Envases homologados para Residuos Perigosos

Os residuos perigosos deben recollerse nos envases homologados subministrados pola empresa adxudicataria do servizo de recollida, ou fornecidos pola Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo (UVigo). Non se poderán empregar envases non homologados como botellas de auga mineral, frascos de vidro, etc.

Os envases homologados para conteren residuos perigsos levan sempre o seguinte símbolo:

En cada recollida a empresa adxudicataria do servizo deixa nos laboratorios un número de envases suficiente para a recollida estimada dos residuos ata a seguinte recollida. Ademais, para atender as necesidades que puidesen xurdir ó longo do ano, dispónse na OMA dun stock de envases homologados, de xeito que, se se necesitan máis envases antes da seguinte recollida poden solicitarse na OMA.

As etiquetas son subministradas durante as recollidas de residuos perigosos, ó mesmo tempo que se entregan os envases homologados para facer acopio do que se estime producir ata a seguinte recollida. De precisar máis envases ou etiquetas antes da seguinte recollida pódese contactar coa OMA para solicitalas.

Instrucións
  • Non utilizar envases para residuos perigosos co fin de eliminar neles residuos xenéricos non perigosos ou lixo convencional asimilable a doméstico.
  • Cada envase debe identificarse coas etiquetas proporcionadas pola empresa adxudicataria, indicando o nome do laboratorio produtor, a data de envasado e o tipo de residuo cos seus compoñentes.
  • Etiquetar os envases antes de empezar a utilizalos, de xeito que se evite o risco de accidentes.
  • Os envases deben encherse ata un máximo do 90 % da súa capacidade, evitando expansións que poidan producir fugas ou derrames. Se se apilan envases uns enriba doutros, só se apilarán ata un máximo de dúas alturas.
  • Unha vez cheos, os envases deben pecharse hermeticamente e mantelos limpos e sen deformacións, afastados de zonas de tránsito e de fontes de calor.