Ruta das Lagoas


Esta ruta comeza na parte alta do campus, lugar de nacemento e antecedente da actual Universidade de Vigo, co que chamaban Colexio Universitario de Vigo (CUVI), creado e construído no ano 1972 nesta contorna do monte das Lagoas, baixo o patrocinio da Caixa de Aforros de Vigo. No curso 1977-1978 iniciáronse as clases nas titulacións en Ciencias Químicas, Bioloxía, Económicas e Filoloxía. Dous anos despois (1980) do comezo da docencia na institución, a Universidade de Santiago de Compostela integrou os estudos impartidos en Vigo baixo a súa tutela administrativa e académica. A Lei 11/1989 de ordenación do sistema universitario de Galicia reordenaría o panorama universitario de Galicia, e a Universidade de Vigo foi constituída como tal no ano 1990 (DOG co Decreto 3/1990 de 11/01/1990) trala súa segregación da Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade esta zona corresponde á Facultade de Filoloxía e Tradución e ás instalacións do Servizo de Deportes.

Nesta parte inicial existen varias esculturas de escultores de renome local, como son:

Horizonte para o Sol

Inaugurada no 2003, na rotonda norte de entrada ó campus das Lagoa-Marcosende de Vigo. É obra de Silverio Rivas. A xente chámalle tamén "A Bóla".



Tempo

De Francisco Leiro (2002). Situada na rúa das Cumieiras, a carón da marquesiña da parada de bus entre a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Facultade de Económicas. Está construída en pedra negra e representa a un home paralizado, pensativo e inclinado lixeiramente cara a atrás, envolto cunha capa ("aínda que moita xente a interpreta como unha parella envolta nunha aperta e bicándose").



Xeometrías

De Leopoldo Nóvoa (2005). Situada na praza das Cantigas, da Facultade de Filoloxía e Tradución, representa as formas xeométricas básicas. O artista pontevedrés quixo realizar unha homenaxe á civilización occidental, establecendo na súa obra un xogo que parte das primeiras letras das catro linguas que teñen relación con Occidente (latín, grego, árabe e hebreo).



Lagoa entre Filoloxía e Deportes

Atópase na entrada norte do campus, trala entrada da escultura "Horizonte para o Sol". A súa conformación actual é do ano 2001, de canda a ampliación do campus, coa construción da "Cidade Universitaria" (obra do arquitecto Enric Miralles). Inicialmente sería unha braña que sufría inundacións estacionais, e unha das múltiples brañas que se formaban nas depresións desta zona (de aí o topónimo do "Monte das Lagoas").

Actualmente é unha lagoa cun interesante valor biolóxico como ecosistema, no que a auga xoga un papel primordial, determinando o tipo de vexetación. Podemos observar plantas acuáticas e herbáceas: xuncos (Juncus effusus e Juncus articulatus) e lirios (Iris pseudoacorus) forman parte da vexetación propia de ribeira ("ripícola"). No estrato arbóreo destacan os salgueiros (Salix atrocinerea e Salix alba), bidueiros (Betula alba), freixos (Fraxinus excelsior) e ameneiros (Alnus glutinosa). No caso de salgueiros e ameneiros poderase distinguir entre os amentos masculinos e femininos (os masculinos amarelos debido á presenza de pole, que é o gameto masculino; e os femininos normalmente máis grosos, en forma de pequenas "pinas"). Sobre as codias das árbores podemos observar a presenza de liques fruticulosos, coa forma de pequenos arbustos, indicadores da ausencia de contaminación. Arredor da lagoa está presente a menta ou hortelá (Mentha suaveolens e M. x piperita), cun arrecendo característico.


En canto á fauna, este hábitat está ameazado pola presenza do cangrexo americano (Procambarus clarkii), unha especie invasora que apareceu na lagoa aló polo ano 2005 (diferénciase do autóctono porque posúe "garfios"/ganchos nas pinzas). Suponse que é abandonado nos estanques e lagoas dos campus, procedente de acuarios (ás veces tamén se "cultiva" como recurso "gastronómico"). Aparecen tamén outras invasoras como a tartaruga de Florida (Trachemys scripta), de "orellas" alaranxadas. Como invasoras, afectan a vexetación e a fauna autóctonas (peixes, anfibios, anélidos, etc.), das que se alimentan vorazmente, alterando a cadea trófica e empobrecendo e "ocupando" os ecosistemas, "desprazando" as especies autóctonas. Os seus hábitos escarvadores producen danos na vexetación acuática e enturban os fondos e as augas. E aínda que pareza que están confinados en ecosistemas pechados, moitas das súas postas ou alevíns poden ser trasladados nas patas e plumas de moitas aves ou na pelaxe de mamíferos, polo que deste xeito poden ir difundíndose entre hábitats.


Os peixes que se poden observar, tamén foron introducidos procedentes do mundo da acuariofilia; entre eles carpas (Cyprinus carpio) e carpíns (Carassius auratus, os peixes de cores típicos dos acuarios), ámbalas dúas especies invasoras. Nalgúns casos e momentos, estas serven de alimento a lontras, garzas e corvos mariños, que visitan os campus e axudan "sen querer" no labor de erradicación de especies invasoras.

