Mortalidade de sapos

A incidencia das obras para a constución das infraestruturas dos campus ten ás veces unha relevancia importante sobre o impacto na fauna. Ademais da destrución directa do hábitat cabe mencionar a mortalidade directa, é dicir, os atropelos nas estradas e a colisión de aves contra as cristaleiras dos edificios e das pasarelas que os unen.

Sen dúbida, a especie máis afectada pola estrada de circunvalación do campus das Lagoas-Marcosende é o sapo común, pertencente á subespecie Bufo bufo spinosus (Daudin, 1803) (Galán Fernandez, 1993). Na Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) existe unha lagoa á que acoden tódolos anos centos de sapos a reproducírense. Trala construción da estrada de circunvalación estes animais foran atropelados masivamente, tanto na migración dos adultos cara á lagoa para realizar a posta (febreiro-marzo), como posteriormente na dispersión dos xuvenís dende a lagoa (maio-xuño).


A partir do ano 2003, como medida correctora para diminuír o impacto da estrada de circunvalación sobre a poboación de sapo común, a OMA optou pola instalación de trampas temporais para a captura dos individuos adultos durante a migración reprodutora cara á lagoa da FFT.

As trampas consisten nunha malla lixeira de plástico (tipo malla de 'rafia de' sombreo) de varias decenas de metros, que se dispón paralelamente á estrada, procurando interceptar as rutas que concentran a migración dos sapos. A malla ten unha altura duns 30 cm, está fixada ó chan mediante terra e mantense erguida mediante varas de aceiro instaladas cada metro e medio. Ao longo dela, cada 6-8 m, colocáronse unhas esportas soterrados a ras de chan; no seu interior unhas pedras serven de refuxio ós sapos que poidan caer.

Ó atopárense coa barreira formada pola malla, os sapos tenden a desprazárense ó longo dela. Dese xeito, caen nas esportas. En tanto que permaneceron instaladas, as trampas revisáronse tódolos días a primeira hora da mañá, xa que nesta especie a migración reprodutora é fundamentalmente nocturna. Finalmente, os sapos capturados foran trasladados polos biólogos da OMA ata a lagoa de Humanidades para que puidesen realizar a posta.

Ademais, na época de dispersión dos xuvenís, estes recóllense a man na lagoa e sóltanse na outra beira da estrada.

En xaneiro de 2007 a OMA instalou de novo as trampas para evitar o atropelo de sapos na circunvalación do campus das Lagoas-Marcosene. Ese ano colocáronse 16 esportas repartidas ó longo de 3 barreiras, cun total de 190 m de lonxitude.

En xaneiro de 2006 a OMA editou o documental 'Vida de Sapo' no que se relatan estes feitos (preme abaixo):



Lagoa da Facultade de
Filoloxía e Tradución
Adulto atropelado na
estrada de circunvalación
Barreira instalada
pola OMA
Adultos capturados
nunha esporta
Solta de adultos
na lagoa
Parella de adultos na lagoa,
durante a aperta de apareamento
(amplexus axilar)