Ruta de Fondo


Esta ruta dá comezo na parte baixa do campus de Vigo, na rotonda da Facultade de Ciencias Experimentais, por debaixo de Anfaco-Cecopesca.

Equisetos

Esta zona da rotonda correspóndese cunha zona urbanizada, con hábitats conformados polas edificacións e polos xardíns que os circundan. No inicio deste percurso pódese atopar unha pequena zona valada que protexe unha poboación dun interesante fento: o "rabo de cabalo" ou "canuda" (Equisetum telmateia). É o único representante vivo na actualidade dun tipo de fentos moi antigos. Hai moi poucos en Galicia. O xénero Equisetum ten un extenso rexistro fósil entre o Devónico e o Carbonífero (existen importantes depósitos de hulla que constatan enormes bosques hai uns 400 millóns de anos). É o único xénero supervivente de todas as equisetópsidas, polo que se definen as equisetáceas como unha familia monotípica. Na actualidade, este xénero consta de 25 especies. Aparece en zonas areosas e húmidas. A canuda é moi empregada como planta medicinal polas súas propiedades diuréticas. Tradicionalmente tamén se empregaba para pulir utensilios de cobre debido a que posúen unha estrutura de tecidos cun alto contido en sílice. Esta característica fai que hoxe en día se empregue en cremas exfoliantes. Segundo a estación do ano, este fento está "ausente", e na primavera presenta frondes fértiles/reprodutoras abrancuxadas, que evolucionan a frondes fotosintéticas de estrutura radial. Sospéitase que a súa aparición no campus se debeu a solos traídos no traslado de terras durante as obras (dumping) nos "volquetes" de camións "contaminados" coas súas esporas.

equisetos
equisetos

Camiñando pola ruta aparecen máis adiante plátanos de sombra (Platanus hispanica / P. hibrida). Son árbores ornamentais típicas de parques, paseos, xardíns e beiras de estradas, que resisten moi ben a contaminación atmosférica das cidades. O seu toro é característico por presentar roturas na pel amareladas que reciben o nome de "ritidomas". Tamén son típicas as súas inflorescencias agrupadas en forma de bóla pendurada dun longo pecíolo. A súa folla é parecida á do pradairo (a do escudo da bandeira do Canadá).

ritidoma nun plátano de sombra
ritidoma no toro dun plátano de sombra

Máis adiante, atópase unha mina de auga (manancial), que non é máis ca unha fendedura no terreo aberta polos labregos de antano co fin de fornecer o regadío cunha fonte de auga para as súas leiras, a través de canles denominadas "levadas". No campus de Vigo existen varias destas minas que, ademais de proporcionar auga, constitúen un dos pouco elementos singulares tradicionais rurais que aínda se conservan no campus. No plano biolóxico as minas funcionan como refuxio de certas especies que necesitan da presenza continua de auga e de zonas sombrías, que se desenvolven na frescura deses hábitats. No ano 1999 realizáronse unha serie de traballos de protección das minas de auga que consistiron na limpeza de residuos, na eliminación de vexetación exótica invasora, na consolidación dos noiros, na plantación de especies autóctonas propias destes hábitats e na instalación dun valado perimetral de madeira para a súa protección. No ano 2000 reforzáronse as plantacións anteriores con árbores do país (bidueiros, ameneiros e salgueiros) que foron transplantadas dende zonas afectadas pola construción da estrada sur de circunvalación. Finalmente, no ano 2004 realizouse unha nova limpeza de residuos e de maleza, e instalouse un novo valado de madeira máis resistente có anterior. Ademais podáronse as árbores existentes e plantáronse algúns acivros e fentos.

Zona arqueolóxica das Cabanas

Atopámonos ante o primeiro xacemento arqueolóxico correspondente a un asentamento da Idade do Cobre-Bronce (Calcolítico) (3000-2000 anos a.C.) descuberto polo concello de Vigo, catalogado pola xunta dende 1998. Malia isto, no ano 2001 sufriu unha importante alteración por mor dos desterres producidos polas obras dos estacionamentos que estaban proxectado para esa zona. Para avaliar os efectos deste impacto fíxose unha intervención arqueolóxica que deu lugar como resultado a localización de abundante material (restos de cerámica, muíños de man, restos de fogueiras, alicerces de vivendas, etc.) e de varios silos, que eran foxos para o almacenamento de gran (zonas escuras e circulares). Por todo isto, o aparcadoiro inicialmente proxectado nese lugar, finalmente construíuse a carón da Facultade de Ciencias. Toda a superficie afectada polos desterres recuperouse para realizar plantacións de árbores e arbustos incluídas no Plan de Revexetación do campus das Lagoas-Marcosende, que daría lugar á zona do "Sobreiral".