Os ecosistemas acuáticos albergan unha fauna específica, que usa a auga para alimentarse e reproducirse. Entre as especies que se poden ver destacan insectos acuáticos como as libeliñas (co plano das ás en repouso paralelas á horizontal do corpo) e os cabaliños do demo (gaiteiros; co plano das ás en repouso perpendiculares, na vertical do corpo, e cos ollos separados). Tamén anfibios como a ra verde (Rana perezi), o sapo común (Bufo bufo) e a ra ibérica (Rana iberica).


Entre os réptiles que acoden á contorna da lagoa na busca de alimento e acubillo, non é raro ver cobras de auga (Natrix maura) ou víbora de Seoane (Vipera seoanei).

Indicar que dentro da política de conservación das zonas verdes, e do fomento das especies autóctonas e da erradicación de invasoras, é fundamental o labor realizado pola Unidade de Xardinería, Zonas Verdes e Paisaxismo da UVigo. Leva un mantemento constante ó longo do tempo (plantacións, roza, sega, corta, poda, despedregado, limpeza, aviveirado…) planificado en función da climatoloxía e do estado vexetativo das distintas zonas. Todo o persoal está amplamente cualificado para recoñecer as especies coas que traballa e atender as directrices ambientais trazadas pola OMA (Oficina de Medio Ambiente da UVigo). Respéctanse así "zonas de reserva" onde a fauna e a flora prolifera libremente, que serve de acubillo e lugar de cría, e momentos nos que a flora non está a producir nin flores (polinizadores) nin sementes (propágulos que servirán para a seguinte xeración). Trabállase principalmente en franxas, sectores e bordos das zonas estacionais e das infraestruturas, respectando ó máximo os hábitats naturais e seminaturais.

Indicar que tódalas especies de flora silvestre están protexidas, polo menos de forma "xenérica", sobre todo aquelas que estean catalogadas como vulnerables, sensibles ou de interese especial ou en perigo de extinción. Polo tanto, non arrinquedes nin levedes prá casa plantas ou flores das que podemos desfrutar todos na natureza.

Parcela Central das Avilleiras

Por baixo da Facultade de Económicas existe un gran estanque por riba dunha conformación arbórea na que abundan as faias (Fagus sylvatica) e na que ultimamente se plantaron varios buxos (Buxus sempervirens). Máis abaixo, de cara á Biblioteca Central, temos unha parcela que foi reforestada co Plan de Revexetación do ano 2001, na que se conservaron e se rexeneraron dous mananciais (minas de auga) e se construíu un pequeno estanque por baixo da Facultade de Xurídicas. O fluxo de auga parte dos mananciais situados por baixo da Biblioteca Central, na zona máis alta, e flúe por regatos e levadas ata o pequeno estanque. Os mananciais son de orixe natural, ampliados pola actividade rural de antano que os viña explotando para o regadío das leiras. A Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UVigo recuperou e restaurou a súa contorna, limpándoos, protexéndoos e fomentando a proliferación de especies autóctonas. Na actualidade presentan un substrato limoso cunha vexetación predominante de macrófitas emerxentes. A subministración de auga é continua, procedente de fontes subterráneas, e mantén unha achega constante de nutrientes e minerais, asemade que estabiliza os valores de temperatura, pH e osíxeno. Este fluxo de auga é o nacente do regato Nespereira, que flúe cara a aldea de Vilariño (dentro do campus), e que baixa ó encoro do río Zamáns.

Entre a flora predomina o carballo (Quercus robur), moito procedente dos transplantes considerados no Plan de Revexetación, acompañado de tilleiros, survias, capudres, cerdeiras, etc. Aparecen tamén froiteiras e ornamentais como maceiras e tulipeiros (Liriodendron tulipifera; coas súas grandes flores fermosas e características). Nos lugares con proximidade a zonas húmidas poden atoparse xuncos das familias das Juncaceae e Cyperaceae, usados antano para cestería e construción de teitos e sebes. É común ver nabo do diaño (Oenanthe crocata), con follas semellantes ás do pirixel, flores brancas múltiples en semiesfera, e cunha raíz en forma de cenoura branca que e velenosa (neurotoxina: enantotoxina). A súa proliferación está asociada ás beiras de ríos e mananciais. Tamén podemos observar uz (Erica spp.), queiroga da cruz (Calluna vulgaris) e queiroga maior (Daboecia cantábrica), moi importantes polas súas flores para os polinizadores, pola fixación de nitróxeno e para a creación de solo. Son comúns diferentes especies de fentos (felgo común Pteridium aquilinum, fento pente Blechnum spicant, dentabrú Osmunda regalis) e brións (musgos), moi dependentes da humidade destas zonas sombrías e de solos profundos e ben drenados, que á súa vez son tamén moi bos retedores de humidade e de chuvia, e que se estenden por rochas, paredes, muros e árbores, asociados a liques. Teñen grande importancia ecolóxica, xa que algúns son especies pioneiras de ambientes alterados e constitúen solos onde despois se instalarán outros vexetais e se oculta e prolifera a microfauna. Tamén serven de substrato para a construción dos niños de aves e de mamíferos, e son alimento e refuxio de moitísimos animais. Modulan a humidade ambiental, absorbendo o exceso de auga da chuvia, liberándoa despois lentamente canda o tempo seco.



