Mapas dos Ecosistemas dos distintos campus

Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus
Campus


AS ABELLEIRAS


Situada xeograficamente no corazón do campus, esta zona conforma unha grande área verde de case cinco hectáreas, relacionando e unindo os diferentes ámbitos universitarios mediante sendas peonís.
Ata mediada a década de 1980 (logo da expropiación e posterior cesión á UVIGO) esta zona formaba parte dunha grande extensión de piñeiral mesto (froito das repoboacións da década de 1950), acompañado con pequenas zonas de prado e pés ciscados de arborado frondoso, e era propiedade dos veciños de Zamáns, en "réxime mancomunado".

Ver o panel de natureza


O MATO


En termos de ecoloxía da paisaxe, o mato considérase o ambiente dominante no territorio galego. Conforma hábitats abertos cunha elevada biodiversidade. A fauna aproveita este ecosistema como lugar de reprodución e acubillo, xa que as especies vexetais que o conforman proporcionan unha boa defensa contra os depredadores, o que o fai moi apreciado por réptiles, aves e pequenos mamíferos. Está considerado como prioritario na Directiva Hábitat da Unión Europea.
Ademais do valor ambiental e paisaxístico, en gran parte polas espectaculares floracións da matogueira, esta zona é de gran interese histórico-cultural debido a á zona arqueolóxica que alberga e que se pode percorrer doadamente polos carreiros que a sucan, onde podemos atopar con frecuencia cabalos que pastan en liberdade.

Ver o panel de natureza


LAGOA FILOLOXÍA


A lagoa de Filoloxía atópase na entrada norte ao campus, na cume dun outeiro, en fronte á antiga necrópole neolítica.
Mediados os anos setenta, e integrada no xardín paisaxista do Colexio Universitario de Vigo (CUVI), constrúese unha lagoa de 2000 m3 aproveitando un manancial natural que forma parte da cabeceira e nacemento do río Eifonso, afluente principal do río Lagares.
Ademais da función paisaxística, tamén recolle as augas de arroiada superficial da contorna.

Ver o panel de natureza


A DEVESA


Na eco-rexión atlántica galaica do período glaciar (hai uns 10.000 anos) abondaron as praderías de gramíneas nas que paulatinamente foron asentándose as especies arbóreas pioneiras (piñeiros silvestres e bidueiros). No período boreal, ao facerse máis quente e húmido o clima, estas especies van sendo substituídas ou acompañadas por especies frondosas como abelairas e carballos. No período atlántico (hai uns 7.000 anos), ao seguir temperando máis o clima, aumenta a diversidade de especies. Moitas seguen a ser abundantes hoxe, mais outras aparecen como ventureiras, como é o caso de tileiros e piñeiros silvestres, ou escasean, como os ulmeiros e as faias. O carballo mantense como a especie climática máis representativa.

Ver o panel de natureza


PRADARÍAS


Os prados forman ecosistemas creados como consecuencia da actividade humana, mantendo a vexetación nun estado de subclímax, sen evolucionar a un estado de bosque maduro.
As case 3 ha de pradaría de Vilariño e das Cabanas, situadas na zona máis baixa do campus, mantéñense mediante as segas e opastoreo do gando veciñal.
Son hábitats heteroxéneos constituídos por especies herbáceas de escasa altura e raíces pouco profundas, cohabitando herbívoros, roedores, aves e numerosos insectos.

Ver o panel de natureza


LAGOA CIENCIAS


A lagoa, localizada ao sur da Facultade de Ciencias, sobre a cota 390, formouse a partir da ampliación dunha pequena lagoa natural, intermedia no discorrer das augas superficiais da principal bacía hidrográfica do campus, que abrangue case 40 ha, ata o encoro de Zamáns.
No ano 2000 amplíase o vaso até os 2.500 m2 actuais coa finalidade de compensar o aumento das pautas de arroiada, froito das actuacións de edificación no campus, que asolagaban a zona sur. Ademais de actuar como filtro biolóxico para diminuír a contaminación difusa, favorece a decantación dos lodos en suspensión.

Ver o panel de natureza


BOSQUE HÚMIDO


Nos terreos que rodean a Lagoa de Ciencias, debido ás condicións de alta humidade e de baixa radiación solar, desenvolveuse un bosque caducifolio de umbría, axudado por un plan de reforestación e transplante.
Neste tipo de terreos o nivel freático da auga é alto, polo que a vexetación non necesita afondar moito coas súas raíces para atopala.
O sotobosque está constituído por especies adaptadas á baixa intensidade lumínica e por unha densa capa de follaxe que achega materia orgánica e nutrientes ao solo.

Ver o panel de natureza


O SOBREIRAL


Dende o ano 2001 vénse acometendo un plan de rexeneración do campus, co fin de protexer o solo, aumentar a biodiversidade e potenciar a vexetación, tentándose recrear de xeito natural os distintos hábitats propios de Galicia. Nesta ladeira orientada ao sur, das máis cálidas e asolladas do campus, plantouse un sobreiral mixto de máis de 2 ha.

Ver o panel de natureza


EQUISETOS


O xénero Equisetum ten un extenso rexistro fósil entre o Devónico e o Carbonífero (existen importantes depósitos de hulla que constatan enormes bosques hai uns 400 millóns de anos). É o único xénero supervivente de todas as equisetópsidas, polo que se definen as equisetáceas como unha familia monotípica. Na actualidade, este xénero consta de 25 especies.

Ver o panel de natureza

Mapa e cartel do percurso do arboreto campus Pontevedra



Nesta ligazón/enlace podedes descargar "Guía didáctica do roteiro do arboreto do campus de Pontevedra".

Mapas de Xeoloxía co campus de Vigo As Lagoas-Marcosende

Reitoría Deportes


Neste mapa podedes localizar os puntos exactos dos paneis de xeoloxía do campus das Lagoas-Marcosende de Vigo, e premendo sobre eles baixar a información do panel e a información complementaria que se vaia engadindo.