O servizo de coche compartido é unha iniciativa da Universidade de Vigo coa que se pretende reducir o número de vehículos que se desprazan aos distintos campus (Ourense, Vigo e Pontevedra).
Nos últimos anos, preto de 9.000 vehículos están a circular e estacionar nas estradas do campus. A inmensa maioría deles (o 75%, aproximadamente), teñen un só ocupante. O consumo de combustible e a saturación dos estacionamentos da universidade degradan o ambiente e dificultan a vida diaria dos estudantes.
Que varias persoas usen un mesmo coche ten indubidables vantaxes relacionadas coa redución da contaminación. Se tan só se reducise nun 10% o número de vehículos cun só ocupante que van aos campus, suprimiríanse 520 toneladas de equivalentes de CO2. Esta se cadra é razón suficiente para consideralo. Pero é que, ademais, pensastes no diñeiro que podedes aforrar? No tranquilos que estariades se non tivésedes que conducir tódolos días? E que dicides da posibilidade de coñecer xente diferente?
Pensádeo, é ecolóxico, divertido, coherente, sostible e activo.
As enquisas realizadas durante o Día Mundial sen Automóbil amosan que un gran número de persoas usa os seus vehículos privados para se desprazaren cara ós campus universitarios diariamente. Os resultados reflicten unha alta porcentaxe de usuarios que viaxan sós e, doutra banda, dada a maior concienciación en canto a hábitos sostibles, as enquisas amosan que a meirande parte dos usuarios estaría disposta a compartir coche durante o traxecto aos centros.
Por mor destes resultados, a Oficina de Medio Ambiente (OMA) quere invitar a toda a comunidade universitaria a participar neste programa.
Debaixo pódense ver os traxectos xa inscritos, segundo os rexistros correspondentes ao período comprendido entre outubro de 2010 e a actualidade, así como outros máis antigos dos que foi confirmada a súa vixencia. Nela poderedes consultar os traxectos que se ofertan e demandan, podendo pórvos en contacto entre vós a través dos correos electrónicos que se listan. Podedes compartir o vehículo, alternar na condución, repartir gastos, etc. Os detalles dependen de vós!
Anótadevos como ofertantes ou demandantes cubrindo o formulario do apartado inferior. Cubride os vosos datos persoais e de contacto, dicídenos dende onde viaxades ata o campus, os puntos polos que adoitades pasar e os vosos horarios semanais. Estes son datos fundamentais que permitirán coñecer se hai máis persoas que saian do mesmo lugar ou se atopen nalgún dos puntos intermedios dos vosos traxectos ás horas nas que vos desprazades.
Se facedes o favor, comunicádenos á OMA os acordos aos que cheguedes. Deste xeito eliminaremos aos usuarios que xa estean 'ocupados', mantendo os datos actualizados. Ademais, poderemos medir estatisticamente a efectividade da campaña. Para calquera consulta, aclaración, modificación/corrección de datos, ou se precisades datos máis concretos dun contacto específico, contactade connosco.
DATOS DE CONTACTO
Email: oma2@uvigo.es
Teléfono: 986 813883