Cambio Climático

O cambio climático é o cambio no patrón meteorolóxico máis probable durante un período de tempo prolongado. O cambio climático actual tende a producir o quecemento do planeta a escala global, por mor do aumento da concentración de gases de efecto invernadoiro (GEI) na atmosfera. Os GEI son gases capaces de absorber e de emitir radiación térmica no intervalo infravermello e, polo tanto, de impedir que esta escape cara ó espazo. Para medir o cambio na cantidade de enerxía que chega á superficie da Terra, emprégase o concepto de forzamento radiativo. O forzamento radiativo representa o cambio na cantidade de fluxo neto de enerxía radiativa que acada a superficie da Terra (medindo a devandita enerxía no borde superior da troposfera, a uns 12.000 m sobre o nivel do mar) debido a cada un dos gases. Mídese en W/m2 e serve para entender e cuantificar o quecemento global do planeta. Unha vez que estes valores se coñecen, é posible cuantificar e establecer unha relación directa entre o aumento da temperatura global e a presenza de cada gas na atmosfera.

Para calcular o Cambio Climático global, aplícase o modelo da Universidade de Berna, empregado polo International Panel of Climate Change (IPCC) no seu informe do ano 2007, que se establece como modelo común dentro de marco da Unión Europea. Neste modelo defínese o Potencial de Quecemento Global (GWP, Global Warming Potential). O GWP representa a calor que pode atrapar un gas de efecto invernadoiro en relación cun gas de referencia. Aceptando como gas de referencia o CO2, o GWP do CO2 é 1. O GWP calcúlase en función do forzamento radiativo, do espectro de absorción e do tempo de permanencia na atmosfera de cada gas. Ademais, pódese calcular o GWP para 20 anos de permanencia de cada gas na atmosfera, para 100 ou para 500 anos. No modelo aceptado pola Unión Europea considérase o GWP100, é dicir, o Potencial de Quecemento Global calculado para 100 anos de presenza do gas na atmosfera.

O cambio climático actual débese ao aumento da temperatura media global do planeta. Un aumento na temperatura media global do planeta presenta serios problemas, sendo os máis significativos na actualidade:

  • Aumento dos valores medios de temperatura e das temperaturas extremas
  • Aumento da aparición de fenómenos meteorolóxicos extremos
  • Desxeo dos polos
  • Aumento do nivel do mar
  • Acidificación dos océanos
  • Cambios nas condicións abióticas e bióticas dos ecosistemas

Cambio Climático - OMA

Dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidad de Vigo trabállase para reducir a pegada de carbono e a pegada ecolóxica, medidas que serven para analizar o impacto ambiental da Universidade e estudar cal é a contribución da Universidade ao cambio climático global.

A través de diferentes plans e iniciativas promovidas dende a Oficina de Medio Ambiente, e en colaboración con distintos órganos da Universidade, foi posible reducir a pegada de carbono da Universidade en máis dun 13 % dende o ano 2009, mantendo dende entón unha tendencia constante de redución.