As Cabanas: zona arqueolóxica do Calcolítico
As Cabanas: escavación inicial

As Cabanas: zona arqueolóxica do Calcolítico
As Cabanas: zona arqueolóxica do Calcolítico

Os liques como as "barbas de vello" medran sobre o toro e as pólas das árbores. Son bos bioindicadores da contaminación atmosférica, xa que adoitan proliferar onde o aire é limpo. Moitos medran na cara norte do toro das árbores (algúns cunha rechamante cor laranxa), o que nos permite orientarnos. Tamén son bos bioindicadores da saúde dos ambientes limpos destes ecosistemas os musgos/brións, que aparecen en toros e pedras destes hábitats.

lique laranxa marcando o norte
lique "laranxa" marcando o norte


Sobreiral

O campus de Vigo sufriu dous grandes episodios de alteracións na súa cuberta vexetal. O primeiro deles foi a corta dos piñeiros (Pinus pinaster) que ocupaban a meirande parte da súa superficie e, o segundo, foi a nivelación por maquinaria pesada do terreo. Isto último, ademais de destruír a cuberta vexetal e mato de herbáceas, provocou grandes alteracións nos perfís edáficos, repercutindo na diminución da superficie ocupada polos hábitats seminaturais presentes que, malia o seu deficiente estado de conservación, teñen un valor ecolóxico moi superior ó dos espazos urbanizados ou axardinados.

Para contrarrestar os efectos destas alteracións, foi executado no ano 2001 un Plan de Revexetación do campus cos seguintes obxectivos:

  • Protección do solo: establecer unha cuberta vexetal que impedise a degradación do solo por erosión.
  • Potenciación da vexetación natural: protexer e aumentar a superficie ocupada pola vexetación natural.
  • Aumento da biodiversidade: favorecer e aumentar a diversidade biolóxica da flora e da fauna autóctona.
  • Concienciación e sensibilización da sociedade: recrear de xeito natural distintos hábitats propios de Galicia.

Con este fin, procedeuse a plantar 15.000 especies de árbores e arbustos e tratáronse de reproducir distintas formacións arbóreas de Galicia, tendo en conta dous criterios principais: a orientación e a altitude.

Neste caso, ó tratarse da ladeira máis cálida do campus, e a que recibe máis horas de luz pola súa orientación, reproduciuse un sobreiral, formación boscosa característica das zonas de Galicia con influencia de clima mediterráneo. As sobreiras (Quercus suber, esp. "alcornoque") son árbores de folla pequena e perenne doadamente recoñecibles pola súa grosa cortiza, de aí que tamén se lles chame "corticeiras". A cortiza sérvelles de illante e protexe a árbore do lume. Ademais, nalgúns lugares é explotada e extraída periodicamente para o seu emprego para recubrimentos acústicos e illantes, para elaborar tapóns de botellas (rollas), etc. É unha árbore moi ben adaptada a solos pobres en nutrientes que adoita aparecer acompañada doutra especie típica mediterránea como é o érbedo (Arbutus unedo, esp. "madroño"). Este arbusto, de follas perennes, énchese no outono duns froitos vermellos (os "morotes"), saborosos e doces, que son consumidos tanto pola avifauna como polos mamíferos. O seu nome en latín, unedo, fai referencia á "unidade", e advertía de que comer máis dun froito podía provocar "borracheira", xa que cando están moi maduros gañan un alto contido en alcol. Ademais destas especies, aparece tamén o loureiro (Lauro nobilis, esp. "laurel"), o freixo (Fraxinus spp., esp. "fresno"), e outras especies típicas de sotobosque de carballeira como o espiño branco (Crataegus monogyna, esp. "espino albar"), a cantroxiña/rasmono (Lavandula stoechas) e o tomentelo (Thymus spp.).

sobreira
detalle do toro da cortiza dunha sobreira

érbedo
froitos do érbedo

Comentar que o mantemento do sotobosque e das especies autóctonas é unha das máximas da política ambiental da UVigo, co fin de preservar a biodiversidade dentro de "bosques" singulares e senlleiros, evitando elementos artificiais e as plantacións monoespecíficas ("montes"), afastándose tamén de patróns xeométricos regulares e homoxéneos e das liñas rectas.

