Unha mámoa (denominada tamén medoña, medorra, madroa, modia, mota, dorna, etc.) é unha estrutura arqueolóxica funeraria formada por un túmulo de terra con forma de pequeno outeiro (semellante a unha mama, de aí a probable orixe da palabra mámoa), que moi frecuentemente contén na súa parte interior e central unha estrutura pétrea de carácter megalítico conformada por varias pedras verticais (chamados ortostatos, esteos ou chantas) apoiadas entre si, e sobre as que descansa unha gran laxa horizontal a modo de tampa/cuberta. Esta estrutura pétrea (semellante a unha "casoupa") coñécese co nome de dolmen (en bretón "mesa de pedra"), anta, casota, forno, mina ou arca, que moitas veces aparece solitaria sobre a paisaxe, xa sen cuberta tumular, debido a procesos erosivos ou de espolio.

Con frecuencia o dolmen presenta unha parte aberta en forma de "porta", que algunhas veces ten un acceso externo en forma de "túnel" que funciona como un "corredor cuberto", conformado por laxas verticais sobre as que descansan outras horizontais que constitúen a cuberta do corredor.

En ocasións esa porta ou corredor amosa unha "clausura" definitiva, co acceso pechado e "custodiado" por "idoliños" de pedra, por veces de claro carácter antropomórfico ou cantos rodados, ós que se lles supón unha posible función de "vixilancia/custodia".

Estes "accesos" adoitan ter unha orientación espacial astronómica, normalmente con relación ó sol, e son comúns en enterramentos colectivos nos que as mámoas se usaban ó longo do tempo como "ultimo descanso" das persoas que moitas veces pertencían a un mesmo grupo, tribo ou familias.

Con todo, existen mámoas de carácter individual e mesmo algunhas carentes de estrutura pétrea interna.

Ás veces as mámoas aparecen perimetradas por aneis pétreos como se fosen unha muralla "protectora", a certa distancia da "cámara funeraria", e mesmo poden presentar unha cuberta pétrea superficial que constitúe unha coiraza que conforma unha semiesfera completa que recobre todo o túmulo funerario [poderiamos visualizala como unha "proto-pirámide"; a complexidade destes monumentos megalíticos aparece en zonas do centro e do sur de Iberia, e da Bretaña e da Gran Bretaña, como inmensos dolmens e mesmo "cairns" que cobren varios dolmens, asociados a outras estruturas cerimoniais/rituais e santuarios con aliñamentos megalíticos ou circulares (cromeleques)].

Estas sepulturas (non sempre megalíticas, e ás veces con parte en madeira) esténdese no tempo dende o ~IV milenio a. C. por Europa Occidental. En Galicia, debido á acidez do solo, non acostuman aparecer restos óseos ou orgánicos, polo que non é doada a súa datación.

No interior dos dolmens teñen aparecido restos de recebo, por exemplo de caolinita, e mesmo gravados ou restos de pintura (abstractos: liñas, sinusoides, zig-zags, cuadriculas, etc.). Algunhas referencias antigas documentadas fan alusión a que as persoas que as "descubrían" indicaban que os dolmens tiñan "pedras escritas" (que ó saíren "á luz" acaban deteriorándose rapidamente).

Supónselles un carácter ritual sacro que se manifesta na súa monumentalidade arquitectónica e na aparición con frecuencia de enxovais funerarios normalmente pétreos (adornos, puntas de frecha, machados, apeiros, ferramentas, cuncas, restos cerámicos, etc.; poucas veces metálicos: cobre, bronce, ouro, ferro; se cadra de agochos de épocas posteriores, xa que na cultura á que pertencían as mámoas aínda non traballaban os metais; non existía a metalurxia). Estes "restos" acompañaban a persoa falecida no seu "tránsito ó máis-aló" (o alén).

