Xacemento Arqueolóxico do Monte das Cabanas

Localizado no campus das Lagoas-Marcosende, na ladeira ó sur da estrada que comunica a Escola Superior de Enxeñería Industrial coa Facultade de Ciencias, destaca por ser o primeiro xacemento entre a Idade do Cobre (Calcolítico) e a Idade de Bronce (III-II milenio a.C.) descuberto no Concello de Vigo.



Malia estar catalogado pola Xunta de Galicia dende o ano 1998, no 2001 comezara unha obra próxima de desterres para realizar uns estacionamentos que estaban proxectados para esa zona. Este movemento de terras supuxo ter que acometer unha intervención arqueolóxica que deu como resultado o descubrimento de abundante material de asentamentos prehistóricos (3000-1700 anos a.C.), polo que a situación do estacionamento inicialmente proxectado se trasladou, construíndose máis próximo á Facultade de Ciencias. Toda esa superficie afectada polos desterres conservouse e recuperouse para realizar plantacións de árbores e arbustos incluídas no Plan de Revexetación do campus das Lagoas-Marcosende, zona moi solleira, orientada ó sur, polo que as especies plantadas foron aquelas que estaban adaptadas a esas condicións: sobreiras, loureiros, érbedos, estebas, xaras, etc.

Posteriormente, no ano 2003, realizouse outra prospección arqueolóxica que deu como resultado o descubrimento de varias fosas de función descoñecida, silos empregados para o almacenamento de gran e doutros alimentos, restos de fogueiras, abondoso material cerámico e lítico, sementes (grans e landras) e dous muíños de man de pedra (material trasladado ó Museo Municipal Quiñones de León), tal como se pode observar na fotografía.

En febreiro de 2005 a OMA encargou a instalación dun valado perimetral de madeira para protexer esta zona de gran valor arqueolóxico. Neste momento o xacemento está á espera da súa posta en valor, con potencial para ser musealizado ó aire libre e recoller todo ese patrimonio histórico para dalo a coñecer mellor.