En determinados puntos pódense observar amoreamento de pedras que se deixaron aí adrede para que servisen de refuxio para a fauna.

De camiño á seguinte parada podemos ver ó lonxe, cara ó suroeste, o encoro de Zamáns (que xunto co Encoro de Eiras cara ó interior da ría) fornece de auga a toda a comarca. Os encoros supoñen un importante impacto ambiental para as especies de río que necesitan auga corrente e tamén, moitas veces, se introducen especies alóctonas para impulsar a pesca, o que provoca grandes danos nos ecosistemas. No curso deste río aínda se poden visitar varios muíños históricos que se explotaban na zona dende antigo, pagándolle ó muiñeiro a súa parte para poder usalo (a "maquía").

Tendido eléctrico

Nesta zona pasa o tendido eléctrico de alta tensión que se dirixe á cidade de Vigo. Por lei, para evitar incidentes polo contacto das pólas das árbores cos cables, hai establecida unha zona de separación cunha anchura determinada (8-9 metros) en función do tipo de cables. Os principais impactos ambientais derivados destas actuacións son as alteracións visuais debido á altura que posúen estas estruturas e os cambios nos hábitats debido á perda de vexetación (tanto en densidade como en altura), que marca na paisaxe unha descontinuidade conformada por unha superficie exposta que produce un "efecto barreira".

As rochas están sendo colonizadas por liques e briófitos (brións/musgos) e outras especies pioneiras. Estes organismos son dos primeiros en colonizar un medio alterado e así contribúen á meteorización das rochas e á formación dos solos. A meteorización prodúcese cando as rochas se desintegran e se descompoñen como consecuencia á exposición dos axentes atmosféricos e á participación dos axentes biolóxicos (mecánica: raíces // química: bacterias, fungos, brións e liques).

Baixo o tendido pódese observar un corte vertical no terreo que permite observar parte do "perfil dun solo" evolucionado, no que se distinguen unha serie de franxas horizontais a distintos niveis, de distintas composición, cor e estrutura, que en xeoloxía se denominan "horizontes".

Nun perfil típico do solo preséntanse os seguintes horizontes:

Horizonte A: capa máis superficial, que habitualmente é de cor escura polo seu alto contido en materia orgánica descomposta (o "humus"). Posúe partículas finas de area e arxila, e adoita estar ben aireado e cunha grande actividade biolóxica. O humus é crucial para a saúde do solo, mellorando a súa estrutura e a retención da auga e dos nutrientes, promovendo a actividade microbiana e a biodiversidade.

Horizonte E (eluvial): máis claro e areoso debido á lixiviación de minerais (ás veces branco). Tipicamente sitúase entre un A e un B. Con menos arxila e óxidos de Fe e Al, e tamén menos materia orgánica có A e có B.

Horizonte B: de cor menos escura có A, por ter menos materia orgánica, aínda que é máis rico en minerais e materiais lixiviados. Contén arxilas máis compactadas, que o fan menos poroso. Ata aquí penetran as raíces das árbores, que extraen substancias como o óxido de Fe e Al, así como carbonato cálcico.

Horizonte C: formado por grandes fragmentos de rocha descomposta, area e arxila, coñécese como "rocha nai".

Estes horizontes son indicativos da calidade e capacidade do solo para soster vida vexetal e animal, así como a súa función na conservación da auga e dos nutrientes.

Na corta da parede podemos observar buratos feitos por avésporas, abellas e outros insectos, moitas veces funcionando como despensas de alimento onde introducen as súas presas (outros insectos) e poñen os seus ovos (posteriormente as crías aliméntanse destes depósitos).

