Lámpadas Fluorescentes

Recollida de Lámpadas Fluorescentes

As lámpadas fluorescentes son, segundo o Real Decreto 110/2015, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).

O Real Decreto 110/2015 establece que os últimos posuidores poderán devolver os aparellos eléctricos e electrónicos e os seus residuos, sen custo, aos distribuidores/vendedores aos que se lles compren equipos/produtos novos (incluso non fai falta a compra nova se o establecemento supera os 400 m2). Os provedores están obrigados a proceder á súa correcta xestión, xa que o custo desta está incluído no prezo do produto.

O procedemento de entrega dos fluorescentes para unha xestión adecuada consiste en que o usuario, cando compre un novo produto, de tipo equivalente ou que realice as mesmas funcións có aparato que rexeita, poderá entregalo no acto de compra ao distribuidor.

Segundo isto, as conserxarías dos centros, ou en xeral calquera persoa que teña que adquirir lámpadas fluorescentes, terán que entregarlle aos provedores, no momento da compra dos novos, os fluorescentes inservibles. Se os provedores se negasen a recollelos porque hai máis acumulados cós comprados ou ben porque non se van adquirir novas lámpadas, poderán ser retirados polo xestor autorizado co que contacta a UVIGO para a recollida deste tipo de residuos (RAEE).

Os fluorescentes deben depositarse enteiros, procurando que non rompan (xa que escaparía ó exterior o gas perigoso que conteñen). Hai que extremar o coidado á hora de depositalos, manipulalos e recollelos.