Ruta de Cima


As rutas polas sendas e camiños dos campus da UVigo están deseñadas para dar a coñece-la riqueza natural (ambiental) e patrimonial (socio-cultural) dos campus.

Esta ruta dá comezo na parte máis alta do campus de Vigo, a carón da Facultade de Filoloxía e Tradución, na pérgola da Facultade de Económicas.

Este campus das Lagoas-Marcosende concentra a maior parte dos centros e facultades da Universidade de Vigo (UVigo). Está situado na parroquia de Zamáns, a uns 15 km da cidade. Localízase na ladeira noroeste da bacía alta do río Zamáns, a unha altitude media de 430 m (370-480 m.s.n.m). Cunha orientación sur-suroeste, está rodeado polos montes Galiñeiro (ó sur, con 709 m, ó que dá nome a súa forma de crista de galo), Monte Castelo (407 m), Cepudo (520 m, coa antena) e Alba (503 m, coa ermida) ó oeste, e alto de Beade (501 m, con outra pequena antena) ó nordeste.

A paisaxe do campus sufriu cambios moi notables dende 1990. A súa conformación actual é o resultado das diferentes modificacións (corta de arborado, edificacións, estradas, etc.) que se produciron a medida que medraron o número de equipamentos e infraestruturas. Aínda así, permanecen hábitats de grande interese nos que viven multitude de especies de flora e de fauna. É por isto que a Oficina de Medio Ambiente (OMA) segue unha estratexia para protexer e fomentar os valores naturais que conforman a contorna, incluíndo actuacións relativas á restauración e á creación de hábitats. A UVigo é privilexiada por ter un campus con tan amplo e abondoso espazo natural.

As distintas zonas que se poden visitar secuencialmente nesta ruta detállanse a continuación:

Lagoa de Filoloxía-Deportes

Esta lagoa está conformada nunha depresión que foi ampliada e naturalizada nos inicios da década do ano 2000 co motivo da ampliación de todo o campus. A súa orixe foi unha braña: unha depresión anegada nos meses invernais e húmida-seca nos estivais, con grande acumulación de materia orgánica (follas, raíces e talos) e cunha flora típica característica (forte, baixa e de pequenas follas). Esta braña sería unha de moitas que dende antigo constituían a xeografía deste lugar, e que seguramente deron orixe ó topónimo das "Lagoas-Marcosende". Na actualidade esta lagoa está afectada por unha invasión de cangrexo americano (Procambarus clarkii), do que se está a tentar o control da súa poboación (pesca con nasas, pesca eléctrica, etc.). A súa presenza, así como a construción da estrada de circunvalación, tivo un forte efecto sobre as comunidades de sapo común (Bufo bufo) que veñen desovar na lagoa. A presenza esporádica de especies coma a lontra, a garza e o "cormorán" (corvo mariño) axudan no labor de erradicación deste cangrexo invasor, xa que se alimentan deste crustáceo e manteñen a súa poboación a raia.

Salientar que esta lagoa conforma o nacemento do río Eifonso, que é o afluente principal do río Lagares (o máis longo do municipio de Vigo). Tamén son destacables a comunidade de salgueiro branco (Salix alba) e alcipreste dos illós (Taxodium distichum). Na parte cara ó norte, mirando de cara á zona deportiva, pode observarse o "Mar de Árbores": unha plantación de carballos comúns (Quercus robur) da variedade "pyramidalis" (ornamental), na que convive un sotobosque importante de acivros (Ilex aquifolium).

lagoa de Filoloxía


O Mato

Na parte de maior altitude no campus (case 500 m s.n.m), está esta extensa área (Alto das Pedreiras) dunhas 24 ha, con matogueira de toxos (Ulex europaeus, U. micrantus, U. gallii), uces, breixos (Erica cinerea, E. tetralix, E. ciliaris, E. umbellata), xestas (Cytisus scoparius, C. striatus, C. multiflorus), codesos (Adenocarpus complicatus), estebas (Cistus spp.) e fentos/felgos (Pteridium aquilinum). Este tipo de hábitat (abondoso no territorio galego) está considerado un hábitat prioritario na conservación da natureza en Europa, tal e como vén remarcando a Directiva de Hábitats da rede europea. É importante porque alberga un estrato arbustivo que nas súas raíces acumula rhizobios que participan na fixación do nitróxeno atmosférico no solo. Ademais, constitúen un lugar característico para o refuxio e cría dunha gran variedade de fauna. Tamén dentro desta zona está inserida unha área arqueolóxica protexida con 4 mámoas: soterramentos funerarios do Neolítico (9000-4000 anos a.C.), que ás veces deixan entrever a súa cámara interior (dolmen ou anta) formada por lousas verticais denominadas chantas ou esteos (a orientación do seu corredor normalmente é S-SE).