Na beira do camiño podemos atopar especies pouco esixentes en canto ó substrato, como son: os toxos (Ulex), as estebas ou xaras (Cistus), típicas de solos pobres mediterráneos, as carpazas (Halimium alyssoides), o tomentelo (Thymus) e outras de maior tamaño como as xestas (Cytisus spp.) e os codesos (Adenocarpus complicatus). No campus existen 3 especies de xestas: unha de flores brancas: Cytisus multiflorus, e 2 de flores amarelas: Cytisus estriatus, coa vaíña dos froitos con pelos en toda a súa superficie, e Cytisus scoparius, coa vaíña pilosa unicamente nas suturas ventral e dorsal. Nesta zona tamén son habituais os cogomelos armilaria ("palotes de madeira"), da cor do mel (Armilaria melleas), que viven enriba de materia en descomposición da que se alimentan (saprófitas).

Lagoa de Ciencias

Conforma un hábitat acuático polo que circula libremente a auga a través de regatos que chegan e saen dela, e onde permanece remansada para seguir discorrendo conca abaixo cara ó encoro de Zamáns. As comportas da lagoa permanecen sempre abertas, permitindo que o exceso de auga reborde cara ó regato sinuoso de saída ("canle de derivación"), reducindo a súa enerxía e permitindo a súa osixenación.

Nos seus arredores podemos observar zonas de praderías, que se manteñen con labores de mantemento, rozas e gandería (permitida á veciñanza da zona), co fin de retardar a sucesión arbórea. Estes pastos, que de sempre conformaron as brañas da contorna, son lugares frescos e húmidos, situados en zonas altas de montaña, que serven de reservorio de auga e alimento para a fauna, mesmo no verán.

A conformación actual da lagoa é do ano 2000, co Plan de Revexetación, dando lugar a este novo hábitat co que, asemade, se conseguiron outros obxectivos:

  • Actuar a modo de "tanque de tormentas" para amortecer o impacto das arroiadas en momentos de fortes chuvias e grandes caudais no campus.
  • Actuar como filtro biolóxico para a contaminación difusa (fitorremediación), xa que algunhas das especies aquí presentes (p. ex. a espadaina, Typha spp.) reteñen metais pesados e outros contaminantes procedentes dos "lavados" das zonas duras e estradas do campus.
  • Serven como "decantador" de partículas en suspensión, polo que reduce a turbidez da auga.

Nos campus temos arredor de 1,55 ha de láminas de auga, conformadas por 7 lagoas, estanques, pozas e charcas (ademais do discorrer de varios regatos como o Fontecova, o Nespereira e o nacente do río Eifonso). Estes hábitats húmidos teñen unha vexetación de ribeira asociada moi característica: espadainas (Typha spp.), herba lameiriña (Callitriche stagnalis), espiga de auga (Potamogeton polygonifolius), ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix sp.), xuncos, carrizos, etc. Estas comunidades vexetais conforman hábitats densos que serven de refuxio, cría e alimento para a fauna (en especial aves e anfibios).

Os anfibios, típicos destes hábitats, son un "bioindicador" que evidencia á boa saúde ambiental do ecosistema. Moitos permanecen aquí o ano enteiro, ás veces con distintas fases (caso dalgúns pintafontes: acuática e terrestre), pero outros nada máis que se achegan no período reprodutor para a posta de ovos, momento no que migran ata a lagoa. É por iso que hai que prestar especial atención ás infraestruturas que se constrúan arredor destes espazos, xa que poden supor un "efecto barreira" que impida a intercomunicación das zonas húmidas cos hábitats circundantes. Temos no campus o caso do sapo común (Bufo bufo), que antes da construción dos "pasos para anfibios" sufría dunha alta mortalidade por atropelo, debido á "barreira física" que supoñían as estradas circundantes que lles impedían chegar ata as "lagoas". O deseño e construción dos "pasos para fauna" en puntos estratéxicos por baixo das estradas (en especial a de circunvalación) permite que intercomunicación de hábitats sexa fluída.