Por mor da existencia destes enxovais, e pola crenza de conteren "tesouriños" potenciais, con frecuencia moitas mámoas foron espoliadas (presentan conos de violación/saqueo), que ás veces foron recubertos novamente polos espoliadores; crese que polo "medo" á superstición de que lles puidese afectar negativamente (unha "maldición"), coñecedores de que estaban "actuando" nun antiquísimo espazo "sagrado". As propias grandes laxas que se escondían de cote debaixo das mámoas tamén tiñan un gran valor e foron tamén a causa do seu espolio (pedras que se reusaban, ben enteiras ou partidas, en construcións das novas persoas que moraban na zona, ata ben entrado o século XX).

No campus das Lagoas-Marcosende, polos traballos do arqueólogo e historiador Ramón Patiño, coñecemos que no campus se perderon dúas mámoas localizadas no que na actualidade son os campos de deportes, e outra ó construí-la antiga estrada ó campus.

mámoa M-2
mámoa M-3

Ficha Arqueolóxica

Denominación: Necrópole megalítica das Xunqueiras
Altitude: 489 m sobre o nivel do mar
Adscrición tipolóxica: Túmulo megalítico
Adscrición cultural: Neolítico
Descrición: Necrópole de 4 mámoas nunha dorsal

Mámoa 1

O túmulo, de 16 m por 18 m e unha altura de 1,10 m, está máis rebaixado cara ó oeste, e presenta un cono de violación/expoliación (de 4 por 4 m). Obsérvanse pedras que poderían pertencer á estrutura tumular.

Mámoa 2

O túmulo, de 16 m por 16 m, está bastante arrasado (sobresae uns 70 cm) e presenta un cono de violación/expoliación (de 3,5 por 5 m). Conserva 3 ortostatos da cámara que sobresaen aproximadamente 80 cm. No ano 2015 escavouse no marco dunha campaña arqueolóxica que estudou a súa estrutura interna, repoñendo novamente o seu estado orixinal trala escavación.

M-2 M-2
Escavación da mámoa M-2 (setembro-2025)


Noticia: "O cemiterio neolítico «cum laude» agochado no campus de Vigo"
M-2

Mámoa 3

O túmulo, de 19 m por 18 m e cunha altura de 1,65 m, está cortado polo sur e presenta un cono de violación/expoliación (de 5 por 6 m). Obsérvanse algunhas pedras que poderían formar parte da estrutura tumular. No ano 2016 escavouse no marco dunha campaña arqueolóxica na necrópole megalítica das Pedreiras, co obxectivo de estuda-la estrutura interna do monumento e da zona na que se localiza a cámara funeraria.


Noticia: "La arqueología va de sorpresa en sorpresa en el subsuelo de Vigo"
Noticia: "Unha nova escavación achégase á posible cámara funeraria do maior túmulo da necrópole do campus de Vigo"
M-2
M-2
Escavación da mámoa M-3 (setembro-2026)

M-2
Resto pétreo con "coviñas" aparecido no interior de M3.

Mámoa 4

O túmulo, de 15 m por 14 m e cunha altura de 60 cm, presenta a súa base cortada cara ó oeste e un cono de violación/expoliación de 4 por 3,5 m. Conserva un ortostato que apenas sobresae 10 cm do terreo.

Protección e normativa

Non se valora nin se preserva o que non se coñece.

Os restos arqueolóxicos adoitan verse como unha morea de pedras vellas, mudas e incomprensibles, moitas veces parte dunha realidade distorsionada por antigas lendas.

Do patrimonio arqueolóxico obtense información sobre sociedades antigas que precederon e modelaron o que hoxe somos. Forma parte da nosa paisaxe, constituíndo unha propiedade común, responsabilidade de todo o mundo, para o coñecemento e deleite actual e das vindeiras xeracións.

Indicacións para visita-los xacementos arqueolóxicos:


As accións que danen o patrimonio son penadas pola lei, e tódalas persoas temos a autoridade e o deber cidadán e legal para obrigar a protexer este patrimonio, denunciando os danos que observemos á Administración competente.