esteba esteba de láudano flor de esteba

Estas zonas caracterízanse por teren solos pouco profundos e pobres en nutrientes, moitas veces alterados pola actividade gandeira, o lume, a erosión e a acción antropoxénica. Son zonas altas e expostas, afectadas polo vento e a chuvia, así como pola irradiación solar (especies heliófitas). Os seus solos adoitan seren pedregosos, característicos de zonas de alta montaña (+1400 m) e de pH ácido. Neste caso en concreto é froito da degradación non-natural, polo que a súa tendencia natural é a evolucionar de cara a un bosque por sucesión (por iso periodicamente se acometen rozas para conservar este tipo de hábitat). O sotobosque está conformado por especies de follas pequenas (moitas veces con espiñas e cutículas grosas ou cerosas, para perderen menos auga), baixo un arborado arbustivo de follaxe pouco densa. Estas producen baixa humificación e a materia orgánica achegada ó solo é escasa, o que favorece o seu empobrecemento.

Aparecen dúas especies singulares nesta zona (tamén presentes nalgunhas outras zonas do campus): as barbas de raposa (Cuscuta epithymum) e a herba piolleira (Pedicularis sylvatica, "gallerita" en castelán). As barbas de raposa son unhas plantas parasitas, sen partes verdes, xa que o seu "alimento" non o obteñen do solo e do sol, senón directamente da planta que parasita. Medra a modo de fíos avermellados enmarañados por riba dos toxos e doutro tipo de mato, ós que lles rouba o alimento grazas a unhas raíces especializadas que entran no sistema vascular da planta hóspede. A herba piolleira é unha planta hemi-parasita, con parte fotosintética propia (verde) e outra que parasita raíces de gramíneas e leguminosas.

En canto á fauna, están presentes moitas especies que atopan aquí refuxio, alimento e zona de cría. Moitas aves e mamíferos teñen cores pardas que lles permiten camuflárense (cripse) e protexérense así dos depredadores. Pode observarse a avenoiteira que cría no chan, a laverca, loia ou cotovía, a chasca co seu característico e continuo movemento de rabo, a papuxa do mato, a perdiz e o paspallás. Tamén podemos observar aves de rapina coma o buxato/miñato e o peneiriño, que capturan o seu alimento nestes espazos abertos. Son comúns os escaravellos do tipo cicindela (co dorso verde brillante), e réptiles coma o esgonzo/escáncer (Chalcides striatus), o lagarto arnal ou ocelado (Timon lepidus), o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) e as lagartas (moitas do xénero Podarcis). Tense avistado víbora de Seoane, endémica do noroeste ibérico. Están presentes mamíferos coma o coello (moi abundante no campus), o raposo (o golpe), mustélidos coma o teixugo (Meles meles), a denociña (Mustela nivalis: donicela, adelociña, denunciña, dinuciña, delonciña, denosiña, doniña, donosiña, dolosiña, dona das paredes, donexina, donirla, gunicela, garridiña), a marta (Martes martes: fuíña, faina, martaraña, martarata, martorana, martuxa, martucho, martuxo) con peito amarelo, a garduña (Martes foina) con peito branco, e a xeneta (Genetta genetta: rabisaco, gatela, algaria, algaia, gato de algalia) con puntos negros.

o

Moitas destas especies ás veces non é doado observalas directamente (adoitan ter hábitos nocturnos), pero existen evidencias no terreo (pegadas, restos de pelaxe e caza, deposicións, etc.) que revelan a súa presenza. Non é difícil atoparse con greas de cabalos/bestas pacendo en estado de semiliberdade. Axudan a manter os pastos e contribúen como elemento cultural de gran valor para as celebración anuais nos curros da contorna (monte Galiñeiro), onde se xuntan para desparasitalos, cortarlles as crinas e marcar os poldros acabados de nacer.

Piñeiral xunto ó depósito de auga

Nesta zona pódese observar un piñeiral relicto con formación de sotobosque composto en gran parte por acivros. Este tipo de paisaxe, "impropio" desta zona, consecuencia de plantacións precedentes para produciren madeira barata, foi, antes da construción do campus, o hábitat máis habitual xunto coas leiras rurais. Canda a expropiación dos terreos para a ampliación do campus, os piñeirais foron cortados na súa maioría pola veciñanza para obteren o maior beneficio económico. Isto deu lugar a importantes movementos de terra que provocaron a destrución dos perfís edáficos e a compactación do solo. Estas agresións supuxeron un forte impacto negativo no campus, perdéndose, ademais do solo e da vexetación, hábitats moi valiosos e singulares.

O piñeiral produce resinas e follas (o arume) con substancias alelopáticas que, xunto coa forte sombra que proxectan, impiden o crecemento fácil de vexetación baixo as súas copas. Baixo os piñeirais atópanse moitas especies de cogomelos que micorrizan as raíces das árbores (simbiose), moitos de uso culinario coma os níscalos/robellóns e os boletus. Tamén é fácil observar "peidos de lobo", "cogomelos da risa" e "bombas de tinguir". Nas codias dos piñeiros medran con frecuencia liques e fungos.