A lagoa de Ciencias é unha parada moi interesante porque nela se poden observar dende aves acuáticas como a garza (Ardea cinerea), lavanco (Anas platyrhynchos), galiñola ou pita de auga (Gallinula chloropus), andoriña común (Hirundo rustica), cirrio/falciño (Apus apus), andoriña das barreiras (Riparia riparia, esp. "avión zapador"), anfibios como a ra verde (Rana perezi), larvas de píntega (Salamandra salamandra), saramaganta (Chioglosa lusitanica, especie endémica e protexida no noroeste da Península Ibérica, da que se sabe moi pouco debido a que vive e se reproduce nas paredes de mananciais e lagoas), pintafontes común (Triturus boscai), pintafontes verde ou tritón xaspeado (Triturus marmoratus), insectos como as libeliñas, os cabaliños do demo (gaiteiros), ata réptiles como a cobra de auga (Natrix maura), a cobra de colar (Natrix astreptophora) e o sapoconcho riscado (Mauremys leprosa). As tres especies de tartarugas ou sapoconcho (esp. "galápago/tortuga") máis comúns son o europeo (Emys orbicularis), riscado (Mauremys leprosa) e de Florida (Trachemis scripta, especie invasora "abandonada" indiscriminadamente no campus, que afecta negativamente a presenza doutras especies). As tartarugas acuáticas ou sapoconchos son réptiles moi escasos e ameazados, raros de ver na nosa terra. Viven sempre perto da auga, xeralmente en lagoas e ríos lentos con abundante vexetación acuática. A diferenza das tartarugas terrestres, as acuáticas son carnívoras, e aliméntanse de animais acuáticos e de prea (calaza, "carniza", "carroña").

lagoa de CC
lagoa de Ciencias con espadainas e espigas de auga


Bosque de ribeira na "canle de derivación"

Os bosques de ribeira están localizados nas marxes dos cursos de auga. Trátase de bosques caducifolios de gran beleza e densidade (luminosidade restrinxida). Neles pódense observar unha gran variedade de árbores, de formas e cores moi distintas. Ademais, segundo a estación do ano, a cor do bosque é moi diferente: dende verde en primavera e verán, ata o amarelo, laranxa e acastañado no outono e inverno. Aquí o bosque de ribeira atópase ó longo da canle de derivación que sae da lagoa de Ciencias. Esta canle construíuse para evitar as inundacións que sufrían augas abaixo os veciños da aldea de Marcosende, xa que coa construción inicial do campus e coa corta de arborado por parte da veciñanza canda as expropiacións dos terreos, diminuírase a superficie de absorción de auga, o que provocaba asolagamentos en momentos de fortes chuvias. Coa canle de derivación conseguiuse repartir o caudal que baixa pola bacía do campus de cara ó encoro de Zamáns, desviando a maior parte das augas por fóra do lugar de Marcosende, evitando enchentes e regulando as arroiadas, facendo que as augas perdan forza a través de meandros e pequenas fervenzas, á vez que se osixenen no seu decorrer.

Os bosques de ribeira son ecosistemas moi importantes porque protexen as ribeiras da erosión e a súa vexetación axuda en diferentes funcións:

  • Impiden que o escoamento das augas arrastre a terra.
  • Regulan os caudais durante os períodos de tormenta e regulan a forza da auga.
  • Axudan na fixación de contaminantes (detoxificación) das augas.
  • Serven de refuxio e de protección para a fauna.
  • Protexen do sol durante o verán, e como son caducifolios, deixan pasar a luz no inverno, polo que son reguladores térmicos e manteñen a temperatura constante.

Entre as especies presentes pódense observar:

  • Ameneiro (Alnus glutinosa, esp. "aliso"). Árbore con asincronía nos seus órganos reprodutores, para evitar a autopolinización. De madeira moi resistente e de gran valor.
  • Bidueiro (Betula sp., esp. "abedul" ).
  • Salgueiro (Salix atrocinerea, esp. "sauce", e Salix viminalis, o vimbio). Pódenselle ver "gallas", a modo de excrecencias semellantes ás dos carballos, como resposta da árbore a unha "infección" ou "ataque". Da súa casca obtíñase orixinalmente o compoñente activo da aspirina, o ácido acetil "salicílico".
  • Abelaira (Corylus avellana, esp. "avellano"). Cunha flor feminina moi pequena e rosa, e flor masculina en amentos.
  • Freixo (Fraxinus angustifolia, esp. "fresno"). Teñen follas compostas e aserradas.
  • Lamagueiro ou chopo negro (Populus nigra).
  • Pradairo (Acer sp., esp. "arce").
  • Freixo (Fraxinus sp., esp. "fresno").

