, vicerreitoría de Extensión Universitaria, vicerreitoría de Planificación, Servizos informáticos, Gruvi, etc.) quen resolve e decide as entidades ás que se doarán.
[Algunhas destas entidades corresponden a proxectos internacionais de cooperación co Senegal e o Sáhara].

Por regra xeral só se recollen e recuperan equipos informáticos procedentes da universidade. En casos extraordinarios, sempre que se dispoña de espazo e persoal suficiente, e existise necesidade e interese por parte da UVigo pola carencia de determinados compoñentes informáticos altamente "valorizables" e escasos, o Gruvi pode decidir recibir material informático desbotado de entidades externas.

Tratarase sempre de seguir a trazabilidade dos equipos recuperados, con vistas a evitar destinos ou usos inadecuados ou de carácter lucrativo. Vixiarase tamén que os equipos adxudicados ás distintas entidades beneficiarias das convocatorias públicas, non se desboten ao pouco de recibilos, e acaben constituíndose en nova fonte de residuos.

O resto dos equipos e material informático desbotado e descartado definitivamente, do que non é posible o seu aproveitamento, é recollido e tratado a través dun xestor autorizado. Este, en colaboración coa OMA, encárgase da recollida nos 3 campus da UVigo, sen custo para a universidade.