Xacemento Arqueolóxico do Monte das Cabanas

Localizado no campus das Lagoas-Marcosende, na ladeira ó sur da estrada que comunica a Escola Superior de Enxeñería Industrial coa Facultade de Ciencias, destaca por ser o primeiro xacemento entre a Idade do Cobre (Calcolítico) e a Idade de Bronce (III-II milenio a.C.) descuberto no Concello de Vigo.



Malia estar catalogado pola Xunta de Galicia dende o ano 1998, no 2001 sufriu unha importante alteración por mor dos desterres producidos polas obras dunha zona de estacionamentos que estaba proxectada nesa zona. Para avaliar os efectos deste impacto fíxose unha intervención arqueolóxica que deu como resultado a localización de abundante material, polo que o estacionamento inicialmente proxectado trasladouse, construíndose máis próximo á Fac. de Ciencias. Toda a superficie afectada polos desterres recuperouse para realizar plantacións de árbores e arbustos incluídas no Plan de Revexetación do campus das Lagoas-Marcosende, zona moi solleira, orientada ó sur, polo que as especies plantadas foron: sobreiras, loureiros, érbedos, estebas, xaras, etc.

Posteriormente, no ano 2003, realizouse outra prospección que deu como resultado o descubrimento de varias fosas de función descoñecida, silos empregados para o almacenamento de gran e doutros alimentos, abondoso material cerámico e lítico, sementes (grans e landras) e dous muíños de man de pedra (material trasladado ó Museo Municipal Quiñones de León), tal como se pode observar na fotografía.

En febreiro de 2005 a OMA encargou a instalación dun valado de madeira arredor para protexer esta zona de gran valor arqueolóxico. Neste momento o xacemento está á espera da súa posta en valor, con potencial para ser musealizado ó aire libre e recoller todo ese patrimonio histórico para dalo a coñecer mellor.