O solo nestes ambientes é característico por posuír unha capa superficial que conforma un leito de follas secas que cobre o chan e que serve de refuxio a moitas especies, como o lagarto das silvas (Lacerta shreiberi) ou o lagarto arnal (lagarto ocelado: Timon lepidus), así como invertebrados, fungos e bacterias. Estes últimos encárganse da degradación dos restos orgánicos, polo que son moi importantes reciclando e enriquecendo o solo con esta materia orgánica.

O estado dos macroinvertebrados (moluscos, insectos, miñocas) permite coñecer se o ecosistema se atopa en bo estado ou presenta algún grao de contaminación. Algúns destes organismos resisten moi ben a contaminación, en cambio outros non poden vivir se non é nunha zona moi limpa ("prístina"). Para estudar o grao de contaminación úsanse índices, dándolle unha determinada puntuación á presenza de cada organismo en función da súa sensibilidade a ela. O valor final diranos en que estado se se atopa o ecosistema.

Carballeira

Área ampla na que predomina o carballo, acompañado de cerquiños, loureiros e sanguiños (moitas transplantadas dende a circunvalación), coa presenza de especies acuáticas a carón do curso de auga (fentos, amarelles, cáncaros, violetas e xacintos silvestres, etc.).

A carballeira é o bosque caducifolio máis característico de Galicia. O carballo (Quercus robur, esp. "roble"), é unha árbore de folla caduca que medra ben en solos graníticos pobres en nutrientes, e atura sen problema condicións de elevada humidade. Tamén pode aparece algún exemplar de cerquiño/cerqueiro/rebolo (Quercus pyrenaica, esp. "rebollo/majuelo->marojal"). Outras especies que acompañan o carballo son o loureiro (Laurus nobilis, esp. "laurel"), o sanguiño (Fragula alnus, esp. "arraclán") e o acereiro/loro (Prunus lusitanica, esp. "laurel portugués").

Esta carballeira foi creada en grande parte polo transplante das árbores afectadas pola construción da estrada de circunvalación do campus no ano 2000. Aquí realizouse nese ano a celebración do día mundial do medio ambiente (5 de xuño), que serviu para presentar a campaña "Adopta unha árbore", coa que se implicou a comunidade universitaria no coidado e rega destas árbores nas súas fases iniciais de adaptación. En total, nesta zona plantáronse máis de 1200 árbores (carballos, loureiros, freixos, bidueiros, etc.).

Ás veces, nas marxes das parcelas reforestadas, realízanse rozas para evitar a excesiva proliferación do estrato arbustivo. Déixase sempre sen rozar unha certa proporción da parcela (rodais de "microrreservas") para que sirva de refuxio, de soporte e alimento (follas, froitos, bagas, etc.) e de zona de cría para a fauna, así como para a proliferación e dispersión de propágulos e sementes de especies de flora autóctonas. Ademais, serve de apantallamento sonoro, sobre todo cando se atopa a carón de infraestruturas e edificacións. A Unidade de Xardinería e Paisaxismo da UVigo mantén este hábitat "intacto", permitindo que o ecosistema se autorrexenere. Abundan partes "mortas" de toros e pólas que son fonte de materia orgánica para especies como a hedra e multitude de insectos xilófagos. Ademais, as árbores e os seus restos funcionan como refuxio, zona de cría e de alimento para os animais. Proliferan especies como as silvas (Rubus ulmifolius), sanguiños (Frangula alnus), abruñeiros (Prunus spinosa), etc. Nalgúns estratos solleiros do sotobosque pódense observar uces/breixos (Erica spp.) e queiruga maior (Daboecia cantábrica).

