Xestión de Residuos

Dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA) axudámosche a xestiona-los residuos.
Nesta páxina podes encontra-los procedementos para xestionar correctamente os residuos xerados.

Tipos de Residuos

Residuos Perigosos (RPs)

Unha empresa adxudicataria por concurso é a xestora autorizada para a recollida e xestión de residuos perigosos xerados na UVigo. A OMA e a empresa contratada traballan conxuntamente na planificación das recollidas e na preparación da documentación esixida pola lexislación vixente. Ademais, a OMA exerce un labor de supervisión e seguimento, co fin de salvagarda-la efectividade e o grao de cumprimento do servizo.

Residuos domésticos ou asimilables urbanos

Ademais dos colectores urbanos instalados na Universidade de Vigo, dende a OMA ofrécese a posibilidade de xestionar outros residuos domésticos ou asimilables a urbanos.

Mobiliario obsoleto/deteriorado

Para a recollida de mobiliario obsoleto ou deteriorado e de enseres voluminosos desbotados hai que contactar cos xestores autorizados de Residuos Non Perigosos (RNPs). A través da OMA pode realizarse a solicitude correspondente.

Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE)

Como regra xeral e primeiro proceder haberá que tentar a devolución de equipos vellos, avariados ou fóra de uso (computadores, impresoras, pantallas, fotocopiadoras, fluorescentes, etc.) ás entidades provedoras ás que se lles compren equipos novos (a factura dos novos equipos comprados xa inclúe o custo da xestión dos equipos retirados, polo que as empresas provedoras están obrigadas a recollelos e darlles unha xestión adecuada).

A través da OMA encargarase a recollida dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) nos distintos centros da UVigo que non poidan xestionarse a través da entidade provedora.

Ademais, dende o ano 2006 a OMA participa de cheo no Programa de Voluntariado GRUVI (Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo), que se encarga de recuperar equipos informáticos da UVigo para doalos, con software libre, a entidades sociais.

Lámpadas

En xeral, para a recollida de lámpadas reciclables hai que contactar con Ambilamp. No caso das lámpadas fluorescentes, dispoñen dun procedemento específico. O resto das lámpadas pode levarse ao Punto Limpo ou depositarse no contedor xenérico co resto do lixo.

Consumibles de impresoras e fotocopiadoras

Para a recollida de consumibles de impresoras e fotocopiadoras hai que contactar coa empresa encargada deste tipo de residuos na UVigo (Ridel Noroeste), autorizada para a xestión deste tipo de residuos.

Teléfonos móbiles

Para a recollida dos teléfonos móbiles desbotados, a mesma entidade que recolle os consumibles informáticos desbotados permite a súa recollida nos colectores destinados para ese fin (así o sinalan na información do propio colector).

Herba e restos de poda

A herba e os restos de poda son empregados como biorresiduos e materia para compostaxe, de maneira que se favoreza a rexeneración de solos dos campus.

Chatarra

Para a recollida de chatarra e restos metálicos desbotados hai que contactar cos xestores autorizados de Residuos Non Perigosos (RNPs). A través da OMA pode realizarse a solicitude correspondente.

Medicamentos

Os medicamentos caducados non deben depositarse nos colectores xenéricos de lixo. As farmacias dispoñen dos denominados Puntos Sigre nos que existen colectores para recoller axeitadamente este tipo de residuos.

Residuos hixiénico-sanitarios dos aseos femininos

Para a xestión dos residuos hixiénico-sanitarios dos aseos femininos están contratadas por concurso os servicios a empresas específicas do sector autorizadas para a súa recollida .

Subprodutos animais non destinados ao consumo humano (SANDACH)

Para a recollida de residuos SANDACH hai que contactar cunha empresa autorizada para este tipo específico de residuos. Na actualidade, a maioría deste tipo de residuos proceden na Uvigo do seu animalario e de determinados laboratorios específicos de experimentación animal.

Residuos radioactivos

Para a recollida de residuos radioactivos hai que contactar con Enresa, empresa xestora autorizada. A UVigo ten unha produciòn moi puntual deste tipo de residuos en laboratorios moi concretos que xa teñen protocolos moi estrictos para operar con este tipo de materiais

Depósitos incontralados e ilegais de residuos

Se se atopa nos campus algún depósito incontrolado e ilegal de residuos (entullos de obra, cascallos ou lixo), debédesvos poñer en contacto coa OMA para realizar a preceptiva denuncia e tentar darlle unha solución ó impacto que provocan.