Mámoas As Lagoas Marcosende

Unha mámoa (denominada tamén medoña, medorra, madroa, madorna, modia, mota, etc.) é un xacemento arqueolóxico formado por un túmulo de terra con forma de pequeno outeiro (semellante a unha mama, de aí a probable orixe da palabra mámoa), que moi frecuentemente contén na súa parte central unha estrutura de carácter megalítico formada por varias pedras verticais (chamados ortostatos, esteos ou chantas) apoiadas entre si, e sobre as que descansa unha gran laxa horizontal. Esta estrutura pétrea coñécese co nome de dolmen (en bretón "mesa de pedra"), anta, casota, forno, mina ou arca.

Co termo mámoa referímonos ás sepulturas megalíticas prehistóricas (~IV milenio a.C.) estendidas por Europa Occidental. Correspóndense con enterramentos case sempre colectivos, ben dun grupo, ben dunha familia, e posúen un ritual sacro que se manifesta na súa monumentalidade arquitectónica e no seu enxoval funerario.

Polos traballos de Ramón Patiño sabemos que no campus das Lagoas-Marcosende perdéronse dúas mámoas sitas no que na actualidade é o campo de deportes, e outra ao construír a estrada ao campus.

Ficha Arqueolóxica

Denominación: Necrópole megalítica das Xunqueiras

Altitude: 489 m sobre o nivel do mar

Adscrición tipolóxica: Túmulo megalítico

Adscrición cultural: Neolítico

Descrición: Necrópole de 4 mámoas nunha dorsal


Mamoa 1

O túmulo, de 16 m por 18 m e unha altura de 1,10 m, está máis rebaixado cara ao oeste, e presenta un cono de violación (de 4 por 4 m). Obsérvanse pedras que poderían pertencer á estrutura tumular.

Mamoa 2

O túmulo, de 16 m por 16 m, está bastante arrasado (sobresae uns 70 cm) e presenta un cono de violación (de 3,5 por 5 m). Conserva 3 ortostatos da cámara que sobresaen aproximadamente 80 cm.

Mamoa 3

O túmulo, de 19 m por 18 m e cunha altura de 1,65 m, está cortado polo sur e presenta un cono de violación (de 5 por 6 m). Obsérvanse algunhas pedras que poderían formar parte da estrutura tumular.

Mamoa 4

O túmulo, de 15 m por 14 m e cunha altura de 60 cm, presenta a súa base cortada cara ó oeste e un cono de violación de 4 por 3,5 m. Conserva un ortostato que apenas sobresae 10 cm do terreo.

Protección e normativa

Non se valora nin se preserva o que non se coñece. Os restos arqueolóxicos adoitan verse como unha morea de pedras vellas, mudas e incomprensibles, moitas veces parte dunha realidade distorsionada por antigas lendas.

Do patrimonio arqueolóxico obtense información sobre sociedades antigas que precederon e modelaron o que hoxe somos. Forma parte da nosa paisaxe, constituíndo unha propiedade común, responsabilidade de todos, para o deleite actual e das vindeiras xeracións.

Indicacións para visita-los xacementos arqueolóxicos:


As accións que danen o patrimonio son penadas pola lei, e todos temos a autoridade e o deber cidadán e legal para obrigar a protexer este patrimonio, denunciando os danos que observemos á Administración competente.