Praderías

Por baixo da aldea de Vilariño, nunha área húmida dunhas 3 hectáreas, aparecen distintas especies de herbáceas (trevos, cáncaros, amarelles, xacintos e violetas silvestres, etc.) que atraen insectos e anfibios, que á súa vez alimentan a paxaros granívoros e insectívoros. A pradería é moi importante para o desenvolvemento de polinizadores como abellas (Apis melifera), abellóns/abesouros (Bombus terrestris) e bolboretas (que procuran o néctar das flores para alimentárense), especies moi sensibles e moi ameazadas polo cambio climático e o uso de pesticidas. Por iso, o mantemento desta zona ten moita importancia para a súa conservación.

Estes prados caracterízanse polo alto grao de humidade, xa que a capa freática (primeira capa de augas subterráneas) está moi perto da superficie debido á súa composición xeolóxica e á disposición en planicie en menor altitude. O mantemento da pradería e a súa interrupción a unha sucesión arbórea está favorecida porque, aínda que son terreos da Universidade, permítese a gandería da aldea veciña (Vilariño). O pacer das ovellas mantén o estrato herbáceo e impide que proliferen especies arbóreas de porte superior.

Moitas veces estas zonas enchoupadas (aquí co regato Nespereira), dan lugar ás "brañas", que como xa se comentou, son lugares de alta montaña, frescos e húmidos, que serven de reservorio de auga e alimento para a fauna.

As especies presentes son principalmente herbáceas coma os trevos (Trifolium repens e T. pratense) e gramíneas como a Avena sativa, Dactylis glomerata, Holcus lanatus, Poa annua, Lolium perenne, etc. Tamén se pode atopar herba belida/patelo (Ranunculus bulbosus, R. repens), menta (Mentha suaveolens), hortelá (Mentha x piperita) e mesmo orquídeas (Serapias lingua, Dactylorhiza elata e D. maculata). Unha especie de narciso/amarelle (Narcissus cyclamineus) que só aparece en Galicia e norte de Portugal nace por esta zona, e está protexida pola Directiva Hábitats da Unión Europea. Tamén son frecuentas os asfodelos/abrótegas/gamóns (Asphodelus albus).

Visitan estas zonas aves como a avenoiteira/noitébrega/noitarega (Caprimulgus ruficollis) (unha ave mimética que se alimenta de avelaíñas pola noite), o estorniño negro (Sturnus unicolor), o tordo charlo (Turdus viscivorus, esp. "zorzal") e, unicamente en inverno, a pica dos prados (Anthus pradensis, esp. "bisbita") e mais a becacina (Gallinago gallinago, "agachadiza común"). É por iso que por aquí existen proxectos de potenciación da nidificación de aves, para o que se colocaron caixas niño co fin de ofrecer buratos de diferente diámetro á avifauna da zona e así fomentar o aumento da súa biodiversidade.

Non é difícil ver tamén pequenos promontorios de terra que delatan a presenza de mamíferos como as toupas (Talpa occidentalis) que se alimentan de insectos e miñocas, e tamén están presentes as trilladeiras (Microtus sp., esp. "topillo").

pradería


Estacionamentos verdes da Facultade de Ciencias

Nos campus deseñáronse estacionamento "verdes" que cumprisen unha serie de criterios ambientais:

  • Que estivesen situados próximos ós centros, sen se esparexeren, respectando a contorna natural e a paisaxe.
  • Que ocupasen unha área razoable e axustada ó persoal e ó alumnado de cada ámbito e de cada centro.
  • Base construída cun sistema de estabilización do solo, permeable á auga, que permite o crecemento de herba e amortece as arroiadas.
  • Plantouse unha densidade importante de arborado autóctono en toda a superficie dos estacionamentos (pra proporcionar hábitat natural e sombra).
  • Este tipo de estacionamentos melloran e atemperan a climatización dos campus.
  • As árbores plantadas protexéronse (sobre todo na fase inicial, cando o seu tamaño era menor) cuns bolardos para impedir a colisión dos vehículos.
  • Cada árbore ten unha escava ("alcorque") do tamaño do terrón/cadabullo ("cepellón") co que foi plantado, que mellora o grao de humidade do solo.
  • Inicialmente tamén se dotou cada árbore cun poste-titor para soportar o peso do toro da árbore e darlle resistencia fronte ás inclemencias.
  • Os noiros e o apantallamento vexetal está deseñado co fin de amortece-lo ruído e de evita-lo atropelo da fauna, tendendo a retela nas zonas naturais.


estacionamentos verdes