Nas súas polas aniña moitas veces a eiruga da procesionaria (Thaumetopoea pityocampa), dando lugar a masas brancas, laúdas e enmarañadas nas copas dos piñeiros, coas postas de ovos. Esta eiruga metamorfosea a unha bolboreta nocturna. Na fase de eiruga son altamente urticantes debido ás súas pilosidades. Reciben este nome porque ó abandonaren os niños se desprazan polas pólas, toros e o chan, formando unha ringleira, unhas detrás das outras, como se fosen en procesión, buscando un lugar para enterrárense e realizar a metamorfose.

Por esta zona está un dos primeiros herpetorrefuxios do campus, construídos co aproveitamento de material procedente dos labores de despedregado dos terreos. A súa función, ademais de refuxio para a fauna, é a de actuar como delimitardores de zonas e como obstáculo para a entrada de vehículos e, nalgúns casos, tamén serven como asentos para desfrutar dun momento de lecer.

Por aquí é doado ver e escoitar aves coma o peto e o verdeal, o ferreiriño, o gabeador, o escribano montesino, a escribenta riscada, o merlo (Turdus merula), o gaio (pegamarza) ou ocorvo. Se nos fixamos con atención, se cadra, poderá aparecer algún esquío, e é doado ver pinabetas comidas por este animal que deixa, cando se alimenta dos piñóns, espigas baleiras cunha marca helicoidal todo arredor.

o


Devesa de Fontecova

Atopámonos ante un dos hábitats de nova creación, froito do Plan de Revexetación de inicios do 2001. Outros hábitats creados foron a carballeira por riba de Anfaco-Cecopesca, o sobreiral da parte baixa do campus, o souto (castiñeiros) e a devesa da Cumieira pola parte baixa de Filoloxía, xunto co souto na entrada do merendeiro de Beade. Desenvólvese nesta devesa un bosque mixto, non moi mesto (propio de montañas de interior como O Caurel e Os Ancares), de especies caducifolias/frondosas no que non predomina unha especie en concreto. Obsérvanse multitude de bidueiros, carballos e pradairos, entre os que asoman cerquiños e algunhas outras especies como a abelaira, o capudre (cancereixo; de climas fríos e altos, as súas xemas están protexidas con pilosidades brancas), o escambrón (espiño ou estripeiro; característico polas súas espiñas), o acrivro ou xardón, o cataperiero ou pereira brava (tamén con espiñas, que produce unha peras pequenas acedas moi apreciadas pola avifauna), o abruñeiro (con froitos carnosos e escuros), etc. O sotobosque está conformado principalmente por sanguiños, fentos, silvas e bigordas.

No lateral oeste discorre o nacemento do regato Fontecova, que ten un paso subterráneo para fauna (sobre todo para anfibios e mamíferos) baixo a estrada de circunvalación, de xeito que se minimiza o "efecto barreira" deste tipo de infraestruturas, evitando a fragmentación de hábitats e o illamento das poboacións. O paso ten unha franxa en resalte para poder pasalo en seco cando baixa auga polo regato, e na zona de baixada de augas ten unha serie de banzos para que estas perda enerxía e se osixenen. A carón deste regato desenvólvense especies máis típicas de ribeira, como ameneiros e salgueiros, e entre a fauna podemos atopar pintafontes, píntegas e sapo raxado (esp. "sapillo pintojo").

Nesta zona agroma con frecuencia unha árbore invasora, a acacia negra (Acacia melanoxylon), que xunto con mimosas e eucaliptos, orixinarias de Australia, foron amplamente introducidas en Galicia a partir de 1820. Ten unha gran capacidade de colonización, mesmo en solos degradados, e é moi difícil de erradicar. As acacias maduras presentan filodios, que son talos modificados (aplanados) que teñen a aparencia de folla, pero que non constitúen follas verdadeiras, xa que a verdadeira folla da acacia é múltiple e só pode verse nos exemplares e gromos máis novos.

Estanque do párking de Teleco

Estanque naturalizado no que abonda a espadaina (Typha latifolia) que serve como depurador natural (fitorremediación) e é agocho para multitude de especies.

o


Esta lagoa foi "naturalizada" cun proxecto da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UVigo, xa que nos inicios era un estanque semiesférico, cun xeotéxtil escuro polo fondo que aumentaba moito a temperatura das súas augas, o que dificultaba o desenvolvemento da vida. Déuselle unha conformación máis heteroxénea e menos xeométrica, retirouse o xeotéxtil na súa maioría, e plantáronse especies autóctonas nas beiras. Pouco a pouco foi colonizada por multitude doutras especies de flora (como a mencionada typha, uces, toxos, xestas, estripeiros, etc.) e de fauna (entre a que destacan anfibios como as ras e os pintafontes, insectos como as libeliñas, os gaiteiros e as bolboretas, e multitude diferente de especies de aves que a visitan para gorecérense e alimentárense).