En canto á fauna, podemos atopar varias especies de macroinvertebrados asociadas a ambientes frescos, moitas en regatos e láminas de auga, e a súa presenza é un bo bioindicador da saúde destes ecosistemas. Aparecen tamén unha gran cantidade de insectos voadores: libeliñas, gaiteiros, bolboretas, abellas, abesouros, avésporas, etc., dependendo da época do ano (algunhas das súas ninfas son acuáticas). Moitos son alimento de aves, anfibios (píntegas, saramagantas, pintafontes, ras, sapos, etc.) e mamíferos, polo que son imprescindibles para a cadea trófica.



Nestes ecosistemas ás veces aparecen, puntualmente, animais abandonados ou "escapados", como "cans", "gatos" e "visóns americanos", que constitúen unha problemática para os hábitats e a fauna e a flora que os compoñen. Este tipo de animais "depredan" a fauna autóctona (sobre todo avifauna, herpetofauna e pequenos mamíferos) e "desprázana", "ocupando" o seu hábitat. Ademais, cando se asilvestran, poden mesmo chegar a ser "agresivos" cando consideran que o espazo que ocupan é o seu "territorio". Outra cuestión que hai que ter en conta é que un "animal abandonado", afeito ó confort e ó cariño nos domicilios, cando é abandonado, sofre moito tanto psicoloxicamente (soidade, estrés, depresión...) como fisicamente (frío, fame, sede, atropelos, agresións, enfermidades...).

Lagoa de Xurídicas

Este estanque é de orixe artificial, e aliméntase das correntes de auga continuas procedentes das dúas minas por baixo da Biblioteca Central. Co tempo vaise colmatando con lodos, arxilas e restos vexetais que favorecen o asentamento de fauna. Ás veces presenta "invasión" dunha planta acuática, a Landoltia punctata (semellante á "lentella de auga", Lemna minor, que si é autóctona), que se cre traída doutras zonas nas patas e plumas de aves coma os parrulos, que visitan frecuentemente o estanque. Estase a erradicar tamén unha pequena invasión por cala de Etiopía (Zantedeschia aethiopica). Ó seu redor proliferan os xuncos e os fentos, e algunha que outra especie aromática (mentas, romeiro...), así como algún piñeiro solto, érbedos, cerdeiras de acio (Prunus padus), etc. Dentro do propio estanque medran as espadainas (Typha spp.; boa fitorremediadora) e as espigas de auga (Potamogeton polygonifolius; que semella unha capa de follas flotantes caídas das árbores).


Hai uns anos tivemos a sorte da visita neste estanque dunha rata acuática (Arvicola sapidus; luria), escasa e difícil de ver, que construíu no bordo da lagoa varios tobos, e estivo vivindo connosco por máis dunha estación, alimentándose e gorecéndose na contorna.

rata acuática, luria (Arvicola sapidus)



A auga continúa despois cara a aldea de Vilariño e as súas praderías, conformando o regato Nespereira, afluente do río Zamáns, que é á súa vez afluente do río Miñor, que desemboca na Ramallosa, perto de Baiona.



Lagoa "Azul" de Filoloxía

Este estanque-lagoa, tamén de orixe artificial, á parte da súa función paisaxística, ambiental, estancial e de lecer, ten un importante valor como reservorio de auga para rega e do que se fornecen no campus varios sistemas anti-incendios (mesmo cando houbo lume en montes próximos, o helicóptero de extinción colleu auga aquí para apagalo). Ten unha importante extensión, e no seu bordo foi construído un gradarío que permite tanto á sombra como ó sol, desfrutar de momentos de descanso para as persoas que o visitan. Nos seus inicios había unha pasarela de madeira que o cruzaba, pero co paso dos anos foi deteriorándose e non volveu a ser reposta. Está dotada dunhas fontes que elevan a auga en chorros a gran altura, o que ademais de refrescar a contorna, serve de osixenación para a auga.

Nel é doado ver multitude de aves, sobre todo anátidas (parrulos; moitas veces nais que crían aquí os seus fillotes) e na época de cría, unha gran cantidade de cullarapos (cágados, cabezolos) de rá e de sapo común.

A contorna está rodeada de árbores de grandes dimensións, entre os que se atopan varias especies de lamagueiros (Populus nigra, P. canadensis, P. alba, P. tremula), pradairos, carballos, salgueiros, cerdeiras...

No centro acabou por formarse unha illa por colmatación de sedimento, e aquí e nunha das marxes (a máis remansada) constituíuse unha importante comunidade de espadaina (Typha spp.), que como xa se comentou, ten un valor importante como especie biorremediadora e descontaminante da auga, ademais de proporcionar substrato e acubillo para a fauna.