Nas recollidas de residuos perigosos realizadas na Universidade de Vigo nos últimos anos, obsérvase que unha parte importante dos residuos xerados están constituídos por reactivos caducados. É bastante usual que nun laboratorio parte dos reactivos acumulados entren en desuso, ben porque se comprou unha cantidade maior á necesaria para o labor de investigación ou ben porque se produciron cambios nas técnicas de experimentación. Co tempo, estes reactivos caducan e fanse inservibles para o traballo de laboratorio, polo que terminan sendo residuos perigosos. A xeración deste tipo de residuos, de especial perigo por tratarse de reactivos puros, pode reducirse considerablemente se se aplican unhas simples técnicas de minimización:
Evitar mercar reactivos en exceso e unificar compras entre distintos laboratorios, de modo que non haxa sobrantes.
Control de stocks e almacenaxe, inventariando os reactivos existentes, dimensionando as necesidades e evitando duplicidades, usando primeiro os reactivos máis antigos de xeito que se evite a súa caducidade, así como prolongados ou inadecuados almacenamentos que estraguen o produto.
Etiquetar axeitadamente tódolos envases, sexan transvases de reactivos ou residuos, de xeito que non aparezan recipientes con contidos descoñecidos dificilmente catalogables e con maior custo de xestión.
Ceder ou doar os reactivos sobrantes non caducados.
Por este motivo, ofrécese aquí unha plataforma mediante a cal os responsables dos laboratorios poidan difundir a existencia de reactivos en desuso non caducados e doalos a outros laboratorios que os necesiten.
O procedemento que se deberá seguir será o seguinte:
O laboratorio que desexe doar un reactivo deberá enviar un correo electrónico a oma2@uvigo.es indicando o tipo de reactivo químico do que se trata e a súa cantidade, así como un teléfono e correo electrónico de contacto.
A OMA poderá publica-los datos dos respectivos reactivos ofrecidos para indica-la súa dispoñibilidade e que poidan ser consultados por toda aquela persoa interesada.
As persoas interesadas nun reactivo concreto poranse en contacto directamente coa persoa doadora para concreta-la entrega do produto no que estea interesado.
A persoa doadora comunicará á OMA a doazón do reactivo cando se produza para deixar de ofrecerlle ese reactivo á comunidade universitaria